José Domingo de
Prada
O pensamento de Platón ten un aire esencialista, atemporal e profundamente
antidemocrático. Bertrand Russell, na súa Historia
da Filosofía, destaca este aspecto do filósofo grego e, á vez que lle
profesa a súa admiración e busca comprender o que pensou, está disposto a
tratalo “con tan pouca reverencia coma a un inglés ou un americano
contemporáneo partidario do totalitarismo”, segundo manifesta este último.
Poderiamos realizar un paralelismo do enfrontamento entre estes dous
grandes referentes da filosofía e o momento actual.
Fixémonos, en primeiro lugar, na situación e nas teses de Platón. Pertence
a aristocracia grega e analiza o mundo desde a súa posición de privilexio.
Defraudado coa democracia ateniense por varias situacións propugna un sistema alternativo
con verdades eternas e unha ríxida estrutura de valores inalterables que asenta
nun mundo xerarquizado. Todo isto permanece oculto para a maioría dos
individuos e só os que saben, os que conseguen achegarse á ciencia e á
sabedoría, poden entendelo. Esta comprensión permitiralles dirixir a sociedade
e obrigará ao resto, os ignorantes, a terse que someter ao seu mandato. Platón
está propoñéndonos un modelo de estado que moitos cualificaron como a primeira
utopía da historia, sendo que quizais fora mellor etiquetala como a primeira
distopía.
En
segundo lugar hai que sinalar a interpretación que realiza Russell, un
aristócrata inglés que, a diferencia de Platón, está comprometido coa
democracia e a defensa de asuntos sociais como o pacifismo, a educación, a
tolerancia ou a loita contra os totalitarismos. Fai unha interpretación
esclarecedora da obra do ateniense na que destaca a lectura crítica, que é a
que debe prevalecer en filosofía. Cuestiona a existencia dunha sabedoría que
poida sustentar verdades esenciais e, ademais, reflexiona, que en caso de
habela, a dificultade sería atopar a alguén que poida facela súa e levala á
práctica. Non están libres de erro ou de intereses particulares os consellos
xerais, nin os reis, nin os Papas. Só admite que poida actuarse con certa
prudencia cando quen decide ou se expresa é a comunidade estatal. A democracia
resulta así o único sistema aceptable, en tanto que presupón a asunción do erro
e a corrección do mesmo.
Os herdeiros da posición de Platón son máis numerosos e teñen maior
continuidade histórica. Incluso o mesmo Platón é unha manifestación dese modo esencialista
de organizar un Estado. Parecía que nos nosos tempos melloraran algo as cousas,
que estabamos efectuando lecturas máis escépticas ou simplemente máis neutras da
realidade. Iso permitiunos crear a fantasía de que estabamos vivindo no mellor
dos mundos reais, non no mellor dos mundos posibles, cuestión que quedou
desbotada despois de Leibniz. Como toda ilusión, tamén esta era falsa, mera
falacia inducida de forma interesada. Agnes Heller advertía fai pouco que non
hai ningún motivo, polo que o noso mundo non poida ser un mundo perigoso e convén ter en conta
esta advertencia á vista dos últimos acontecementos políticos.
O abandono da razón, a aceptación do prexuízo e do simplismo, a ausencia de
conciencia e compromiso con ningunha causa, a molicie vital, distinta incluso
do hedonismo (pois nin o pracer se busca), a exclusividade do interese persoal,
a perda de valor da política, están dando como resultado que consintamos
calquera situación. Reivindico con Russell a irreverencia pacifista. Non
podemos aceptar o dado e, menos, o imposto. Fai falta un acto de rebeldía que
debe provir da política (o ‘político’ grego era o que se ocupa dos asuntos da ‘polis’,
dos problemas comúns, fronte a el situábase o ‘idiotés’, o que non quería saber
das cuestións da cidade e só se ocupaba dos intereses propios). Hoxe precísase
facer fronte as verdades eternas, únicas e imperecedoiras que empezan a
destilar certos políticos para evitar que poidan impoñerse da man dun estado
absoluto (modernamente isto recibiu o nome de fascismo).
Temos o problema cos que non aceptan ningunha lei, se eles mesmos non a ditaminan,
cos que cuestionan a lexitimidade e o valor daquelas que intentan defender algo
a igualdade ou a reparación, cos que claman contra a Constitución e a
legalidade se vai contra os seus desexos e apelan a elas cando lles convén.
Moito me temo que calquera día comezarán a cuestionar mesmo os Dereitos
Humanos. Mal futuro se seguimos mirándonos o embigo coma se fósemos ‘idiotés’!
Publicado no Progreso o 19-1-2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario