Mar Carballo Cela
Que gran poder teñen as palabras! As palabras non
son as cousas; pero, quen non se ergueu a carón dun verso librando algunha
batalla nun momento de desconsolo? Ou, quen non rescatou algún nome da memoria
buscando patria para sentirse preto dos seus? Porque os nomes son a patria á
que sempre podemos volver. Unha pódese sentir allea, estranxeira, sen
necesidade de deixar o territorio; e ese, precisamente, é o sentimento que ás
veces se provoca a través da lingua, impedindo ou menosprezando o seu uso. A
lingua utilízase como un forte distintivo de poder e prestixio, asignándolle a
cada un o seu lugar, e así se nos fixo saber a moitos falantes ó longo da
historia. Os galegos sabémolo ben.
Na súa Tese de Doutoramento, “A lingua no
Parlamento de Galicia” (2015), o profesor de Lingua Galega Xosé Luís Vázquez
Somoza analizou a situación do noso idioma nas últimas décadas, e as
conclusións de cara ó futuro non son nada alentadoras; e neste mesmo xornal, o
pasado 25 de maio, M. A. Fernán Vello anunciaba, de seguir así, a morte do
galego en medio século. A pesar do marco legal que favorece o seu uso, o galego
perde falantes, e isto vén motivado, fundamentalmente, polo feito de que está
deixando de ser utilizado na intimidade
familiar e cotiá -onde se atopa a auténtica cadea de transmisión- coa tendencia
a sobrevivir ocasionalmente no que se deu en chamar o “uso litúrxico”, ou sexa,
en acontecementos e circunstancias especiais, como un discurso político ou unha
clase nun centro educativo.
Pero isto non é todo, X. L. Vázquez Somoza, na súa
análise sociolingüística, advirte que o
galego supervivente está mudando a un novo tipo urbano, un “galego culto
desgaleguizado” (en palabras de Miruca Parga Valiña), contaxiado por certas
formas fonéticas e sintácticas do castelán, que non sería raro que acabaran
cristalizando como norma co paso do tempo, perdéndose así as orixinais propias
do rural, verdadeiro nicho de conservación e transmisión da nosa lingua durante
séculos (un exemplo sería a colocación errónea dos pronomes ou pronunciar a
conxunción “e” como “i” ante consoante). Curiosamente, moitos falantes do que
podemos considerar o galego auténtico están copiando estas expresións das
clases altas urbanas, por estaren asociadas a un maior prestixio, e asumíndoas como modelo. Pódenos
parecer un pequeno matiz irrelevante, pero o significado que encerra ten un
alcance nada desprezable: o poder segue marcando a diferenza, agora dentro do
propio galego… Novas diglosias para novos tempos, ou o que tecnicamente se
podería considerar unha endodiglosia, co cal seguimos asistindo á valoración do
idioma en función da clase social e impedindo así a súa conservación e coidado.
Os dereitos teñen a súa simetría nos deberes e, se
ben temos o dereito de usar a nosa lingua, tamén temos a obriga de coidala e
respectala, porque facéndoo respectamos e valoramos a aqueles que nola legaron.
Foi esta simetría a que levou a elaborar a “Carta Universal dos Deberes e
Obrigas das Persoas” (Cidade de México, novembro de 2017), inspirada na correspondente
suxestión que Saramago propuxo no seu discurso do Premio Nobel de Literatura no
ano 1998. O artigo 11.1 desta Carta fai referencia á “obriga de respectar e
esixir respecto á cultura e linguas propias e alleas, así como á memoria
colectiva dos pobos e o seu patrimonio cultural material e inmaterial e de
transmitir ese patrimonio común ás xeracións futuras”. Tamén recordou Saramago,
nun fermoso texto de aceptación do devandito premio, as historias que lle
contaba o seu avó, un home que non sabía ler nin escribir, pero que “era capaz
de poñer o universo en movemento apenas con dúas palabras”. Que gran poder
teñen as palabras!... A todos nos conmove nalgún momento da vida repetir as expresións
dos que nos quixeron e nos deixaron ese patrimonio que ninguén nos pode
arrebatar: a súa voz na nosa memoria. Deámoslles o valor que merecen.
Publicado no Progreso o 1-6-2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario