sábado, 25 de julio de 2015

Condenado ao ostracismo



María Isabel Sánchez Corral

Vivimos nun período de emerxencia social motivado por unha crise estrutural do sistema capitalista, que moitas veces imaxinamos como conxuntural. As transformacións levadas a cabo polo capitalismo en países como España, Portugal, Italia, Grecia, etc. colocaron as persoas como as súas vítimas creando nelas o desarraigamento ante un mundo que se lles presenta hostil.
Paralelamente ou como deriva, vivimos tamén unha crise política, institucional e representativa. Estamos, no caso de España, ante unha crise de réxime. O bipartidismo non puido superar as contradicións do modo de produción que se fundamentaba nun crecemento fráxil e volátil.
Será o movemento 15-M en 2011 o que fai patente esas contradicións que se dan na realidade social, ou polo menos visualizounas para unha gran maioría. É o 15-M un movemento non completamente espontáneo senón que ten antecedentes moi claros: a revolución cidadá que se dá en outubro de 2008 en Islandia, a cal rexeita o pagamento da débeda externa pedindo responsabilidades aos seus políticos e banqueiros, e iniciando un proceso constituínte; a folga xeral do 29 de setembro de 2010; a publicación do panfleto orixinal Indignádevos! polo escritor e diplomático francés Stéphane Hesse; o 21 de outubro xorde en Facebook Xuventude en acción; o 4 de xaneiro de 2011 Mohamedo Bouazizi, mozo de 26 anos de idade, inmólase ao bonzo iniciándose a Primavera Árabe; o 16 de marzo de 2011 créase a plataforma Democracia Real Ya, convocando unha manifestación para o 15 de maio de 2011; o 30 de marzo realízase unha protesta estudantil contra o paro, a precariedade laboral, os recortes en educación e o plan Boloña; o 7 de marzo a plataforma Xuventude sen Futuro realiza unha marcha contra a crise económica criticando a partitocracia que representan as siglas PPSOE; aparece o movemento internauta No les votes a raíz da aprobación da lei Sinde.
O 15-M, movemento pacífico, relaciona a crise económica coa política a través da denuncia do bipartidismo, a corrupción, o dominio da Banca e a carencia de participación política. Deixa ver nestes primeiros tempos o distanciamento entre representante e representado.
Como a indignación non chega pasouse á ofensiva. O triunfo de Syriza nas eleccións parlamentarias de 2015, sendo xa o partido máis votado nas eleccións europeas de 2014, significou a derrota do sistema bipartidista determinado en Grecia por Nova Democracia e o Movemento Panhelénico Socialista (Pasok). Esperanzas renovadas trouxeron estes acontecementos.
O pobo grego no seu esgotamento ante unha crise e unha débeda, na súa maior parte ilexítima, responde primeiro nas urnas apoiando a Syriza e despois, ante a presión do Eurogrupo para que acepte as súas condicións leoninas, lanza un non tan claro e rotundo que tremen as estruturas corruptas dunha Europa construída sobre a precarización, a exclusión, a pobreza e a miseria. Unha Europa oligárquica que se esquece da maioría que a conforma.
O non grego vai máis alá da dignidade dun pobo que loita por manter a súa soberanía, que non é pouco. O non grego significa a dignidade de todos os pobos, de todas as persoas; significa o mantemento da democracia como valor en si mesmo. A Democracia que nos fai iguais para participar, iguais para gobernar; sen condicións, sen propiedades, sen liñaxes, sen intereses.
Ese non é o que a cidadanía europea debe recoller e facer seu, tomando nas súas mans as rendas do seu destino.
Nesta liña dáse no noso país unha ruptura democrática clara, a nosa implicación ha de ser maior para que ese non traspase a península helénica. Cambiamos, non só estamos indignados senón fartos. Pero ese cansazo non debe converterse en derrotismo nin nunha porta aberta a que forzas reaccionarias, fascistas, xenófobas, etc. sexan as receptoras democráticas do descontento social creado por unha política que só serve aos intereses dos poderosos. A crise política abriu unha sima entre representantes e representados que pode poñer en perigo a democracia mesma. Existe a necesidade dun novo proceso constituínte que reconfigurar os espazos de poder, os dereitos e os ámbitos de decisión dos cidadáns. Existe a necesidade dunha rexeneración democrática, fundamentada na participación, o compromiso e o traballo para unha nova vida, unha vida digna.
É tempo para que o filósofo ou o seu aprendiz non queden en mera retórica. É tempo de esquecer os nosos medos. É tempo para analizar, dar respostas, alternativas. É tempo de loita. Reescribindo a Gabriel Celaya: é tempo de tomar partido ata mancharse.
Tamén podemos optar por unha solución grega, concretamente ateniense e que se puxo en práctica no ano 487 a.n.e., o ostracismo. Utilizábase como medida para que non se instaurase o poder persoal e polo tanto unha tiranía. Unha vez ao ano reuníase a Asemblea para unha votación de ostracismo, cada cidadán escribía nun anaco de cerámica rota (óstracon) o nome dun político o que desexaba ver desterrado. Se este recibía 6000 votos (quorum, mínimo de votantes) debía exiliarse durante dez anos ou de forma perpetua, perdendo os dereitos civís.
Os mandatarios de certos países deberían pasar por este filtro. Pasarían unha votación de ostracismo? Faríaos reflexionar sobre as súas actuacións dez anos sen dereitos? O ostracismo fundamentábase na atimia, a privación da honra. Quédalles algo?

Publicado no Progreso o 18-7-2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario