Gonzalo Pérez López
Que con respecto á educación, a institucional incluída, hai un antes e un
despois da Ilustración, parece obvio. Que tanto as persoas como os pobos teñen
que acadar a súa ilustración, máis alá dun momento histórico concreto, para
saír, en terminoloxía kantiana, da minoría de idade, á que se ven abocados de
por vida aqueles que non son capaces de empregar autonomamente a razón, resulta
incuestionable. Pero non é menos evidente a insuficiencia do proxecto ilustrado
que, limitado polos intereses da burguesía que o propiciaba, cae na
contradición de defender unha razón autónoma e sen cancelas e cortala de raíz
cando o desenvolvemento da mesma conduce inevitablemente, a quen a emprega, á
constatación da necesidade de superar a sociedade clasista e excluínte á que
conducen as sucesivas expresións históricas da burguesía dominante dende XVIII.
Por iso, podemos afirmar que sen ilustración non hai liberación, pero só con
ilustración, tampouco. Porque os que impoñen o neoliberalismo hoxe son os
herdeiros da burguesía ilustrada que potenciou o desenvolvemento científico e a
educación institucional, ben por afán redentorista, ben por necesidades do
proceso produtivo que controlaban, pero sempre que non puxera en cuestión a súa
hexemonía como clase social. A escola como institución é especialmente sensible
ó que apuntamos, e só nos escasos momentos de inflexión nos que o poder da
burguesía aparentaba ceder terreo pareceu xogar algún papel liberador,
rapidamente abortado, como cabía esperar.
En España, nestes anos de interminable posfranquismo que aínda padecemos,
xurdiron movementos de renovación pedagóxica, ben intencionados, algúns con
aportacións cientificamente fundadas, moitos na liña redentorista dalgún
ilustrado e, a maioría, en exceso optimistas sobre o papel transformador da
escola. Os máis críticos coas relacións de poder existentes pensaron que
cambiando a escola mudarían esas relacións, pero, co discorrer dos anos,
comprobamos que, no esencial, non cambiaron nin a escola nin as relacións,
senón que cada vez parece máis claro o papel da primeira para garantir a
pervivencia e reprodución das segundas.
Cabe razoablemente esperar que o neoliberalismo, produtiva fábrica de
explotados, potencie unha escola de persoas autónomas, críticas, sensibles,
cooperativas, cívicas, solidarias e xustas? Obviamente, non. Non se vai facer o
harakiri.
O devir histórico demostra a retrolimentación constante entre poder e
coñecemento. Quen ten o poder controla o coñecemento e este é unha fonte segura
de poder. Xunto coa sobredose de economía e a deshumanización que supón poñer
as persoas ao servizo dela e non ao revés e a substitución dos valores morais
polos do mercado, a imposición de variados filtros para evitar un acceso
xeneralizado ao coñecemento científico da realidade, completa as liñas reitoras
do modelo educativo neoliberal. Convén, polo tanto, desvelar a falacia de que a
educación institucional responde ás necesidades reais da denominada sociedade
científico- técnica actual e que son eses os criterios que orientan os planes de
estudio. A lei de educación recentemente aprobada non é o resultado do
personalismo obstinado dun ministro, como tan inxenua como interesadamente se
quixo facer ver, senón a plasmación lexislativa dos intereses económicos que
representa.
Non en balde, a filosofía da citada lei emana segregación, fracaso
planificado e exclusión temperá para garantir excedente de man de obra barata,
a base de reiteradas reválidas como filtro selectivo complementario da
dificilmente superable reválida da procedencia social do alumno, autoritarismo,
centralización, control antidemocrático dos centros, con direccións unipersoais
dixitalmente nomeadas, con potestade, incluso, para elixir ao profesorado e un
consello escolar convertido en mero adorno.
Ao fío disto, lembro agora ‘A escola como reprodución’, libro no que o
sociólogo francés P.Bourdieu expón, con claridade meridiana, como a escola
reproduce mimeticamente, na distribución do capital cultural, o nivel de
desigualdade na distribución do capital socioeconómico. Como axente de
socialización, a escola ten a misión conservadora de reproducir as relacións de
poder e as relacións simbólicas entre as clases sociais, impoñendo un paradigma
cultural consonte aos intereses da clase dominante e, o que é máis grave,
lexitimador dos mesmos.
Parece claro que só cambiando as relacións de poder pode cambiar
institucionalmente a escola, pero non se albisca un xiro así nun horizonte
próximo. Entón, á escola como tal, quédalle outro papel que esperar pasivamente
un cambio na estrutura económica que acabe reflectíndose nela? Contestar
afirmativamente implica aceptar a tese optimista de Cornelius Castoriadis, por
exemplo, sobre a sinerxía entre educación liberadora e democracia real,
admitindo que os cambios superestruturais, como os educativos, poden contribuír
ó cambio estrutural. Pero non parece fácil, xa que tales cambios pasan ou
porque a maioría dos pais esixan outro modelo educativo ou porque a autocrítica
da maioría do profesorado o leve a deixar de xogar o papel de correa de
transmisión do poder establecido ao lexitimar a situación, moralmente
inaceptable, que provoca. Ambas as alternativas resultan altamente improbables.
Parece quimérico imaxinar á maioría dos actores dunha institución
socioloxicamente conservadora exercendo de antisistema. En calquera caso, se
así fose, pasaría por superar ese modelo de escola, viciado de saída polo
darwinismo social, mercantilizado, que converte os medios en fins en si mesmos,
uniformizador, intelectual e pedagoxicamente acartonado, burocratizado, a base
de receitas inútiles, conscientemente arbitrario e vertical (do que cre saber
ao que se supón que non sabe), afastado da realidade e dos intereses vitais do
alumno e disfrazando estas carencias con algún soporte técnico, irrelevante na
dinámica da aprendizaxe.
A alternativa pasa por implicar a todos os afectados nun proceso educativo
orientado ao desenvolvemento dunha razón autónoma non instrumentalizada, que
permita ao alumno investigar con criterios científicos, potenciando a
capacidade de interrogarse reflexiva e criticamente sobre o que lle rodea,
nunha constante busca, individual e colectiva, dunha verdade, que nunca será
absoluta, en detrimento do ritual e do supersticioso culto ao establecido e a
unha cualificación inflada que non representa nada máis que a expresión da
decadencia social e o chocolate do loro para pais e alumnos inxenuos que aínda
pensan que ten valor de mercado, cualificación que se converte nunha evasión da
responsabilidade colectiva e nunha fuxida cara adiante, é dicir, nun planificado
engano para os secularmente estafados. Haberá que evitar, polo tanto, que gran
parte dos alumnos, entre o engano esóxeno e o autoengano, resulten abocados
irremediablemente a ser presa fácil dos que dispoñen dos mecanismos de control
ideolóxico ao servizo de intereses espurios en relación coa educación
liberadora, movidos exclusivamente polo beneficio futuro que lles poida
reportar unha masa de individuos acríticos convertidos en rabaño.
Publicado no Progreso o 17-5-2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario