jueves, 11 de mayo de 2017

A voltas coa eutanasia



Elías Pérez Sánchez


Dezanove anos despois da norte de Ramón Sampedro, que supuxo no seu momento un forte alegato a favor da dispoñibilidade da propia vida, poucas cousas mudaron na complexa cuestión da eutanasia.
Desde o punto de vista médico, o consentimento informado (CI) e as declaracións de vontades anticipadas ou instrucións previas (os DVAs) xurdiron nestes últimos anos co fin de introducir un serio correctivo ao paternalismo médico. O CI e os DVAs representan a materialización do principio de autonomía do paciente ao contar coa súa liberdade de decisión antes de iniciar un tratamento médico e antes de decidir se se mantén “ad infinitum”. O avance que supoñen é limitado ao correr o risco de dexenerar en prácticas burocráticas no canto de buscar o recoñecemento da autonomía e dignidade do enfermo e a mellora da relación médico-paciente. Ademais, ao non aceptar “vontades que incorporen previsións contrarias ao ordenamento xurídico” e ao excluír instrucións contrarias á “boa praxe médica”, só serían admisibles as peticións de desconexión ou de paliación-sedación na agonía pero nunca aquelas condutas directamente encamiñadas a anticipar a morte do paciente en estado terminal ou sufrindo unha enfermidade dexenerativa irreversible. E non supoñen ningún avance xa que son situacións contempladas hai décadas na Lei Xeral de Sanidade e no Código deontolóxico médico
Desde o punto de vista xurídico-penal, o artigo 143.4 do Código penal vixente segue ignorando, como absolutamente irrelevante, o requirimento do paciente terminal ou seriamente incapacitado prescribindo que cando unha persoa neses contextos médicos pida inequivocamente que alguén lle axude activamente causándolle a morte e poñendo así fin á devandita situación de sufrimento, todos -e este é o mandato que, de non ser seguido, dará lugar á imposición da pena de prisión- teremos que absternos de cumprir tal petición, permitindo que a situación irreversible de padecimiento continúe. Considero que o Código penal debera convivir en sintonía coas crenzas do conxunto da sociedade, polo que tal mandato racha coa convicción xeral da cidadanía, a cal, e a través de distintas enquisas, declarouse maioritariamente a favor da eutanasia e o suicidio asistido en tales circunstancias.
Nestes tempos diversos partidos políticos tentaron sen éxito (de modo confuso e irreflexivo, utilizando técnicas xurídicas mellorables e procedementos formalmente lamentables) abordar ditas cuestións. Nada substancial mudou (insisto) desde fai dezanove anos polo que se fai inescusable non só unha reflexión máis seria sobre a dispoñibilidade da propia vida a través do suicidio asistido e a eutanasia activa, senón tamén que tales condutas, co control social, médico e legal adecuado, deixen de ser condutas proscritas e convértanse en prácticas toleradas, tal e como se espera dun Estado democrático, plural e aconfesional como o noso.

Publicado no Progreso o 22-4-2017

lunes, 8 de mayo de 2017

Manifesto a prol da Filosofía



Se queres asinar o Manifesto podes facelo no seguinte enlace:

http://nexosfilosofia.org/manifesto/


MANIFESTO A PROL DA FILOSOFÍA


Un día como hoxe hai 4 anos, en 2013, presentamos aquí un comunicado conxunto en defensa da filosofía, a Facultade de Filosofía de Santiago, a SOGAFI, o grupo Doxa e a Aula Castelao de Filosofía recollendo o lema QUEN TEME Á FILOSOFÍA? que servira para unha campaña reivindicativa impulsada a nivel estatal pola Red Española de Filosofía (REF).
A LOMCE foi aprobada en decembro de 2013, e neste curso 2016-2017 completouse o proceso de implantación desta nova reforma educativa que está a causar graves prexuízos aos estudos de Filosofía no ensino secundario, enfrontándonos aos profesionais da filosofía a un futuro cada vez máis restritivo en termos de horas lectivas, de postos de traballo e de relevancia académica.
Despois da supresión de tres das catro materias obrigatorias que ata agora estaban asignadas ao profesorado de Filosofía: a Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos de 2º ESO, a Educación Ético-Cívica de 4º ESO e a Historia da Filosofía de 2º de Bacharelato, chegou agora finalmente e desaparición da Filosofía das probas comúns dentro da Avaliación Final de Bacharelato.
Xa daquela destacábamos a dimensión histórica do recorte, a súa contradición cos obxectivos da UNESCO, e o efecto negativo que ía ter sobre a liberdade de pensamento, a cultura e a calidade democrática deste país. Hoxe non podemos máis que confirmar esa pouco alentadora diagnose e constatar un retroceso en todos eses indicadores.
Como aclara o Informe da REF ás súas entidades integrantes do pasado 22 de xaneiro 2017, durante o proceso de tramitación lexislativa e de implantación apresurada da LOMCE distintas asociacións trataron de minimizar o seu impacto nas respectivas comunidades, cun resultado moi variado que de feito deu lugar a 17 sistemas educativos diferentes, polo menos no que respecta ás materias de Filosofía: algunha comunidade autónoma mantivo a obrigatoriedade de Educación para a Cidadanía en 2º ESO; varias comunidades ofertaron en 4º ESO unha optativa de Filosofía; a Filosofía de 1º de Bacharelato, única obrigatoria a escala estatal, ten unha carga horaria variable, entre 3 e 4 horas, segundo as comunidades; e en canto á Historia da Filosofía de 2º de Bacharelato, 9 das 17 comunidades autónomas decidiron mantela dalgunha forma como obrigatoria (segundo datos Informe REF 22/01/2017).
O último paso na implantación da LOMCE foi a regulación ministerial das reválidas, finalmente bastante parecidas á suprimida Proba de Acceso á Universidade, coa escepción de que a Historia da Filosofía xa non figura entre as catro materias troncais da proba, aínda que poderá figurar entre as optativas de modalidade para os alumnos que a teñan cursado.
No ámbito da política estatal os grupos parlamentarios aprobaron unha proposición de lei para paralizar a implantación da LOMCE, que foi recorrida polo goberno do estado ante o Tribunal Constitucional, e ao mesmo tempo os partidos chegaron a un acordo no Congreso para crear unha Subcomisión de Educación e negociar un “Pacto de Estado social e político pola educación” que nun prazo de seis meses subsistituirá á LOMCE.
A este contexto político xeral engádenselle as particularidades de Galicia. Ante a gravidade na situación da filosofía a Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela organizou en Santiago en novembro un “I Encontro Interacadémico de profesores de Filosofía”, no que se constituíron distintas comisións de traballo e se fixeron, entre outras, propostas en torno á modificación do marco lexislativo da LOMCE no ámbito de Galicia (sobre carga horaria de Filosofía e de Valores Éticos e outros cambios curriculares). Dese encontro saíu tamén a decisión de emprender unha rolda de contactos cos grupos parlamentarios e solicitar unha entrevista do Decano da Facultade e os novos directivos da reconstituída SOGAFI co Conselleiro de Educación, entrevista que foi longamente postergada e finalmente realizada o pasado 9 de marzo con nula vontade negociadora por parte da administración.
E entretanto en febreiro de 2017 confírmase a desaparición da Filosofía das probas comúns da Avaliación Final de Bacharelato. Trátase dun chanzo máis nun proceso cada vez máis terminal, que garda relación coa perda de instrumentos conceptuais para afrontar os desafíos dun mundo complexo, cambiante e incerto, no que os valores solidarios das democracias van perdendo empuxe diante dos intereses egoístas dos individuos e grupos privilexiados. Por iso consideramos que a importancia da Filosofía non é accidental senón decisiva, para madurar como persoas e para ter acceso a unha formación integral do ser humano.
Por todo o anteriormente exposto as institucións, asociacións e colectivos que abaixo se enumeran, así como todos os que firman este manifesto a título persoal, solicitan ó Ministerio de Educación e á Subcomisión de Educación que negociará un “Pacto de Estado social e político pola educación”, restituír a Filosofía ao lugar que lle corresponde polo seu valor formativo nos estudos de educación secundaria.
O cal pasa, ao noso parecer, pola adopción das seguintes medidas, debatidas e consensuadas no “I Encontro interacadémico de profesores de Filosofía” realizado en Santiago:
  • Consideramos que a Filosofía como disciplina esencial para a formación dos cidadáns do futuro non pode artellarse en secundaria e bacharelato en base a materias optativas. Estas en todo caso deberían de complementar ás materias a cursar por todo o alumnado. Por esta razón reivindicamos para posibles futuras reformas educativas a seguinte carga horaria da disciplina de filosofía:
1º Unha Historia da Filosofía obrigatoria para todas as modalidades en 2º de Bacharelato (cunha carga horaria de 4-3 horas)
2º Unha Introdución á Filosofía en 1º de Bacharelato para todas as modalidades (cunha carga horaria de 3 horas)
3º Unha Ética ou Filosofía en 4º da ESO para todas as modalidades (cunha carga horaria de 3 horas)
  • Respecto a materia de Valores Éticos: consideramos que esta debería ser unha disciplina a cursar por todo o alumnado, e non só unha alternativa laica á materia de Relixión, por iso solicitamos que a materia sexa obrigatoria. Por outro lado a docencia desta materia debería de estar en mans de profesorado de Filosofía, non ser impartida por calquera departamento que necesite completar carga horaria, como sucede en moitos centros na actualidade. De non haber departamento de Filosofía no centro (como é o caso de moitos CPI) habería que reivindicar a creación de ditas prazas pois suporía unha presencia maior da Filosofía nos centros educativos, a visibilidade da materia nas diferentes etapas escolares, e unha base mellor para fornecer a Filosofía en etapas superiores, así como máis postos de traballo para os titulados en Filosofía.

Asdo.: Grupo DOXA, Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela, Grupo Nexos de Didáctica da Filosofía, SOGAFI, Grupo de Filosofía de Vigo, Aula de Filosofía Ferrolterra, Aula Castelao de Filosofía.

viernes, 28 de abril de 2017

A identidade das mulleres do século XXI



Mar Carballo Cela


Que importante é nas nosas vidas a mirada dos outros: sentímonos e valorámonos a nós mesmos a través desa mirada. Sartre chegou a afirmar que “o inferno son os outros”, precisamente por ese espello implacable, e ás veces cruel, no que non podemos deixar de mirarnos, chegando incluso a sentirnos desprezables cando vemos o desdén que esas outras retinas deixan caer sobre nós.
Os grupos sociais tamén teñen os seus propios espellos, construídos –consciente ou inconscientemente- por aqueles que pretenden control e dominio: pobos enteiros percibíndose a si mesmos a través da mirada de outros pobos, ou mulleres que historicamente se percibiron a si mesmas a través da mirada dos homes. En 1949 Simone de Beauvoir, na súa emblemática obra “O segundo sexo”, levou a cabo unha lúcida análise sobre esta última mirada a través da cal as mulleres fomos asumindo a nosa identidade. Non é fácil tomar conciencia das distorsións que os demais poden exercer sobre a visión que temos de nós mesmos; a propia Simone, muller profundamente reflexiva sobre moitos outros temas, recoñeceu que isto lle sucedera cumpridos xa os corenta.
Anos despois, seguimos sen erradicar este dramático erro de perspectiva, e as novas xeracións de mulleres edúcanse cunha imaxe deformada de si mesmas que os medios de comunicación perpetúan, facéndolles crer que a súa identidade reside unicamente na súa sexualidade ó ser utilizadas como meros obxectos de desexo para satisfacción da mirada masculina. As consecuencias de que aínda non se correxira socialmente esta valoración son graves, e confunden non só o concepto que os homes se formas sobre as mulleres, senón o que as propias mulleres temos de nós mesmas, dificultando enormemente o avance cara unhas relacións sociais e persoais satisfactorias.
Un exemplo de todo isto témolo no debate que actualmente se recuperou (non é nada novo) en torno á legalización da prostitución, un tema clave que deixa ó descuberto as distintas maneiras de considerar ditas relacións entre ambos sexos.
A prostitución xorde e perpetúase nun contexto profundamente androcéntrico no que a existencia da muller xira en torno ás necesidades persoais e sociais dos varóns. Neste contexto nos socializamos desde nenas, recibindo mensaxes constantes dun rol hipersexualizado que invade boa parte da nosa imaxe social, non sucedendo o mesmo cos homes.
O discurso pro-legalización susténtase, en gran medida, nos argumentos neoliberais de respectar a liberdade para negociar co que estimemos oportuno, sempre e cando sexa de mutuo acordo. Pero creo que este plantexamento non profundiza o suficiente, polo menos en canto a dous aspectos fundamentais:
En primeiro lugar, non é adecuado calificar de  “libre elección”  aquelo que é o resultado dunha histórica socialización no servilismo e na inferioridade, facendo coincidir así o comportamento libremente desexado con aquel que é froito dunha coacción estructural no que, en interese dun dos sexos, fomos educadas, tal e como indica a filósofa Ana de Miguel na súa obra “Neoliberalismo sexual: el mito de la libre elección” (Feminismos, 2015, p. 213).
E, en segundo lugar, tampouco creo que a libre elección individual poida lexitimar por si soa que tipo de relacións son as adecuadas entre seres humanos; de feito, noutra orde de cousas, non se considera que así sexa: non se consinte que dúas persoas resolvan un conflito a machetazos por moi libremente que ambas partes decidan facelo, nin tampouco comerciar cos propios órganos. O motivo destas limitacións non é outro que impedir un modelo de sociedade no que todo valga, carente do máis elemental respecto mutuo, e intentar protexer de situacións abusivas ós máis desfavorecidos.
Nas relacións de opresión, os oprimidos soen ser considerados como obxectos, meros instrumentos ó servizo dos opresores (“corpos sen alma”), mentres que estes últimos se reservan o acceso ó ámbito intelectual e espiritual. Sucedeu coa escravitude, co colonialismo, coa explotación laboral, e tamén coas mulleres. As mulleres foron e seguen sendo identificadas, en moita maior medida que os homes, co corpo: son cubertas para evitar a tentación, exhibidas para provocar desexo, alquiladas para procrear (maternidade subrogada), coaccionadas socialmente para manter un modelo físico perfecto, violadas (en períodos de guerra e inseguridade social é unha das formas de violencia que primeiro se instala)…
Certamente, o mercado servíu, en ocasións, para evitar abusos e conflitos en torno á adquisiciós de bens (aínda que tamén provocou outros); pero o corpo da muller non é un ben, nin é obxecto de disputa. O acceso a el non pode ser considerado un dereito que o Estado deba regular. ¿En que modelos de identidade queremos que se socialicen as mulleres do século XXI?

Publicado no Progreso o 14-4-2017

miércoles, 12 de abril de 2017

Retorno e porvir dunha ilusión



M. A. Martínez


O filósofo Louis Althusser en Iniciación a la filosofía para los no filósofos (Siglo XXI, Madrid, 2016) explica como calquera ideoloxía non é arbitraria. Non xorde por casualidade, nin por azar. Sempre indica cuestións ou problemas reais, aínda que aparezan revestidos. Unha ideoloxía tamén apunta a unha forma de descoñecemento e, por esta razón, ilusoria. Así, calquera ideoloxía ten un duplo carácter: é un coñecemento con forma de descoñecemento e unha alusión con forma de ilusión.
A ilusión non é un erro. Quen erra equivócase, mais pode recoñecer o seu fallo, adherirse á verdade. Porén, a ilusión é dura, permanente. A súa función é perdurar. Agocha unha causa que non pode coñecerse e que necesariamente se descoñece. Esta causa está nalgo que supera aos individuos: o social. Está nos suxeitos sociais. Os intereses aos que serve son os de certas causas ou valores dos suxeitos sociais.
O funcionamento da ideoloxía pode ser descrito. Supoñamos que é necesario que todos os individuos dunha sociedade sexan dominadores ou dominados, e que acepten libremente algunhas evidencias (por exemplo, a moral relativista, a inutilidade da educación, a utilidade das novas tecnoloxías como solución aos problemas persoais, a banalización da violencia). Se este é o caso, e sen que ninguén sexa o seu autor declarado, xorde un sistema de representacións verdadeiro e falso simultaneamente. Verdadeiro na medida en que ten en conta realidades vividas polas persoas. Falso na medida en que impón a súa verdade a esas vivencias para conferirlles o "sentido verdadeiro" e configuralas segundo ese "único sentido" (coa prohibición engadida de contrastalo con outros posibles sentidos). Isto é a ideoloxía segundo Althusser: coñecemento e descoñecemento, alusión e ilusión. Un mecanismo de enunciación: ante a experiencia máis simple enuncia cal é a súa verdade pasada, presente e futura.
As sociedades actuais semellan recuperar algunhas ideoloxías desafiuzadas pola historia. Ideoloxías que arranxan a verdade de calquera acontecemento. Que prescriben de antemán a verdade co metaenunciado "non hai verdade". Estas ideoloxías interpelan os individuos no seu carácter de suxeitos (sociais) para, a través das súas vivencias (individuais), erguelos ao campo da subxectividade colectiva que lles doa sentido ás fendas que os quebran. Esta determinación particular é o mundo no que os individuos se recoñecen como suxeitos. É o suplemento que funciona como abstracción que agrega ao concreto unha relación (social, lingüística, emocional) que o constitúe e domina. É o propio dunha ilusión: un nada que se apropia do concreto até que chega a producilo.
"A responsabilidade social do filósofo", do filósofo Raymond Aron, conferencia recollida en Dimensiones de la conciencia histórica (Página Indómita, Barcelona, 2017), serve de complemento a Althusser. Aron distingue entre o técnico, o ideólogo, o filósofo. Filósofo é quen ten a responsabilidade de interrogarse polos límites, e nos límites, da obediencia e desobediencia, no limiar da responsabilidade social. Se Althusser convoca a destapar a ideoloxía, Aron advirte de que hoxe o poder demanda dos técnicos e ideólogos non só obedecer, senón xustificar a obediencia. O filósofo, pola contra, busca a verdade, resiste a coacción. Medite sobre o mundo ou se comprometa coa acción, ensine a obedecer as leis ou a respectar os valores verdadeiramente humanos, cumpre coa súa función dentro e fóra do estado, compartindo os riscos do seu rumbo. Entre o relativismo histórico dos técnicos (en realidade antihistórico) e a adhesión fanática dos ideólogos (a unha causa sempre sita no porvir), o filósofo mantense firme na reflexión crítica que alerta sobre o retorno histórico das ilusións e o porvir que nelas se acubilla.


Publicado no Progreso o 8-4-2017