martes, 14 de mayo de 2019

A sedución da forza


José Domingo de Prada

Vivimos en sociedades violentas. Unha afirmación coma esta pode parecer estraña ao constatar o rexeitamento que provoca en nós a exteriorización da violencia, ademais, as estatísticas describen que nas nosas sociedades prodúcese un índice moi baixo de exercicio da violencia externa, dende logo, nada comparable ao que ocorreu noutros períodos históricos ou ao que está a ocorrer noutras sociedades contemporáneas. Polo tanto, cabe preguntarse se esa violencia externa e física diminúe, cal é a violencia das actuais sociedades?
O filósofo Slavoj Zizek fai unha diferenciación entre tres tipos de violencia e mostra, ademais, como unhas están ao servicio das outras. Distingue unha primeira violencia subxectiva, física e visible dunha segunda violencia sistémica, unha normalidade non percibida como violencia, á que denomina “fondo de nivel cero” e que constitúe o marco violento (e non recoñecido como tal) no que nos movemos e que aceptamos como se fóra inevitable. Esta segunda violencia é consecuencia do funcionamento do sistema. Vén dada polas relacións de dominación, e ten manifestacións tanto políticas coma económicas ou intelectuais. É social e impregna as interaccións dos individuos. Realmente é practicamente imposible vivir á marxe desta violencia sistémica ou obxectiva.
O terceiro tipo de violencia é a máis letal de todas, a violencia simbólica. Dáse na linguaxe, e de aí pasa ao pensamento. Desde ela construímos o mundo e desde ela xustificamos calquera actuación desde a máis directa e inmediata ata a máis teórica. Seguindo esta liña podemos considerar como as nosas sociedades están dominadas por esta violencia simbólica, na que a perturbación da linguaxe e do discurso impón lecturas interesadas da realidade e formas de pensamento excluíntes que son expresión da forza impositiva do que fala ou actúa, especialmente se se atribúe algún tipo de poder.
Estas reflexións veñen ao fío da situación na que afondamos cada día. A forza segue a estar presente nas nosas sociedades e xera violencia. A forza seduce, é vertixe, inestabilidade. Nas sociedades do desexo a forza é persuasiva, poder. É por isto que a forza se exhibe, fai ostentación de si mesma, carece de razón e, polo mesmo, de palabra coa que racionalizarse, isto fai que grite, que comunique polo contexto, intimidando, impoñendo a súa opción cunha sobreactuación que atraia as miradas sobre si para intentar seducir por persuasión, con enganos (posverdades). Busca á mirada, e como observou Sartre, na mirada todo queda cousificado, outro, obxecto. Tal así, a forza é medio para obter o poder a través do outro, ao que violenta e anula. Esta forza é perda, irracionalidade, obxectualización do outro.
Étienne Barilier descríbenos a forza bruta posta ao servicio de Deus para impoñer un credo (terrorismo) e tamén posta ao servicio do poder que anula á muller (machismo). A forza, sen máis límite que si mesma, acaba por intentar autoxustificarse, xorden así as leis do estado ou de Deus, é dicir, exerce un poder legalizado. Este pensador lembra aquel aforismo de Pascal que di: “ao non poder facer que o xusto sexa forte, facemos que o forte sexa xusto”, habería que matizar que o forte só consegue proclamarse xusto, outra cousa é que efectivamente o sexa.
O único modo de enfrontar á forza é a través da razón, da linguaxe e aí hai que enfrontarse á violencia simbólica e configurarse como contrapeso natural da mesma como xa fixeran os gregos. Fronte á violencia do guerreiro e dos deuses, “logos”, discurso. Fronte á irracionalidade e á desmesura, razón e medida. Fronte ao arrebato violento e á exhibición de poder, contención e prudencia. Fronte á soxubgación e á submisión, humanismo e ilustración. Só repensando a máis letal das violencias e sopesando os discursos poderemos enfrontala.
A posmodernidade (e conste que penso que xa estamos na trans-posmodernidade, dado que aceptamos como normal, quero dicir, integrado no discurso diario, cuestións como posverdade, ilimitación das eleccións, supostas reversibilidades dos feitos, virtualidades da realidade, a-racionalidade dos discursos, subxectivización do mundo,...) é fundamentalmente o disimulado exercicio da violencia, tan disimulado que apenas se percibe (por normalizado), tan violento que forza non só a nosa vontade senón incluso o noso desexo.
Ante a carencia dun discurso racional (e hai quen fai  moitos esforzos para afogalo ou polo menos para que non sexa percibido) a violencia se rearma como fetiche. Nas sociedades multitarefa adóranse varios e novos deuses: a novidade, o cambio, a multiplicidade, o éxito, a imaxe, o ego; neles, a violencia maniféstase, cando menos, como aspiración, como anhelo de imposición ao outro. Carente de empatía e de discurso non ten nada que compartir e só lle vale o triunfo, superpoñerse, ganar, ampliar o desexo. Estamos quizais ante novas sociedades politeístas? Lémbrese que foi precisamente esta circunstancia un dos cimentos da aparición da razón. Aberto o abismo, forza e desexo poden lanzarnos a un novo modelo de pensamento? Pode haber pensamento fóra da razón?

Publicado no Progreso o 11-5-2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario