jueves, 15 de mayo de 2014

Aristóteles, Adam Smith e o poder do diñeiro



Elías Pérez Sánchez

No debate levado a cabo na Grecia antiga sobre as condicións da boa vida, ningún filósofo destacado identificaba o éxito persoal e colectivo co acopio das riquezas materiais. Na ‘República’ de Platón só os artesáns traballarían co fin de acumular bens e abastecer á polis, mentres que tanto aos gardiáns como aos gobernantes negábaselles a propiedade privada. En realidade, Platón entendía que os gobernantes serían quen de dirixir a polis con xustiza e sabedoría se se atopaban libres do efecto corruptor do diñeiro.
Por suposto, esta proposta utópica non saíu adiante do xeito previsto por Platón e nin sequera o seu discípulo Aristóteles a apoiou. Este último, coherente coa súa distinción entre o sentimento natural do amor cara a un mesmo e o egoísmo, defendía na súa ‘Política’ a necesidade de acadar os medios de vida necesarios para satisfacer as necesidades supervivenciais (economía doméstica) fronte á antinatural e deshumanizadora acumulación ilimitada de riquezas e a adquisición do diñeiro polo diñeiro mesmo.
No libro ‘La riqueza de las naciones’, Adam Smith sostiña a tese de que a riqueza nunha economía de mercado consistía en superar á competencia co fin de satisfacer os desexos dos consumidores e xustificaba as desigualdades resultantes da persecución da riqueza baixo un sistema de libre empresa. Smith defendía o afán por acumular propiedades e diñeiro xunto cos praceres egoístas que xeraban tal provisión, sendo a liberdade irrestricta do mercado (o ‘laissez faire’ liberal) xunto coa ‘man invisible’ os piares esenciais do funcionamento da economía e do mantemento da orde social.
Deixando Platón á marxe, o enfoque aristotélico é excelente, salvo que hoxe en día os especuladores demostran ser máis poderosos que a boa intención de Aristóteles quen, baseándose en criterios de proporcionalidade, prudencia e xustiza distributiva, propuña que o capital estivese ao servizo do home e non ao revés. Con outras palabras: no universo filosófico aristotélico definíase a vida (humana) en termos do que as persoas son e fan e non do que teñen, polo que a riqueza non era, precisamente, o ben que o home debía buscar senón un mero instrumento —en último caso— para conseguir outros fins máis elevados.
Xa que o mundo económico tivo máis en consideración a Smith que a Aristóteles, non podemos sorprendernos das consecuencias perversas da devandita elección. Ao entender que a eficiencia económica pode cimentarse sobre o egoísmo humano e o interese propio, ademais das desigualdades sociais atopámonos co que Ignacio Ramonet denominou a «práctica (xa banalizada) da corrupción global de dimensión estrutural», é dicir, a corrupción e a actividade delituosa global como alicerce fundamental do capitalismo. E así estamos. Mentres, Aristóteles nin está nin se lle espera.

Publicado no Progreso o 10-5-2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario