Gonzalo Pérez López
Aínda que a recente toma de
posesión de cargos electos e a simultánea finalización do curso escolar
ordinario non aparentan ter unha relación inmediata, en canto afondamos algo na
realidade presente e nas consecuencias futuras, a relación tórnase evidente.
Vexámola.
Parte dos resultados electorais
permitirían albiscar no horizonte, distante, iso si, un leve elemento corrector
ou un freo ao impulso das políticas que conduciron á corrupción
multidimensional e ó incremento conseguinte da desigualdade social. Pero, a
realidade é que calquera pretensión, incluso expresada só como declaración de
intencións, que apunte a unha mínima reforma social tendente á redistribución
social dunha parte da riqueza, pequena, dende logo, atopa coa resistencia,
desproporcionada en relación coas posibilidades de que se materialice, dos que
multiplican o seu dominio a base da imposición social da conxunción
pobreza-ignorancia.
Dado que polas estreitas regañas
da imperceptible democracia política, un pequeno grupo que pon en cuestión o
statu quo accedeu ao goberno, que non ó poder, os que gozan deste en exclusiva
inician unha guerra preventiva, tendente a bloquear calquera alternativa que
intente remover as ríxidas estruturas de control forxadas. Así, poñen en marcha
a intervención do seu exército financeiro-mediático coas pertinentes armas de
destrución masiva de calquera xermolo de democracia económica e cultural, xa
que, sen estas, a democracia política que toleran é unha pura entelequia
lexitimadora do seu poder.
Polo tanto, para blindar
definitivamente a súa hexemonía, só lles queda pechar a posibilidade de que a
democracia cultural poida abrir unha vía cara a unha sociedade máis xusta (lede
esta palabra sen rubor). Por iso teñen que combinar a intervención económica
coa disolución da educación pública, única canle pola que os máis explotados
poderían saír do conformismo que lles impón vivir ó límite da supervivencia,
porque, como di Mario Bunge, «a democracia auténtica pódese nutrir dende riba,
pero só pode xerminar dende abaixo». Como non teñen a máis mínima intención de
nutrila, só teñen que impedir que xermine. E así, pensaron nunha lei que
garanta os seus intereses.
A enorme difusión levada a cabo
polos voceiros do réxime dos malos resultados que acadaban os alumnos españois
nas probas Pisa, PIRLS e similares, aderezada coa necesidade de buscar unha
alternativa que redimira o agravio que supoñían para o honor patrio, serviron
como falaz xustificación para emprender a elaboración e implantación, na que
estamos inmersos, dunha lei de educación contra a maioría que nos introducira
definitivamente na «modernidade educativa de mercado».
A lei, non nos enganemos,
responde ás necesidades de futuro do modelo de produción do capitalismo, que
pasan por converter ós alumnos nun elemento máis do sistema produtivo e,
complementariamente, lexitimar as consecuencias que se derivarán do seu
desenvolvemento. Isto substánciase volvendo á instrución en detrimento da
educación. Se nunca tivo moito sentido a instrución (resonancia militarista),
hoxe, coas posibilidades técnicas de acceso á información, se se supera a fenda
dixital, aínda ten menos. Por iso, o que actualmente se necesita é educación,
profesores educadores comprometidos en coadxuvar na autonomía intelectual e
moral dos alumnos, facilitadoras da súa auténtica emancipación. Pero, trátase
precisamente do contrario.
Que a lei reitere referencias á
ciencia e a técnica non significa que se pretenda potenciar a actitude
científica, é dicir, crítica coa distintas parcelas da realidade, senón
mecanizar e adestrar nunhas técnicas que permitan instrumentalizar ó alumno
para poñelo ó servizo dos intereses do capital neste momento histórico. Para
obturar posibles gretas polas que puidera colarse o espírito crítico,
minimízanse no currículo as materias que máis o poden favorecer ata deixalas ó
borde da extinción.
A lei fai unha selección moi
temperá, o que reforza a exclusión do alumno con precariedade económica e
social dende que nace. Ademais, despreza a educación emocional, facendo caso
omiso das aportacións científicas que a consideran fundamental para desenvolver
unha intelixencia emocional que permita ó alumno minimizar a vulnerabilidade
ante o efecto das condutas desequilibradoras da súa personalidade e das
variadas dificultades da súa traxectoria vital e fomentar habilidades sociais,
como a empatía, que lle permitan o seu desenvolvemento integral nunha sociedade
democrática, conciliadora e aberta. Pero, ¿como se ía valorar isto, se o que se
pretende é fomentar unha competitividade feroz?
Ademais, desmotivaron e
deprofesionalizaron ó profesorado, encargándolle un labor asistencial e de
entretemento dunha parte importante do alumnado en detrimento da función
educativa e académica que lle corresponde e o invitaron a salvagardar as formas
a base de facilitar a obtención masiva de sucesivos títulos, con escasísimo
valor efectivo, como saída evasiva do sistema, non vaia ser que outro modelo
educativo e de esixencia permita a alumnos e pais tomar conciencia da súa
alienación e provoque un estoupido social que non haxa lei mordaza que o
deteña. Mentres, ao marxe da lei, os fillos da elite que a ideou traballan
rigorosamente para reproducir e perpetuar o réxime plutocrático tramado polos
seus proxenitores.
Polo tanto, convén non perder a
perspectiva da maridaxe urdida. Os mesmos que limitan a democracia política, na
que non cren, mediante a reiterada mensaxe paralizante de «nosotros o el caos»
e a permanente acción obstaculizadora, controlan coa mesma fruición e
intencionalidade a democracia cultural porque saben ben que é a mellor forma de
evitar que se empece a asentar o piar básico da democracia: a democracia
económica.
Publicado no Progreso o 4-7-2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario