domingo, 8 de febrero de 2015

Filosofía e deliberación: en defensa do público



M. A. Martínez

Un observador da realidade social pode comprobar sen moito esforzo como tende a ocultarse o humano (a enfermidade, pobreza, miseria, vulnerabilidade, por exemplo) e exaltarse o inhumano (o control, asepsia, cálculo, eficiencia, cousificación). Os discursos públicos son un signo disto. Feitos para o público polos que ocupan a escena pública, son puro espectáculo. Reclaman aplauso ou anuencia, non invitan a pensar. Os argumentos son armas dun combate, tremoia dun teatro, xogo de cómicos.
Desde a perspectiva dunha vida pública saudable, o uso da argumentación é un modo de dar conta e razón de algo a alguén, coa finalidade de xustificar unhas propostas e lograr adhesión racional, ou asentimento razoable, ao que se propón. Durante séculos a filosofía adestrou no exercicio da lóxica e a formulación de argumentos veraces, non falaces. Proporcionou axuda para argumentar correctamente nos espazos públicos (tribunais, parlamentos, asembleas). Mais hoxe que tipo de espazo é o público?
O público é un ámbito complexo. Primeiro, pola pluralidade dos públicos (formados e non formados, informados e non informados, integrados e excluídos, entre outros). Segundo, pola construción de espazos telemáticos (comunidades virtuais, foros de debate, redes sociais) con regras formais de funcionamento (predeterminadas ou non) e contidos de difícil verificación e contraste (pola falta de tempo, escasa preparación das persoas ou, simplemente, inxenuidade).
En segundo lugar, o público significa o que a todos concirne e está a súa disposición nunha comunidade. Este significado repousa na efectividade, fluidez e calidade da comunicación entre os seus membros. En democracia ten como ideal a transparencia (non opacidade) e comprensibilidade (intelixibilidade) da información (sexan datos, normas, procedementos ou coñecementos).
Esta dupla condición do público en democracia (pluralidade de ámbitos, publicidade do coñecemento) sofre unha presión que fai circular sofismas específicos do pensamento en grupo. Sobresaen dous: a distorsión ou ignorancia da evidencia dispoñible a cada membro (en favor da xestión de niveis de acceso privilexiado á información); a polarización de actitudes e posturas no curso das discusións (que determina a resolución de problemas de forma diferida, preterida, errada, unilateral). Ambos os dous acontecen no ámbito social da argumentación: a deliberación pública democrática. Na actualidade a filosofía pode prestar a súa axuda para clarificar as condicións dunha adecuada deliberación grazas á teoría da argumentación.
O primeiro paso do éxito dun proceso deliberativo democrático consiste en respectar o principio de publicidade e acceso á información dispoñible. Tamén velar polo dereito a que a propia posición non sexa caricaturizada, polarizada, silenciada. O segundo é manter a autonomía: excluír coaccións ou inxerencias externas, e manter aberta a posibilidade de que calquera participante se vexa reflectido no curso da discusión ou no seu resultado. O terceiro é que os participantes recoñezan en público que contribuíron a, ou influíron en, o nó ou desenlace do proceso, ou, polo menos, se sintan copartícipes nel dalgún modo, aínda que discrepen do curso seguido polo debate ou a súa resolución final.
A deliberación pública en democracia non é unha negociación. O que se propón como conveniente non busca satisfacer os intereses das partes, só o interese común. Na deliberación prima a estratexia cooperativa sobre a competitiva. O proceso é presidido pola distribución equivalente de información entre os participantes e a xeneralización igualitaria das súas oportunidades de intervención.
Na democracia a deliberación ten lugar en diferentes niveis e contextos: a cidadanía delibera sobre os principios da súa nación nos períodos de renovación constitucional; os tribunais deliberan sobre a interpretación axeitada deses principios constitucionais pactados, votados; os representantes políticos deliberan sobre como materializar en lexislacións e regulamentos os principios constitucionais; os cidadáns e as cidadás deliberan nos espazos públicos (institucións, medios de comunicación, asociacións, partidos) como perfeccionar, aclarar e facer progresar os acordos sociais fundacionais.
Unha sociedade non é xusta até que facilita a todos as capacidades persoais e as condicións económicas para levar unha vida pública na que se sentirse participantes ou, polo menos, convocados (non só ao voto). Non é fútil a calidade dunha deliberación pública e do público que, en situacións excepcionais, poida establecer abertamente, por exemplo, que aspectos da vida dos cidadáns son intocables e cales non. Neste nivel de deliberación non se trata de antepoñer as constitucións nacionais, os ordenamentos legais. É algo que, como di Montesquieu, facilitan esas mesmas disposicións xurídicas: a capacidade de deliberar en liberdade sobre que é importante ou non. Isto atinxe, por exemplo, ás decisións gobernamentais que afectan á saúde física das persoas: reformas sanitarias, control alimentario, calidade do entorno medioambiental, axudas á dependencia. Decidir ou gobernar sen deliberar xa non é posible.
Este mecanismo democrático deliberativo pode funcionar mellor grazas á axuda que proporciona a lóxica (que estimula a argumentar correctamente) e a ética (que orienta os contidos do que se discute cara ao respecto da dignidade e dereitos humanos). Lóxica e ética axudan a filosofar, é dicir, a traballar en defensa do público.

Publicado no Progreso o 31-1-2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario