jueves, 13 de marzo de 2014

Subversión moral e cambio social


Gonzálo Pérez López

Coa mesma precisión milimétrica coa que os tiburóns do capitalismo calculan os seus movementos especulativos, calculan tamén as estratexias que conducen á anulación do pensamento racional autónomo da maioría da cidadanía, complementando a concepción marcusiana do pensamento unidimensional coa versión do pensamento único de Ignacio Ramonet, o que supón a aceptación do economicismo neoliberal como único modelo intelectualmente aceptable, que o mercado é o tótem e a panacea para acadar e distribuír os recursos e que a economía prima sobre a política. Así a globalización económica, a competitividade excluínte, o adelgazamento interesado do estado social, demonizando o público e privatizando todo o que sexa susceptible de incrementar as plusvalías das elites dominantes mentres se condena á miseria a millóns de persoas, son as consecuencias deste mantra ideolóxico ritualmente repetido e universalmente imposto pola implacable lóxica capitalista.
Cando aquel «Non hai alternativa!» do thatcherismo deu saída a etapa final cara a súa definitiva supremacía mundial, o neoliberalismo despregou toda a súa capacidade depredadora e non se limitou a actuar no ámbito da estrutura económica senón que, como cabía esperar, atacou directamente ó compoñente esencial do ser humano como tal, a súa dignidade. Sen renunciar á violencia directa cando considera oportuno dar un golpe de efecto, hoxe, coa meta practicamente acadada, prefire simultanear, en terminoloxía de Galtung, a violencia estrutural que degrada a vida da maioría da poboación mundial, impedíndolle gozar dos dereitos básicos para satisfacer as necesidades máis elementais, cunha violencia cultural que leva a xustificar ás outras e mesmo a inhibir a posibilidade de resposta dos que as padecen, destruíndo sistematicamente a súa capacidade de pensar e actuar autonomamente en calquera das dimensións humanas, con especial énfase na moral.
Así, a desmoralización, na dobre acepción académica de perda da moral e do ánimo, expándese sen límite, alimentada por aqueles que saben que esta depravación é directamente proporcional ó incremento dos seus beneficios.
Tan analiticamente inxenuo sería pensar que a elite dominante se vaia a autoinmolar, renunciando ó seu poder omniabarcante en pro dun reparto equitativo da riqueza, como contemplar a posibilidade de que unha decidida acción da maioría da poboación mundial que padece o desequilibrio provocado pola minoría hexemónica, propicie un cambio social orientado á realización práctica dunha xustiza global.
Corren tempos difíciles, sen dúbida, para os que aínda pensamos que outro tipo de convivencia universal, a única que racionalmente ten sentido como tal, é unha utopía realizable e irrenunciable, agás que se acepte a deshumanización irreversible como fracaso definitivo da especie. Todo parece invitarnos a buscar refuxio nun pesimismo paralizante, compartido cos afectiva e ideoloxicamente máis próximos a nós.
Se o que nos anima é superar esta deriva, só caben dúas opcións: unha revolución social mundial, tan desexable como cientificamente inviable hoxe, e que non garantiría por si mesma a permanencia no tempo do obxectivo de xustiza, ou iniciar un longo e arduo camiño para mudar a situación subvertendo o modelo de relacións humanas imperante como resultado da asimétrica distribución do poder. Non se trata dunha disxunción excluínte, xa que a opción pola segunda vía suporía de feito unha revolución social asentada sobre piares seguros e con vocación de perfeccionarse e perdurar no tempo.
Aceptadas estas premisas, parece obvio que a educación, entendida como tarefa pluridimensional e permanente, ten que xogar un decisivo papel no logro dos obxectivos propostos. Unha educación que vaia moito máis alá da escola institucional, aínda que a implique, que supón un reto universal no que os que manteñen a conciencia crítica, intelectual e, polo tanto, moralmente comprometidos, están obrigados a realizar un labor pedagóxico que axude aos cidadáns a deconstruír eficazmente o modelo de relacións configurado pola elite económica, provocando a necesidade de liberación. Os que acaden este nivel asumirán a responsabilidade de repetir o proceso con outras persoas e grupos, propagándose mimeticamente esta secuencia ata crear unha conciencia colectiva de que outra forma de convivencia é desexable e posible.
Pero son tan poderosos os mecanismos dos que dispón o capitalismo para impoñer a súa lóxica e frear calquera alternativa por moderada que sexa, que aqueles que asuman o compromiso de participar na longa marcha terán que desenvolver antes un nivel aceptable de resistencia á frustración.
Por unha parte, a pléiade de intelectuais orgánicos do sistema está permanentemente entregada a súa obstinada tarefa: monopolización dos medios, expansión do fundamentalismo económico, distorsión da realidade e música celestial para posibilitar o emprego implacable da ‘gota china’ que facilite a xustificación do sistema que os engorda.
Por outra, un grupo dos xa escasos supostamente comprometidos coa busca doutro modelo social, contraditoriamente imbuídos do efecto paralizante do sistema que pretenden combater, manteñen unha actitude timorata, canalizando a súa frustración a través dalgún xogo floral na rede, pero aceptando como irremediable o secuestro preventivo da moral, e particularmente da linguaxe moral, como parte da estratexia da ideoloxía dominante tendente a potenciar a alienación xeneralizada. É especialmente significativa a desaparición do nivel de uso habitual de termos que como moral e inmoral (criterios para construír a escala de valores individual e colectiva), xustiza (ideal moral universal de relacións interpersoais), equidade (dereitos e deberes distribuídos de xeito moralmente xusto), revolución social (como xiro moral radical imprescindible na organización social que permita levar á práctica os ideais anteriores) e obxección de conciencia (desobediencia á lei por convicción moral), supoñen a expresión conceptualizada da única vía para reorientar as relacións intersubxectivas. Isto parece confirmar o trunfo da imposición do pensamento único que, ao non asumir como esencial á dimensión moral do ser humano, non necesita de palabras que a expresen nin de intercambios comunicativos que a socialicen.
Para superar a razón degradada pola súa propia instrumentalización e desmitificar e desenmascarar o modelo hexemónico, ademais dunha lectura crítica do mesmo, urxe priorizar os valores orientados a reinventar a razón emancipadora e rescatar o sentido humanizador da moral co obxectivo de asentar as bases dun novo marco universal de relacións sociais. A elección, entón, resulta inevitable: subversión moral ou barbarie.

Publicado no Progreso o 1-3-2014

viernes, 7 de marzo de 2014

Aborto e liberdade de conciencia



Elías Pérez Sánchez

No debate sobre o aborto adoitan distinguirse dúas controversias. A primeira consiste en discutir se o feto é unha persoa moral dende a concepción, unha criatura con dereitos e intereses propios de igual importancia que os de calquera outro membro da comunidade. A segunda é unha cuestión diferente: consiste en saber se o aborto é moralmente incorrecto porque dana o valor, a santidade ou inviolabilidade da vida humana.
Entendo que o debate en torno ao aborto é, no fondo, do segundo tipo. É un debate acerca de como e por que a vida humana ten un valor intrínseco e sobre que consecuencias se derivan diso para as decisións políticas e persoais. E debe ser do segundo tipo por dúas razóns. En primeiro lugar, porque o feto inmaturo -na súa primeira etapa de xestación, polo menos- carece de vida psíquica e polo tanto, sería incapaz de posuír intereses e dereitos, ademais de que a utilización do concepto «persoa moral» é o suficientemente ambiguo e ineficaz como para ser útil no debate.
Dito isto, en realidade, o imprescindible no debate sobre o aborto (e esta é a perspectiva de análise que mantivo o filósofo Ronald Dworkin) é encontrar un lugar intermedio, un terreo común -a convivencia en discrepancia- entre posturas conservadoras e liberais que a discusión sobre os dereitos ou intereses do feto non ofrece. Así pois, se exploramos un pouco o valor -a santidade ou inviolabilidade- da vida humana, podemos observar que tanto conservadores coma liberais comparten intuitivamente e explicitamente a idea xeral de que a vida humana posúe un valor obxectivo e inviolable que fai que o aborto sexa considerado por todos como un asunto de especial relevancia e complexidade moral.
Isto é: hai algo que une ambas as dúas dúas posturas, en principio irreconciliables, e é o compromiso co valor da vida humana independentemente de que se produzan desacordos sobre a interpretación relixiosa ou laica desa idea común.
Polo tanto, e dado que as diferenzas ou desacordos reais en torno ao aborto son de índole espiritual e afectan á conciencia das persoas, parece intuitivamente atractivo e xuridicamente fundamentado que un Estado democrático respecte a liberdade de conciencia e (por conseguinte) de elección en materia de aborto non impoñendo aos seus cidadáns xuízos colectivos ou uniformes que concirnen a conviccións espirituais.
Chegados a este punto, penso que o recente proxecto de lei do aborto non protexe este aspecto tan relevante. É máis, infrínxeo dun xeito solemne. Dada a carencia actual de consenso político sobre o tema do aborto, ademais da complexidade da súa problemática que reflicten as diferentes posicións ideolóxicas que se posicionan a favor e en contra deste, xunto coa diversidade de crenzas seculares ou relixiosas mantidas pola cidadanía (antes comentadas), sería esixible unha regulación legal cimentada nuns mínimos consensos que, partindo das distintas sensibilidades e enmarcados nun Estado aconfesional como é o noso, poida resolver e afrontar o complexo problema do aborto.
Con outras palabras: dado que tanto a liberdade, coma a igualdade e o pluralismo político son os valores superiores consagrados na nosa Constitución e, como tales, deben impregnar todo o noso ordenamento xurídico, esíxese que calquera regulación en materia de aborto deba articularse a partir do recoñecemento da liberdade de decisión e da preservación escrupulosa da liberdade de conciencia que garanta a pluralidade de intereses de todas as mulleres.
E que a devandita regulación non se fundamente nos principios morais extraseculares e relixiosos que algúns defenden lexitimamente, pero que nin poden nin deben esixirlles aos demais cidadáns.

Publicado no Progreso o 22-2-2014

Vivir sen ética



Mar Carballo Cela

Cando algo deixa de ser útil acaba por desaparecer; é unha lei básica tanto da evolución natural coma da cultural. E isto debeu ser o que lle sucedeu á ética: na sociedade de mercado a ética caeu en desuso porque xa non é importante, nin tan sequera necesaria.
A ética xorde como unha necesidade puramente social (para vivir sos fronte á natureza non necesitamos dela), é como o pegamento que nos mantén unidos. Sen esa clase de normas, non coercitivas pero firmemente interiorizadas que regulan as relacións humanas dentro do grupo, este acabaría por disolverse. O paradoxo do noso tempo é que vivimos en sociedade, e cada vez en grupos máis grandes, coa firme crenza de que non necesitamos dos demais; coexistimos, pero apenas convivimos. E isto é outra devastadora consecuencia do consumismo: baixo lemas mercantís tales como «fágao vostede mesmo, sen necesidade de axuda» ou «comodamente desde a súa casa, sen ter que saír»… fixéronnos crer, e así parece que o asumimos, que dispoñendo dos cartos suficientes calquera necesidade pode quedar cuberta. Non debemos preocuparnos porque, previo pago, ofrécennos seguridade no fogar, coidados, educación…, ou sexa, todo aquilo que previamente nos foi arrebatado. Aspiramos a non necesitar de ninguén, a ser totalmente autosuficientes; e así, para que queremos a ética?
Que gran erro, porque se algo nos caracteriza , como moi ben sinala César Rendueles no seu atinado libro ‘Sociofobia: el cambio político en la era de la utopía digital’, é precisamente a necesidade de coidado mutuo. En vez de asumir a nosa fraxilidade e dependencia natural, aspiramos inutilmente a superala deixándonos enganar polos mercaderes que nos venden autosuficiencia. Olvidamos que todos necesitamos coidados en algún momento da nosa vida, amigos duradeiros e fieis que nos apoien, relacións que nos proporcionen esa seguridade cuxa ausencia agora nos angustia máis que nunca. Pero tamén no auxilio desa angustia aparece o mercado ofrecéndonos as redes sociais como terapia, unha terapia que aceptamos e na que poñemos esperanzas para aliviar a nosa vida danada.
E en coherencia con este panorama aparece a figura do político xestor, ao que só se lle pide que canalice eficientemente as condicións favorables á produción e distribución de bens de consumo. Non é necesario que teña ideoloxía, incluso pode chegar a ser perigoso ,como se a pretendida xestión aséptica non fose en si mesma unha clara ideoloxía neoliberal en toda regra. Pensabamos que o da ideoloxía era algo xa superado. Tampouco nos preocupaba que os políticos tivesen ou non valores, e ademais o que fixeran na súa vida privada dábanos igual (o debate aínda segue aberto) mentras cadraran ben as contas, pero é que para cadrar ben as contas tamén entran en xogo os valores. E así empezaron a aflorar a corrupción xeralizada e a prevaricación, consecuencias directas da ausencia total de ética, tanto na vida pública como na privada; porque ética só hai unha, aplicada á diversidade de situacións da vida humana.
En definitiva, que todos nos deixamos seducir por unha terra prometida próxima á autosuficiencia dos deuses, e cando viñeron mal dadas e miramos ao noso arredor buscando compañeiros, todos estaban no centro comercial ou de viaxe, porque o prexuízo causado non lles afectaba ( non olvidemos que a democracia de mercado consiste no dereito a defender os teus propios intereses, sen obriga moral ningunha con respecto ós intereses dos demais). Como unirnos agora baixo unha causa común? Como pretender que o veciño proteste porque eu non teño traballo? Algún honroso intento houbo, e segue habendo, que nos alenta a non dar todo por perdido; algo desa vida ética permaneceu, pero non é suficiente. Fáltanos por saber se acabará prendendo a chispa dos valores cívicos, da solidariedade que non da caridade, ou se seremos de novo reabsorbidos polas trampas do sistema. Mentras tanto convén que non olvidemos «por quen dobran as campás», como dicía John Donne nos seus famosos versos:
                   «(…)Ningunha persoa é unha illa; a morte de calquera aféctame
                   porque estou unido a toda a humanidade; por iso, nunca preguntes
                   por quen dobran as campás; dobran por ti».

Publicado no Progreso o 15-2-2014

Agresividade na adolescencia



Carmen González López

Case sempre unimos agresividade e violencia, pero non en todos os casos é así. Os especialistas en condutas adolescentes adoitan distinguir entre agresividade adaptativa (unha función de supervivencia) e agresividade maladaptativa (agresividade desinhibida ou non regulable onde a resposta do suxeito non é proporcional ao estímulo que a causa). Esta última é a que lles preocupa aos país pois xorde sen unha causa aparente e esta é a que máis posibilidades ten de desembocar nunha conduta violenta.
O adolescente está nunha etapa da súa vida na que é moi sensible á influencia do contorno, a baixa autoestima e a ansiedade, onde sofre moitos cambios e confusións que non fan outra cousa que aumentar o malestar que xa de por si viven os adolescentes, por iso é nesta etapa onde están más propensos a condutas agresivas.
A comunicación entre pais e fillos é fundamental, os pais non deben ser amigos, deben ser pais, pero tampouco deben ser detectives, deben por iso establecer un vínculo de confianza cos seus fillos para que estes non teñan vergoña de compartir as súas preocupacións, as súas preguntas acerca da vida, das relación cos amigos, do instituto…
Os pais deben deixar crecer, madurar e formarse como persoas os fillos, deben ser os acompañantes que os eduquen, mostrándolles as cousas sen tapuxos sendo sinceros en todo momento e co obxectivo de que sexan eles mesmos os que creen a súa propia conciencia de todo o que lles rodea e aprendan a formar opinións con criterio suficiente para quedar con todo aquilo que lles aporte cousas positivas e discriminar aquilo que xere cousas negativas.
É importante aprender a recoñecer as mensaxes non verbais que amparan o comportamento dos nosos fillos, cada unha ten unha razón de ser e ao aprendelas a interpretar, pódenos levar a comprender determinadas accións que a simple vista poden desconcertarnos pero que no fondo levan unha mensaxe de axuda e atención.
Cando nos convertemos en pais, empezamos a asumir un papel diferente, unha responsabilidade que de maneira case insconsciente nos leva a pensar que debemos ser firmes nos nosos sentimentos, pouco flexibles, ser un modelo de autoridade e aplicar as sancións disciplinarias que correspondan.
Pero non debemos olvidar que os nosos fillos son seres humanos, con defectos e virtudes, con sentimentos e limitacións persoais.
Recoñecer a súa agresividade como un comportamento que debe ser analizado, pedirlles que nos describan o problema, pódenos levar de maneira sutil a averiguar cales son as causas e os sentimentos que os levaron a ela, e así procuraremos que non se volva a repetir, polo contrario, se tomamos medidas drásticas o que faremos é reforzar esta actitude agresiva. Moitas veces non se sabe como actuar porque esas condutas van en contra dos principios e normas que se infunden na casa, pero é un reto e unha responsabilidade que aparece no mesmo momento no que somos país e que estará presentes ata a vida adulta do noso fillo.

Publicado no Progreso o 8-2-2014

Perdedores/emprendedores




M. A. Martínez

Despois de visionar a recente película dos irmáns Cohen ‘A propósito de Llewyn Davis’, paga a pena ler e escoitar os comentarios. Hai unanimidade: versa sobre os avatares dun artista de música folk fracasado, un perdedor. Sen entrar nos detalles da narración (magnífica) e a historia (ben contada), chama a atención o uso, cada vez máis acusado, na linguaxe común, da noción de perdedor. «O mundo está cheo de perdedores» (pensan moitos); «o mundo divídese entre os que valen e os condenados a perder!» (ditamina a maioría).
Un observador inxenuo deduce que, talvez, existe unha especie de deporte social do que non foi informado, unha competición global da que non é consciente. Ou, por que non, unha sorte de carreira salvaxe (sen regras) na que as persoas están obrigadas (a sobrevivir) e para a cal son adestradas (nas leis do grupo). Tales leis establecen a igualdade de condicións, inclusive, oportunidades, no torneo. Xa que logo, os que non perden é porque o merecen. Son triunfadores, famosos, os chamados emprendedores: intelixentes, innovadores, con mérito propio (da súa propiedade) e iniciativa persoal (desenvolta a partir das súas exclusivas competencias). Os outros, sen mérito, son os asustadizos, conformistas, cómodos, indolentes talvez. Deste xeito, o grupo ergue (e xustifica) o emprendemento como modelo de acción ideal, idealizada, para todos e todas: conquistar, ter éxito, e, polo tanto, recoñecemento, diñeiro, fama (agora sinónimos).
Esta pinza perdedor/emprendedor non é va nin banal. Moito menos neutral. É un filtro ideolóxico. Simplifica a complexidade da biografía humana. Borra o desasosego en que consiste vivir. Oculta a fráxil condición de ser persoa. A consecuencia é que divide á xente en dous grupos. Por unha banda, estigmatiza a natural vergonza e ansiedade que a todos produce ser torpes, vulnerables, débiles, incapaces, e, tamén, contraditorios (estigma que nos coloca do lado dos perdedores). Mais, por outra banda, marca como prósperos os que desenvolven unha enfermiza fantasía de dominación: ser invulnerables, intocables, superiores, autosuficientes (marcaxe que sitúa a estes escollidos do lado dos emprendedores). A respecto dos primeiros, a linguaxe común aconsella sentir repugnancia allea e vergonza propia. Cara aos segundos, admiración culpable e veneración cega.
Os termos empregados nesta descrición non son esaxerados. A filósofa Martha Nussbaum, na súa obra ‘El ocultamiento de lo humano’ (Katz Editores), insiste en que o obxectivo de converterse nese «home ideal» supón unha ficción de control nun mundo que un non controla realmente. É a vida mesma quen se ocupa de desenmascarar esa ficción cada vez que o futuro triunfador sente fame, cansazo, nervios, malestar físico ou temor. Así, na psique da persoa que vive ese delirio de triunfo xérase unha vaga de vergonza que proxecta sobre os demais aos que, en consecuencia, chama perdedores. Manifestar publicamente que eses perdedores son a causa dos seus males (e de todos os males sociais) e, polo tanto, que se precisan eficaces programas de emprendemento, tan só é dar un paso máis.
Non resulta difícil comprobar que a pinza perdedor/emprendedor subordina e estigmatiza a millóns de persoas (os perdedores). E condena ao padecemento psíquico a uns cantos miles (os emprendedores) que devecen por reinventarse infinitas veces nunha vida finita. A pinza antedita é un dos vehículos dunha mercadotecnia lingüístico-política que inocula doses (letais) de ansiedade social, tensa (e pon en perigo) a convivencia pacífica, envilece (corrompe) os pactos cooperativos, e, por exemplo, fai da confianza (e a lealdade) unha estratexia calculada. Ademais, e sobre todo, permite ás elites dominantes ocultarse con máis efectividade, permanecer alleas a calquera tipo de ameazas ao seu goberno global (económico, moral, lingüístico).
Todo isto cambia se contemplamos aos seres humanos como persoas necesitadas de vínculos e axuda, de tranquilidade psíquica e saúde física. Seres que precisan (precisamos) dun rico soporte material e moral, e cuxas capacidades e dignidade están atadas á súa (nosa) condición mortal. Esta énfase ético-política no natural desamparo e desvalimento do humano, non supón humillación nin reclama piedade, compaixón. Mais ben sinala a obriga de protexernos e coidarnos mutuamente. Debe ser percibida como un aval da historia da especie humana. Un punto de partida irrecusable a ter en conta nos principios políticos básicos de calquera gobernanza humana (non técnica, dominadora) da sociedade.
Neste asunto non está de máis lembrar as atinadas consideracións do filólogo Víctor Klemperer a propósito da linguaxe nazi en ‘LTI. La lengua del Tercer Reich’ (Editorial Minúscula). Logo de analizar decenas de casos de impregnación, incrustación, contaminación, da lingua alemá por unha linguaxe excluínte (vexatoria, alleante, hostil), e, simultaneamente, heroica (competitiva, bélica, deportiva até o paroxismo), Klemperer conclúe: a linguaxe do vencedor non se fala con impunidade. Nesa linguaxe respírase, aliméntase, pénsase. E, para a nosa desgraza, un pode rematar por vivir segundo ela.

Publicado no Progreso o 1-2-2014