domingo, 29 de octubre de 2017

Votos vs. fouces



Xosé Ramón Cando Vázquez

Estamos asistindo en Europa a cambios políticos importantes aos que moitos de nós non estamos dando, se cadra, a importancia que teñen; mais aínda, semella que non nos decatamos da súa transcendencia de cara ao futuro, futuro que parecen anunciar, cando menos, difícil.
O nacionalismo xenófobo inglés conseguiu sacar ao Reino Unido do proxecto común europeo, o nacionalismo xenófobo francés pretende o mesmo e conta, dende fai tempo, cun importante apoio da poboación, o nacionalismo xenófobo austríaco estivo a piques de gañar as últimas eleccións presidenciais nese país, o nacionalismo xenófobo holandés meteunos, recentemente o medo no corpo a moitos, o nacionalismo xenófobo imponse, igualmente, en Polonia, Hungría e outros países da súa contorna, pero o que máis nos preocupa a algúns, son os noventa e cinco deputados que o nacionalismo xenófobo alemán acadou nas últimas eleccións nese país, situándose, ademais, como primeira forza política no estado de Saxonia con preto do trinta por cento dos votos.
Os partidos tradicionais de Alemaña (CDU—CSU e SPD) sufriron unha verdadeira debacle que os sitúa en parámetros descoñecidos na historia recente dese país, acontecemento que resulta contraditorio co presunto e moi louvado benestar económico que os medios de comunicación nos presentan como paradigmático. Pola contra, segundo as análises oficiais, semella que a causa destes resultados reside na animadversión xerada pola abondosa chegada de refuxiados procedentes de países musulmáns habendo quen cualifica esa reacción xenófoba como 'islamofobia'.
Fagamos un pouco de historia, fai cen anos millóns de rapaces matábanse, asañadamente, nos teatros —maioritariamente trincheiras— de guerra por Europa adiante no primeiro acto dun enfrontamento que, vinte anos mais tarde, se reproduciría e conduciría ao mundo a mais sangue, dor e destrución do que se pensaba que os seres humanos fosen que de producirse a sí mesmos. Como consecuencia da primeira guerra mundial Europa quedou empobrecida e Alemaña, ademais, tivo que pagar enormes compensacións económicas aos países vencedores que estes impuxeron no Tratado de Versalles. En Alemaña tivo, tamén, moita repercusión o crash de 1929 facendo que o malestar económico fose moi forte e dando lugar a intentos revolucionarios fronte aos que os poderes económicos acabaron financiando ao pequeno grupo de Hitler o NSDAP que se caracterizaba polas súas accións violentas contra os partidarios dunha revolución socialista e que finalmente, co mencionado apoio, acadou a ser o partido máis votado en dúas eleccións consecutivas.
A deriva cara posicións que ameazan a convivencia está sendo interpretada con diversos enfoques pero parece evidente que antes e agora o factor económico resulta determinante. Poñamos un exemplo, en Londres hai rapaces españois que traballan de balde —literalmente— porque entenden que así poden perfeccionar os seus coñecementos do idioma inglés, circunstancia que lles vai supoñer unha importante mellora no seu currículo, como cremos nós que van interpretar esta competencia desleal os parados ou infraasalariados traballadores británicos? Se no Reino Unido existise benestar económico tería lugar a mesma reacción? Se non existisen masas famentas na Alemaña de 1930, gañaría as eleccións o NSDAP? Se os cidadáns de Saxonia tivesen unha boa posición económica serían islamófobos coa mesma intensidade que o son agora? A extensión da globalización en forma de liberalismo económico está dando un golpe importante as chamadas —para entendernos— clases medias, ocasionando polo tanto un incremento da diverxencia social onde unha minoría se enriquece extraordinariamente, mentres que a maioría se empobrece. Neste contexto, impóñense as perspectivas maniqueas e resulta difícil a resolución dialogada e pacífica dos conflitos —véxase Cataluña—.
Podemos reproducir os enfrontamentos de fai cen anos xa que non hai nada que nolo impida —enganámonos se pensamos que somos mais intelixentes ou mellores que os nosos avós—, ou podemos aprender dos erros que temos cometido para non repetilos. Dispoñemos dunha ferramenta mais poderosa que todas as bombas atómicas, o voto, para cambiar a realidade económica e social en beneficio do conxunto da cidadanía, ou podemos pechar os ollos ante os feitos que parecen impoñerse. Se cadra, cando os abramos, xa só nos quedarán as fouces.

Publicado no Progreso o 7-10-2017

Vivir o presente




José Domingo de Prada
 
Vivimos no presente. A nosa vida é, mentres dure, pura actualidade. Como tal a tratamos, executándoa ao compás do acontecer, quérese dicir, bailando a música que toca, a que soa, a que nos poñen.
Bailar -vivir- é levar o ritmo, moverse ao compás. Nós levamos a vida como toca, acompasada ao ritmo que nos marcan, se non queremos dar a nota. A continuidade rítmica se vive emocionalmente, é subxectiva, espontánea, propia. Son eu quen decide moverse ao ritmo dos tempos e pasar así desapercibido entre outros movementos acompasados, actuais; clónicos do meu? Non fan falta espellos, todos os movementos declinan polo mesmo paralaxe aparente: o que marcan os tempos que corren. Nada máis igual nin máis repetitivo que a esixencia rítmica do compás.
Jacobo Muñoz di que a filosofía é “unha diagnose multifocal do presente”, e iso ponnos ante o problema do cambio de enfoque, do cambio de ritmo. Xa sabemos que quen non enfoca ben distorsiona e perde nitidez; como quen non afina ben, que acaba desentoando e ata perde a harmonía. Ao fin, se acaban por superpoñer planos, como se fan soar músicas diferentes; algunhas incluso renxen. Se declinamos da actualidade que nos toca e cambiamos de foco -ou de música- entón veremos outras estrelas, aportacións do cambio de enfoque? problemas de paralaxe? lumes fatuos?  Para os directores da orquestra lumes fatuos, para os músicos liberdade, para o público caos e para os que danzamos na escena da vida, estrelas novas. En calquera caso, o cambio de foco provoca tamén cambio nas sombras e é extremadamente importante para darse conta de que as sombras non son a realidade. Os prisioneiros platónicos que estaban permanentemente baixo o mesmo foco e observando desde o mesmo plano confundíanas coa realidade. Que non terían discorrido aqueles prisioneiros se lles chegan a cambiar o plano do lume sequera unha vez! E se lles chegan a poñer música!
O problema deste espectáculo está entón en percibir as diferencias, que se perden nun movemento inaprensible, bailando todos ao mesmo ritmo, iluminados baixo os mesmos focos, uniformizados cos mesmos pasos de baile e a mesma claridade, pero crendo que somos nós os que marcamos o compás  e os que miramos o que queremos ver. Theodor Adorno advírtenos que as diferenzas son absorbidas pola “unidade de época”. Resulta así que, visto en perspectiva, os movementos particulares se perden, e só se percibe o baile dos tempos, algo así coma un pequeno resplandor, apenas unha penumbra, un rumor de fondo. Co importantes que somos mentres vivimos, que pouca cousa cando o deixamos.
Se todo isto xa pasaba no mundo clásico e perfectamente ordenado, que non se poderá dicir do presente? Líquido segundo Bauman, case translúcido e distorsionador aínda que el se pretenda transparente -o da transparencia é  unha falsa estrutura ideolóxica, unha actualización do panóptico de Bentham nas sociedades dixitais e que utilizan para vixiarnos mentres nos imaxinamos libres, como sinala Byung-Chul Han-.
Nunca fomos tan fráxiles como somos nestas sociedades posmodernas, e iso ocorre porque  nunca estivemos tan expostos á mirada dos demais. Esa mirada curiosa fainos perder intimidade e con ela pérdese o individuo. Nesta situación déixanos a sociedade do espectáculo, agobiados por manter o ritmo e mirar o que se nos mostra. Byung-Chul Han di que no espectáculo se perde o respecto, a mirada distanciada que aparta o mirar curioso. No espectáculo global vivimos degradados por ser actores e fisgóns ao mesmo tempo. Danzantes que observan á vez que son observados. É este o motivo polo que o público pasa a apropiarse do privado polo que a intimidade privada se pode vender ao público. Esta confusión anúlanos e destrúenos, deixándonos expostos a perdernos, a decaer na nosa identidade confundíndoa coa que nos venden. Pero, ganancia dos novos tempos, xa non nos teñen que obrigar a ver nin aceptar o imaxinario colectivo no que nos perdemos, agora prestámonos nós a facelo de bo grado.

Publicado no Progreso o 30-9-2017

Arqueoloxía do 'procés'



Juan Carlos Fernández Naveiro


Aló por 1998 en Sant Martí d'Empuries o filósofo Xabier Rubert de Ventós rematou un libro, De la identidad a la independencia: la nueva transición (Anagrama 1999), no que se albiscaba para Catalunya un novo tipo de entidade política aínda non experimentada, un "obxecto político non identificado" (OPNI) do que o único e precario exemplo sería por entonces a Unión Europea. Que tempos, canto parecen ter cambiado as cousas.
Ao longo do libro de Rubert de Ventós perfilábase a contraposición entre un mundo políticamente vello que periclitaba, o mundo dos Estados-nación identitarios e soberanistas, e un novo "mundo de identidades compartidas, de pertenencias múltiples, de dependencias dispersas, e, claro está, de soberanías complexas, de perfiles borrosos ou difuminados". É a contraposición que se deu no debate político de finais do século XX entre o modelo clásico da modernidade política e a soberanía nacional, e o modelo posmoderno da mestizaxe e a interdependencia, nun marco de dependencias definitivamente globais. "O vello morreu, e o novo non acaba de nacer", dicía Rubert nesas páxinas, coincidindo nun ditame moi estendido no cambio de século.
Rubert profetizaba que Catalunya (como a propia Europa) apuntaba a un tipo de entidade política que "no século XXI tomaría o relevo dos Estados soberanos na tarefa de organizar os pobos, representar os seus intereses e valores e protexelos da intemperie global"; e situaba tamén nesa baixa esixencia identitaria o orgullo de galego de Manuel Rivas, "porque galego pode selo calquera".
No inicio do século XXI aínda parecían posibles esas novas formas de agregación política fundadas nunha "efectiva difusión do poder", e de recoñecer "unha interdependencia capaz de canalizar fluxos reais e non solo asegurar paranoicas integridades territoriais". Despois chegaron a anulación da reforma do Estatut polo Tribunal Constitucional, a crise económica, o 15-M, e as dinámicas de contestación do bipartidismo español e do marco constitucional do 78 atoparon un caldo de cultivo apropiado. O procés comparte aí con Podemos un mesmo marco de axitación mutua.
Así se chega ao centro da cuestión: quen determina a excepcionalidade do momento de construcción dunha vontade colectiva, e a súa lexitimidade diferente respecto das épocas de normalidade institucional? Trátase da diferencia que comentaba Íñigo Errejón nun artigo recente (Artillería intelectual contra el populismo, El País, 06/09/2017) entre "épocas quentes" e "épocas frías", que recorda a alternancia alternancia histórica entre épocas de "ciencia normal" e momentos de cambio de paradigma e "revolución científica" do célebre filósofo da ciencia Thomas S. Kuhn, unha das bases da posmodernidade epistemolóxica.
A cuestión por tanto é: está Catalunya en disposición de reclamar un momento fundacionalista que impugne lexítimamente a institucionalidade española? O procés debería fundarse sobre un criterio moito máis claro para definir un novo suxeito político, ao que non sei cómo en tal caso se lle podería negar a súa capacidade para autodeterminarse. Pero do contrario, na medida en que o independentismo catalán xa non encarna esa in(ter)dependencia difusa e borrosa que defendía Rubert de Ventós senón a pura vontade antisistema, aí xa non parece haber suficiente transversalidade nin pluralismo, falta un rotundo "we the people" que encarne de maneira inequívoca esa nova vontade colectiva.
É como a utopía pendente, sexa schmittiana ou populista, unha visión de hexemonía que se leva mal coa triste prosa do real, policial e xudicial. Non sei o desenlace do 1-O pero non cancelará o debate de fondo, porque seguirá aberto o problema de construir novas entidades políticas máis alá das identidades territoriais.

Publicado no Progreso o 23-9-2017