María Isabel Sánchez Corral
Unha alumna de segundo da Eso en clase de Educación para a Cidadanía
remataba un exercicio coa seguinte frase: «Ningún país respecta os dereitos
humanos». Esta era a conclusión dun pequeno traballo que o alumnado realizou
buscando en prensa noticias nas que se manifestase a conculcación dos dereitos
humanos. Á cabeciña de todos eles viñan múltiples exemplos que cada día se dan
en todo o mundo, no noso país, nas súas familias: paro, desafiuzamentos,
enfermidade, corrupción, recortes, impunidade, concertinas... Tocou o timbre
cando outro alumno, algo confuso por unhas imaxes que vira na televisión sobre
Ucrania, se preguntaba: por que non podemos vivir en paz?
Ese día tiven sorte, foron eles os que me deron a entrada na seguinte clase
de 2º de bacharelato. Unha clase feminina, non porque no meu centro público se
segregue senón porque as rapazas, moito máis numerosas nas aulas, aínda ven na
súa formación unha saída á súa condición de desiguais. A elas lanceilles a
pregunta, pero ante as súas poucas ganas de contestarme, pois supoñían que tiña
trampa, as introducín naquel tratado ‘Sobre a paz perpetua’ que Kant publicara
en 1795 seguindo unha idea que preocupaba na época, como rematar coa guerra.
Kant, como bo ilustrado, cría que a razón mesma podía realizarse na
política desenvolvendo a paz. Isto traería consigo a solución á suposta
incompatibilidade entre moral e política. Para o filósofo habería unha falsa
discrepancia entre ambas as dúas, que se solucionaría actuando de acordo coa
moral, polo tanto non habería dilema entre teoría e práctica. Enunciando o
principio de publicidade sería moito máis doado: se non se poden facer públicos
os propósitos dunha acción, entón a máxima que a xustifica é inxusta, polo
tanto contraria a dereito.
Os bocexos ao enunciar este principio rematáronse, o cal me deu pé a
enumerar unha serie de pasos que o autor achegaba aparte da formulación
inicial. O proceso se tería que dar dentro dunha federación de Estados onde
cada un deles garantise o Estado de Dereito, cunha constitución republicana que
asegurase a liberdade e a igualdade dos seus cidadáns. Por suposto cunha mesma
lexislación ao respecto.
A atención máxima veu cando recalquei algo de suma importancia dentro da idea
kantiana de paz, que ningún Estado debe inmiscuirse pola forza na constitución
e goberno doutro, ademais de que «ningún estranxeiro debe ser tratado
hostilmente ao chegar aos territorios doutros», a idea é construír un concepto
global de xustiza ancorado nun férreo cosmopolitismo.
Kant sabía que nada pode obrigar aos Estados a asinar unha paz duradeira,
pero confiaba en que a vivencia da guerra traería o balance entre os beneficios
e os custos, inclinándose a balanza cara aos segundos; sobre todo porque para o
filósofo o cidadán toma un papel activo como colexislador e sen o seu
consentimento non se podería facer a guerra.
Utopía ou modelo realizable? As miñas alumnas algo entusiasmadas
decantáronse por modelo realizable. Ante o meu asombro tiven que asentar os
seus pés na realidade, pasando de puntillas pola Guerra de Golfo e a guerra de
Iugoslavia ( elas non naceran e pouco sabían destas, aínda que unha fose aí
mesmo, á volta da esquina). Aínda así comentei que a Europa dos anos noventa
parecía retomar a idea da paz cunha ONU mellorable, en contraste coa visión dos
EE.UU. «como líder da paz» pero cun programa imperialista.
O trascurrir dos anos mostrounos unha Europa que aparcaba a paz perpetua
para asumir a paz Imperial. Unha vez que entramos no século XXI os cidadáns
démonos conta que eramos pouco libres, menos iguais e nada colexisladores. Á
cidadanía non se lle consulta, non vaia a decidir un «Non á guerra» dándolle a
razón ao filósofo sobre o progreso moral da especie que non renuncia aos seus
principios por remotos que parezan. Moi ao contrario a nosa élite mandataria
alíñase co Imperio da Paz, aplaudindo as distintas intervencións en países
árabes, poñendo e quitando, agora desestabilizando en Venezuela agora mandando
5.000 millóns de euros a Ucrania.
Está claro que EE.UU. nin segue o principio de non intervención noutro país
nin o de publicidade defendidos por Kant. Este país non adoita facer públicas
as súas intencións ou se o fai, é polo ben de todos. Se nolas dixesen, as
intencións, tería que ser algo así: necesitamos o petroleo de Venezuela,
interésanos (á Otan tamén) a situación xeoestratéxica de Ucrania co segundo
exército máis grande de Europa e tapar a saída ao mar mediterraneo a Rusia;
tampouco nos gustan esas amizades entre Alemaña e Rusia co seu acordo sobre o
gas, temos que vender o que sacamos do fracking e por suposto o que produce a
nosa industria armamentística (para os americanos a balanza inclínase do lado
do beneficio pero do dólar non da paz); e en Thailandia... o Imperio da Paz
chega a calquera lugar do mundo.
Xa dixo Kant que é doado que un líder da paz se converta nun déspota
imperialista. Non será Obama o que empece a practicar o principio de
publicidade aínda sendo premio Nobel da Paz...
Con esta dose de realidade aplaquei, ao meu pesar, o entusiasmo das miñas
alumnas. Pero a filosofía ha de ser crítica, radical, emancipatoria, utópica...
se quere ser filosofía.
Comentamos que o filósofo fundamentaba a paz perpetua na orde xurídica máis
que na bondade das persoas. Entón por aquilo de seguir o currículo comentamos
que Kant non coñeceu as ideas de Marx nin a súa tese básica do materialismo
histórico: en cada época a infraestrutura condiciona a superestrutura, a
produción material condiciona a orde xurídico-político e a ideoloxía.
Así rematamos, co profesor de física esperando á porta.
Publicado no Progreso o 24-5-2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario