Gonzalo Pérez López
Negar a bipolaridade claro-escuro que acompaña ós humanos ó longo da nosa
vida supón, ademais de negar o evidente, renunciar a intentar aproximarnos ó
coñecemento da natureza humana e ás consecuencias prácticas, individuais e
colectivas, que se dela se derivan. Ámbolos dous polos son inherentes á
condición humana, formando parte dos pensamentos, da conduta e da personalidade
que imos configurando.
Pero igual que carece de sentido negar as partes escuras que aniñan en nós
en forma de motivacións, atavismos, instintos, anhelos vergoñentos,
frustracións, contradicións ou pensamentos, tampouco o teñen certas lecturas que
se veñen facendo historicamente que deron pé á defensa interesada de
determinismos de diversa orientación e intensidade para explicar e lexitimar
comportamentos ou situacións inxustificables en base a súa suposta
determinación causal.
É verdade que a observación dos enormes condicionamentos que exercen os
factores económicos e socioculturais sobre o pensamento e a conduta humana
favorecen a tentación de acudir aos determinismos como saída interpretativa
cómoda a este complexo tema. Pero a cuestión non é se nos aliñamos cos
defensores dos determinismos ou cos apoloxetas do libre albedrío, nin sequera
se adoptamos posturas eclécticas, senón se queremos apartarnos de
interpretacións melifluas para ganar en obxectividade e intelixibilidade. Como
así o pretendemos, intentaremos clarificar o tema a partir do contexto no que
se produce.
O feito da existencia de luces e sombras no ser humano non supón unha
situación nin única e común para todos nin irreversible. As partes escuras
poden ser de distinta índole, a proporción entre elas diferente e a
posibilidade de reverter a situación variable segundo as peculiaridades
individuais e a influencia do contexto social na persoa.
Son varias as circunstancias que favorecen a aparición de zonas escuras.
Así, a falta de auto coñecemento que produce en nós áreas de sombra que non
somos capaces de interpretar ou cando, aínda coñecéndonos, tratamos de ocultar,
bloquear e reprimir as auténticas razóns dos nosos comportamentos por
consideralos social ou moralmente inaceptables, ou debido ás confusións
producidas polos autoenganos inducidos. Non parece esaxerado entón afirmar que,
as veces, estamos secuestrados polas partes escuras e que, intentando
liberarnos, podemos adoptar formas aberrantes e violentas cara aos demais.
Cando o narcisismo se apodera de nós, o ego convértese en protagonista
condutual (ególatra, egocéntrico e egoísta) e o nós é derrubado por
comportamentos socialmente disruptivos expresados a través da agresividade
destrutora, a arbitrariedade e a intolerancia. As sombras pasan a ser
dominantes producindo enorme desgaste no individuo e o fracaso dunha vida
social harmónica.
Vivimos nunha sociedade chea de contradicións flagrantes. Conviven nela o
infantilismo, real o ficticio, como actitude psicoloxicamente defensiva para
non asumir responsabilidades, coa dureza, a imposición, o poder (sempre o poder
sobre alguén) e todo o que permita ocultar cara ó exterior calquera síntoma de
debilidade que poida penalizarnos socialmente. O mercado, con voracidade
insaciable, traza a liña que separa éxito e fracaso e o que logra é un exército
de insatisfeitos ansiosos de vinganza, sexa contra nos mesmos, auto
inculpándonos, ou contra a primeira vítima propiciatoria con quen descargar os
efectos da nosa frustración. Trátase dunha sociedade que, aínda que se
autoproclama libre de barreiras, prexuízos e tabús, propicia este modelo de
individuo deshumanizado a base de impedirlle o recoñecemento dun aspecto tal
humano como o claroscuro.
Só a educación permanente, institucional ou non, podería reverter a
situación, pero, respondendo a intereses espurios, está exclusivamente
orientada á clasificación das persoas con criterios economicistas segundo a
dicotomía éxito- fracaso, esquecendo o seu papel na procura da felicidade
relativa. Esta non consistiría en facer desaparecer, por imposible, o escuro
que permanece en nós, senón en recoñecelo e compartilo socialmente e tratar de
minimizar o seu efecto nas relacións cos demais. Isto sería a demostración máis
clara de maduración persoal.
Sen a presión abafante para ocultar a nosa conflitividade,
experimentaríamos a satisfacción de exercitar a autodeterminación, a
asertividade e a empatía como manifestacións dun espírito libre.
Polo tanto, o recoñecemento das nosas zonas de sombra resulta irrenunciable
se queremos que no noso desenvolvemento persoal e social a luz gane espazo en
detrimento da escuridade.
Publicado no Progreso o 14-7-2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario