miércoles, 1 de marzo de 2017

Arquitectura do pensamento único



Gonzalo Pérez López


Case setenta anos despois da súa publicación, 1984, a novela de Orwell, converteuse hoxe nun éxito de ventas provocado pola asociación, inducida mediaticamente, coas decisións e actitudes exhibidas sen pudor polo recente elixido presidente dos EE.UU. Ademais de demostrar que todo é susceptible de ser convertido en obxecto de mercado, resulta dunha flagrante hipocrisía que os supostos intelectuais do sistema dominante, con finxida consternación, falen agora da "habitación 101", de "neolingua" ou da "policía do pensamento" como se eses elementos da distopía orweliana agromaran de súpeto animados por un tolo que quere enzoufar a nosa inmaculada 'vida democrática'.
Denunciaron as múltiples vallas levantadas no mundo, os 'guantánamos', "habitacións 101" e a variada inversión para atentar contra liberdades e dereitos? Que supón o perverso emprego de eufemismos e a represión calculada de palabras ao servizo dos intereses do poder, senón a neolingua da obra de Orwell? Que posición adoptaron ante as accións reais da actual "policía do pensamento" tendentes ao control social e político dos cidadáns, para tentar lexitimar a colonización económica a través da colonización mental? Son estas preguntas pura retórica porque o efecto devastador dos controis e as colonizacións que lograron leva implícita a resposta ás mesmas. Asentado o pleno domino na estrutura económica, aplícanse coa mesma fruición no ámbito das ideas, importante para garantir ese control total ao que aspiran e que parece escandalizar a algúns dos que prestan a súa colaboración para acadalo.
Nada novo, polo tanto, agás a necesidade de adaptar as formas á orde nova do actual momento histórico. Precisamente sobre esa superestrutura ideolóxica que, a través da uniformización do pensamento, pretende reproducir, asegurar e lexitimar os intereses da presente fase do capitalismo, quería reflexionar para desenmascarar as andrómenas que foi entretecendo con habilidade cara ao logro dos seus obxectivos. Foron moitos os pensadores, desde o primeiro terzo do século pasado, que deron conta de como se foi xestando ese control ideolóxico, que chamaremos aquí "pensamento único", alertando das intencións do mesmo, describindo as características que ía adoptando en función das necesidades inmediatas do sistema dominante e advertindo das consecuencias alienadoras para a humanidade que se derivarían de lograr impoñerse universalmente.
Parece obrigado recoñecer a importancia da achega gramsciana da "hexemonía cultural", tanto pola novidade do seu enfoque como pola influencia exercida. Con ela, patentiza como a clase dominante impón a súa cosmovisión e os seus valores para convertelos na ideoloxía dominante comunmente aceptada. A consideración da hexemonía como expresión da dominación e a súa incorporación á análise política resultaron un acicate cara á reflexión sobre o tema que nos ocupa. Non menos importantes foron as contribucións da Escola de Fráncfort. Así, por exemplo, Horkheimer, critica a razón que, impregnada por unha lóxica de dominio, devén en razón única instrumentalizada para salvagardar o sistema. Marcuse fala dun "pensamento unidimensional" como resultado da imposición, tanto no ámbito público como no privado, da única dimensión do pensamento liberal: a económica. Máis recentemente, o galego Ramonet reelaborou o concepto de pensamento único para expresar como o economicismo neoliberal, no seu afán de universalizar os intereses do capital financeiro internacional, se presenta como o único pensamento válido. En síntese, caracterízase polo predominio do económico sobre o político e a imposición do mercado como único criterio regulador da distribución da riqueza.
Para asentar ben isto idearon a globalización económica, a división internacional do traballo para abaratar salarios, a privatización, a competitividade, o individualismo, o consumismo, a obsolescencia calculada de calquera produto e a redución ó mínimo do estado como paliativo das inxusizas implícitas no capitalismo e a ampliación ó máximo para compensar calquera diminución da plusvalía da clase dominante. A idea que vertebra esta ideoloxía é que o mercantilismo apuntado é algo natural e pensar outra alternativa considérase como unha enfermidade adolescente, converténdose a aceptación dese pensamento único como o rito de paso para ser recoñecido socialmente. Escapando de idealismos interesados, resulta evidente que a dominación derivada do pensamento único non depende do pensamento en si, senón da enorme asimetría na distribución de poder na sociedade actual. Igual que na novela orwelliana, o 'Gran Irmán' ten o control absoluto.
A monopolización dos medios polo poder establecido actúa hoxe como a máis eficaz policía do pensamento, exercendo unha estreita vixilancia para garantir que a maioría pense e actúe de acordo aos patróns impostos polas elites, pero que asume e emprega como se foran propios, aínda que vaian en contra dos seus intereses obxectivos. Ante a forza destrutora do monstro manipulador, cal será o nivel de resiliencia esixible para non vernos arrastrados polo pensamento escravo e a subseguinte acción alienada que provoca?

Publicado no Progreso o 25-2-2017

Decrecemento e felicidade



Elías Pérez Sánchez


A concepción ortodoxa da Economía céntrase en dous principios tan básicos como claros: o crecemento económico debe ser prolongado, permanente e duradeiro; para manter o devandito crecemento, a produtividade debe incrementarse dun xeito continuado. No fondo dos devanditos principios subxace un optimismo sen freo, unha fe cega en que o crecemento económico xera un maior benestar e calidade de vida á cidadanía.
Con todo, xa desde os anos setenta, a comunidade científica comezou a anticipar que o modelo industrial imperante non sería sustentable. E na actualidade é un feito real que os recursos naturais escasean, que o cambio climático (a pesar do negacionismo) é unha evidencia científica e que as desigualdades económicas son cada vez máis patentes. É, tamén, unha evidencia empírica que o modelo social, económico e produtivo das últimas décadas implementou coa súa perversidade a explotación do traballo (vivimos nun sistema de economía libre, pero non nun mundo libre). Ante a devandita situación urxe un compromiso ambiental e a implementación de políticas sustentables. Urxe propoñer outro modelo económico e social baseado na procura da sustentabilidade real que, entre outras cousas, non esgote os recursos que non son renovables.
A este paradigma ou proposta alternativa, os teóricos da economía e da ciencia política chámanlle decrecemento. O decrecemento non implica austeridade ou pobreza senón adecuación entre economía e realidade ambiental (polo tanto, xestión da escaseza), redución do consumismo como (falso) recurso para acadar a ostentación social e o éxito individual. O decrecemento pode ser entendido tamén como crecemento sustentable, isto é, a supresión do superfluo e alienante, a substitución progresiva de vellas formas de produción contaminantes que esgotan os recursos naturais e a recontextualización do traballo como actividade humanizadora que favoreza a sustentabilidade, a autosuficiencia e que supere o binomio traballo produtivo/traballo asalariado en beneficio do traballo reprodutivo/non remunerado. En definitiva, vivir mellor con menos.
A vella sociedade da opulencia mantense en estado comatoso, namentres, o decrecemento non anticipa necesariamente unha deterioración das condicións da vida. Ao contrario, carrexa melloras substanciais como as vinculadas á redistribución dos recursos, o benestar das xeracións futuras, a preservación do medio ambiente, a saúde física e mental da cidadanía e as novas (e mellores) condicións do traballo. Supón, xa que logo, unha vida máis harmónica coa nosa contorna natural. Ou decrecemos voluntaria e racionalmente ou terémolo que facer obrigados polo afundimento do capitalismo global no que vivimos. Toquemos terra.

Publicado no Progreso o 18-2-2017

O espellismo da liberdade



Mar Carballo Cela


The corporation (La corporación), un documental canadiense do 2003, fai unha interesante descrición da empresa multinacional ao fío da súa adquisición da personalidade xurídica. Dado que a empresa foi adquirindo dereitos propios das persoas físicas, plantexa avaliar o seu comportamento desde un punto de vista psiquiátrico ao igual que se faría con calquera individuo, chegando á conclusión de que se comporta como o faría un psicópata: indiferenza polos sentimentos dos demais (explotación, baixos salarios, subida abusiva do prezo da luz en plena ola de frío), incapacidade para manter relacións duradeiras (trasladarse a outros países para reducir custes de producción), desprezo pola seguridade dos demais (utilizar tóxicos), incapacidade para sentirse culpable (desastres naturais que xustifica sen miramentos), incapacidade para cumprir as leis (a miúdo decide pagar multas por tal incumprimento se lle compensa economicamente).
En calquera de nós esta conduta sería considerada como antisocial, psicopática; pero tratándose dunha multinacional parece que non sorprende demasiado que o obxectivo primordial sexa o máximo beneficio a pesar de todo o anterior (o negocio é o negocio). Pode que algúns directivos destas empresas sexan psicópatas, pero moitos deles son persoas normais que asumen estes valores unha vez que acceden ao mundo empresarial con toda naturalidade. Trátase dun rol establecido e admitido socialmente como calquera outro, pura ideoloxía que gran parte da cidadanía asume como único principio eficaz para organizarnos socialmente e crear benestar, como foron asumidos outros principios claramente contrarios aos intereses do pobo durante outros períodos históricos.
Ninguén querería ser gobernado baixo o principio de máximo beneficio económico para uns poucos, pero a día de hoxe así é; porque, tanto na ditadura como na democracia, a manipulación segue sendo inherente ao poder. E así nos atopamos co grande paradoxo Trump: un goberno formado por multimillonarios, que obviamente defenden os seus intereses, votado por gran parte da poboación pobre. Xa non son políticos que sucumben ante o poder económico, son grandes empresarios gobernando un país: plutocracia directa. E que dicir do ascenso da ultradereita en Europa… Ante semellante panorama está habendo certa tendencia a volver a mirada aos que no pasado reflexionaron sobre os autoritarismos do século XX no noso continente, buscando respostas á preocupante situación presente.
Erich Fromm (1900-1980) afirmaba que os seres humanos temos certa tendencia a buscar líderes que nos dirixan con autoridade, fuxindo da desconcertante liberdade que nos obriga a tomar as rendas e a ser responsables do noso propio destino. E isto sucede, fundamentalmente, despois do cansancio e a impotencia que acompañan aos intentos frustrados por cambiar as nosas vidas. Deixamos de confiar na nosa capacidade para pensar e dar solución aos problemas que nos afectan, sentímonos insignificantes e caemos na indiferenza, aceptando infantilmente todo aquilo que se nos diga con rotunda autoridade por parte dun experto que dunha maneira simple nos ofrece unha solución. A isto únese a falta de empatía que os medios de comunicación contribúen a provocar transformando a traxedia en espectáculo e informándonos dunha masacre coa mesma seriedade coa que intercaladamente nos convencen para mercar unha pasta dental ou un deterxente. E o seguinte, despois da deshumanización, é a facilidade para aceptar calquera inimigo común que nos exculpe.
Así se avanza cara os totalitarismos: da man dun bo amo que nos protexa. Convertémonos deste xeito en vítimas e verdugos: vítimas do líder manipulador e verdugos dos que empezamos a ver como unha ameaza para a nosa seguridade, débiles e obedientes cos poderosos e implacables e crueis cos débiles. Unha especie de neurose social que, en ausencia de reflexión, nos pode ir atrapando para abrazar enganosas solucións ante a adversidade.

Publicado no Progreso o 11-2-2017