Juan Carlos Fernández Naveiro
Nada mellor que unha historia para ver que a filosofía fala do que somos.
“Imaxina uns homes nunha especie de morada subterránea en forma de caverna,
cunha longa entrada aberta á luz, e imaxina que están alí dende nenos coas
pernas e o pescozo encadeados de maneira que teñen que permanecer alí e mirar unicamente cara adiante, pois as cadeas impídenlles volver a cabeza…” Quen non sabe algo desta historia? É a famosa
caverna de Platón, un relato que está na orixe da nosa cultura e ao mesmo tempo
sorprende pola súa actualidade.
Dentro da caverna hai todo un dispositivo de proxección que convirte aos
prisioneiros en constantes espectadores das formas que bailan na parede do
fondo, o paralelismo cunha sala de cine é tan evidente que o que nos conta
Platón ten a verosimilitude que non podía ter para os atenienses de hai dous
mil catrocentos anos, máis aínda se pensamos que a presencia das imaxes desborda
o fenómeno do cine e ocupa hoxe a totalidade do espazo, social e sobre todo
privado.
O texto platónico contén multitude de escenas que lle dan un carácter
aventureiro: o prisioneiro que despois de saír da caverna volve entrar nela e
discute cos que alí quedaron, as suspicacias coas que se atopa, o risco de
morte que afronta. Con todo, o que lle da ao relato da caverna un carácter
fundacional non é a imaxinería tan audiovisual, que incúe efectos de son, senón
o signifcado que transmite: os prisioneiros son unha representación da
humanidade, e o texto ven dicirnos que vivimos nun mundo de apariencias, e
distingue entre o interior sombrío da caverna e o nítido mundo exterior, entre
o que simplemente nos parece e o verdadeiramente real. Non hai definición mellor
da filosofía que esta, o tránsito da apariencia sensible á verdade, a saída da
caverna. Todo o traballo filosófico e científico, incluso o humanismo moderno e
os fundamentos da política, beben dese mesmo impulso de traspasar o dado cara
unha realidade máis auténtica, esa imaxe da caverna que nos define como seres
separados da nosa plenitude e sometidos ó designio das circunstancias
históricas, confrontados á ignorancia, o pecado, a alienación. É unha constante
da nosa tradición cultural, a imaxe iluminista e revolucionaria da caverna, o
camiño a un coñecemento liberador e unha sociedade redimida.
Pero hai outra lectura posible da caverna na que esa dualidade de planos do
real é unha condición estrutural que está por baixo de toda variable histórica.
É unha lectura menos compracente da condición humana, escindida de raíz entre o
impulso de intervir no real (a audacia técnica de Prometeo que lle rouba o lume
aos deuses para entregarllo aos homes), e o que nos mitos representaba o seu
irmá Epimeteo, o que solo comprende “despois” e por eso sempre chega demasiado
tarde, como a curuxa da sabiduría que según Hegel levanta o voo no solpor,
despois de ter ocorrido os feitos do día, unha condición por ese motivo exposta
á decepción, vulnerable ante os males do mundo, que o propio Epimeteo provoca
ao abrir a caixa de Pandora.
Se a primeira imaxe da caverna agudiza a oposición entre a razón (o
prisioneiro liberado) e outras formas de saber que nos manteñen na escura
ignorancia, abonando unha interpretación racionalista que acabaría por ser
canónica na historia da filosofía, a segunda é unha imaxe máis tráxica, e máis
vinculada á sabiduría arcaica (non solo grega) que suliñaba a distancia entre a
irrealidade da vida humana e a verdadeira
realidade na que vivían os deuses, da que é un trasunto o abismo platónico
entre as as cousas e as Ideas.
Aínda que ambas lecturas forman parte do legado do platonismo (e por eso o
seu lugar cardinal na historia das ideas), a segunda imaxe da caverna, a
lectura tráxica, resiste mellor que a primeira a confrontación co decurso dos
feitos históricos. Despois da producción ideal e simbólica do mundo medieval e
moderno, constantemente capaz de facer pasar por voluntarios novos mecanismos
de servidume, o menos que se pode dicir é que a caverna está hoxe máis vixente
que nunca, multiplicada e individualizada por todo tipo de dispositivos
portátiles a unha escala antes impensable.
Igual que os prisioneiros de Platón, estamos afeitos a unha «interface» que
mediatiza a nosa experiencia. Da igual ocio ou traballo, para viaxar, para
investigar, para relacionarse cos demáis, cada vez nos costa máis imaxinar como
era a vida antes do teléfono móvil.
Toda tecnoloxía, dicía McLuhan, é tanto unha extensión do noso corpo físico
como unha amputación dalgunhas das súas funcións. Os medios de transporte
amplían o noso radio de acción e ao mesmo tempo nos fan cómodos, torpes,
ineficaces. Pero a vida antes da televisión, do coche ou da electricidade, eso
sí que é difícil imaxinar.
Os beneficios da técnica están á vista de todos pero os costes precisan
máis perspectiva. Aínda non coñecemos ben os efectos do uso masivo de teléfonos
móviles sobre a propia intelixencia humana. O malo non é que sexan intelixentes
senón que acaben por tomar as nosas decisións. Amputados non solo de
entendemento senón tamén de vontade.
Se hai algunha posibilidade de mirar fóra da caverna pasa por liberarse un
pouco desa escravitude e abrir ocos no monopolio dixital. Como dí Lewis Carroll
por boca de Humpty Dumpty («Alicia a través del espejo»), “a cuestión é saber
quen manda”.
Publicado no Progreso o 22-9-2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario