Mostrando entradas con la etiqueta I congreso. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta I congreso. Mostrar todas las entradas

sábado, 7 de diciembre de 2013

Volver pensarnos



M. A. Martínez

O pazo da Deputación de Lugo acolleu, con éxito de público, a primeira edición de “Lugh Augusti. Foro galego de Filosofía, Educación e Política” co título “Volver a pensar a democracia”, organizado pola Asociación Doxa de Filosofía. Non é fácil que un foro ideas calle nunha cidadanía que busca solucións inmediatas a situacións dolorosas, con frecuencia inhumanas. Tampouco que o faga nun país no que o exercicio público do pensamento xera suspicacias. Malia estes obstáculos, as análises dos poñentes, e os animados coloquios, evidenciaron a preocupación por elaborar un marco de ideas coas que afrontar a novidade da actual crise.
Filósofos, politólogos e xornalistas coincidiron na urxencia de que os cidadáns collan a rendas dos seus destinos. Non é suficiente con votar e consentir, aplaudir ou criticar, as decisións dos representantes políticos. Hai que entrar no espazo público, arriscarse a vivir unha vida no común en calquera das súas formas. Mais, como? Con que finalidade? A que prezo? Con que garantías? Os poñentes concordaron en que salvagardar a “cives” democrática, maridaxe de soberanía popular e imperio da lei, nin é gratis nin é para hoxe. Ten un prezo (en tempo, sacrificios persoais) e unha proxección de futuro nun espazo público en transo de nacer: o ciberespazo.
No foro analizouse a tripla crise: económica, política, moral. Non ten unha solución rápida porque non é doada de pensar. Superpóñense os planos, hai cortes transversais.
A crise económica, froito da circulación planetaria desregulamentada de capitais, da globalización dos procesos de produción, e do modelo de consumo, pode afrontarse esixindo a visibilización do capital. Quen intervén no espazo público dos intercambios económicos, condicionando a vida de millóns de persoas, debe identificarse. “Os mercados” non poden ser suxeitos “líquidos” e “enmascarados”, “irresponsables” e “anónimos”. Se as persoas físicas e xurídicas son suxeitos con dereitos e obrigas, “os mercados” deben asumir tamén estas regras de xogo.
A crise política ten varios aspectos: despolitización da cidadanía, quebra das institucións, desaparición do pluralismo. Xorden novos suxeitos: multitudes cidadás, redes de axuda comunitaria, movementos sociais, activismo político na Internet. Como axudarán a erguer a nova democracia? Talvez, a “democracia dixital” é unha vía: non só participar na construción colectiva da comunicación e dos saberes, tamén na toma de decisións a través da rede. Tecnoloxicamente é posible.
A crise moral finca nunha cidadanía sen ferramentas intelectuais para analizar e comprender a súa propia realidade. Por exemplo, a penetración da linguaxe económica no ámbito da moral é evidente: competencia, eficiencia, produtividade. As persoas son “recursos humanos”. Abandónase a linguaxe da xustiza pola linguaxe da eficacia. A reinvención da moral colectiva, cívica e democrática, debe basearse no “apoderamento” da xente. “Apoderarse” é autocapacitarse, ou capacitar a outros, para facer algo. Aquí o papel da educación cívica, da ética, é insubstituíble.
           En fin, “Volver a pensar a democracia” foi unha experiencia filosófica colectiva, grata e feliz, na que os participantes visibilizáronse como cidadáns críticos, construíronse como suxeito cívico, apoderáronse da súas propias capacidades para analizar, disentir, argumentar, chegar a acordos. Xa que logo, a filosofía é útil para comprender o noso tempo, e volver pensarnos.

Publicado no Progreso o 17-11-2012

sábado, 2 de noviembre de 2013

Cartel I Foro


Que é Lugh Augusti?


“Lugh Augusti: Foro Galego de Filosofía, Educación e Política” é un encontro de tres xornadas que ten como finalidade desenvolver unha reflexión crítica e compartida que nesta, a súa primeira edición, versará sobre a democracia.

O evento proponse como foro, como lugar de encontro circular e horizontal no que se intercambian prácticas e coñecementos. Para elo, contaremos con certas personalidades para que nos acheguen o seu discurso, mais non co obxeto de convencernos ou sumarnos a algunha cruzada, non, o que procuramos é que arroxen luz sobre as problemáticas plantexadas, inviten a que cada un faga o seu propio exercicio crítico, e que pódase entón xerar un diálogo construtivo entre os asistentes.

As xornadas vehicúlanse a través de tres eixos: filosofía, educación e política. Ten polo tanto unha vocación interdisciplinar, tomando como núcleo o pensamento crítico, para dende esta actitude acometer unha reflexión co-participativa sobre aquilo que se refire á xestión e organización da “polis”, isto é, a política, e sobre aquilo que nutre e sostén a cultura, o terreo educativo. Nun tempo no que se impoñen os discursos especializados, estimamos fundamental unha visión máis holística que se plantexe os problemas do “aquí e agora” dende unha meditación crítica e sensata. Os expertos economistas falan de economía, pero a economía é un terreo epistémico que perde o seu senso sen unha regulación ou direccionalidade política. Pola súa banda, os expertos políticos teorizan sobre a organización política e social, falan de medidas, reformas e propostas, pero estimamos que todas estas iniciativas perden chan se non se acompañan dunha reflexión sobre os valores que queremos poñer en xogo, ou o que é o mesmo, consideramos que un pensamento político debe ir sempre acompañado dun pensamento ético. É por todo isto que estimamos esencial a formación de unha cultura democrática, e é a esta cultura á que quere contribuir a celebración deste foro.

O primeiro día contaremos con Ramón Cotarelo, catedrático de ciencias políticas da UNED, cuia conferencia abrirá o debate e ahondará nos ideais, contradicións e realidades da democracia. Na segunda xornada, o catedrático Moisés Lozano fará unha valoración da educación así como unha reivindicación desta dende unha perspectiva galega. A continuación, Carme Adán, doutora en filosofía e deputada no parlamento de Galicia, reflexionará sobre a situación política na nosa comunidade. O sábado pola mañá, na terceira xornada, teremos unha mesa redonda con tres reputados xornalistas: Caetano Díaz (Galicia Hoxe), Xosé Luis Gómez (Xeira Comunicación) e Lois Caeiro (El Progreso), que debatirán acerca da relación entre os medios de comunicación e o poder.

Para darlle unha dimensión máis horizontal ao encontro, haberá a continuación das conferencias un amplo tempo para a quenda de preguntas e respostas. Ademáis, os eventos serán retransmitidos en directo a través da páxina-web, e na propia ventá do streaming poderase chatear ou participar a través de Twitter.

O nome de “Lugh Augusti” identifica a impronta da nosa cidade que lle queremos imprimir ao evento. Un pequeno xiro ao nome fundacional de “Lucus Augusti”, a cidade romana que se levantou sobre un “bosque sagrado” (“lucus”). Sabemos que o emperador Augusto mandou a Paulo Fabio Máximo a negociar cos xefes celtas do norte da Hispania e deixar sentada unha paz duradeira (“pax augusta”). Paulo Fabio selou os acordos, rubricándoos co rito do “sacramentum”, isto é, un “pacto sagrado”, un compromiso que implicaba un xuramento ante os deuses. Neste rito represéntase a Augusto como un ser sagrado que se fai coroar ante a multitude asistente como o deus pancéltico Lugh, o deus da luz. Temos abundantes referencias numismáticas de este acontecemento, moedas nas que no anverso aparece a imaxe de Augusto como Pontífice Máximo, e no reverso se representa o altar de Lugdunum nunha inequívoca referencia ao deus Lugh. Desta maneira Augusto se equiparaba ao máis importante deus celta. Ao identificarse con el sacraliza a súa persoa e prepara o camiño para ser aceptado polos poboadores celtas. A nosa cidade é unha cidade romana erixida sobre un bosque sagrado, e estos lugares significan para os druidas e os celtas o mesmo que para os cristiáns significan as ermitas, as igrexas ou as catedrais. Polo tanto a fundación de Lucus Augusti supón a confluencia do mundo celta e o mundo romano. Co nome de “Lugh Augusti” recuperamos o ecoar do deus celta e reflectimos o encontro desos dous mundos.

Coa organización deste foro, buscamos polo tanto poñer a Lugo e á súa provincia no mapa do circuíto filosófico galego. Un evento cultural que lle dea voz ao pensamento galego e contribúa a fornecer a nosa cultura democrática. Procuramos que este foro sume esforzos aos eventos institucionais deste cariz que veñen celebrándose noutras cidades da nosa comunidade, como a Semana Galega de Filosofía, as Xornadas de Filosofía da Ciencia en Ferrol, as Xornadas de Filosofía en Vigo, o Foro Cívico e o Congreso de Filosofía Xoven que celebrouse este ano na Coruña, ou os ciclos de pensamento que organiza o Consello da Cultura Galega preferentemente en Santiago, así como toda a actividade da propia Facultade de Filosofía da USC. Pensamos que os lucenses requiren e merecen tamén un espazo social para o debate filosófico.

Para o desenvolvemento e organización deste evento contamos coa experiencia, a infraestrutura e o soporte práctico da nosa asociación. O Grupo Doxa de Filosofía creouse a finais dos anos 80’ por varios profesores de filosofía na cidade de Lugo. Nestes momentos atopámonos nunha reconstitución do grupo, na que estamos a levar a cabo actuacións que impliquen, na medida do posible, a toda a sociedade civil, e que axuden a pensar a situación de crise actual e contribúan a potenciar unha cultura democrática.

Con este evento, queremos aportar un grao de area a esa necesidade cada vez máis perentoria de ter que voltar a pensar a democracia, e sumar a súa voz a esa comunidade ideal de diálogo na que ecoan a Aula Castelao de Filosofía, o grupo Aletheia, o proxecto Derriba, a Universidade Invisíbel, o proxecto Axóuxere, o colectivo ALG-A e tantas outras iniciativas, algunhas cunha traxectoria xa contrastada e outras que van agromando en Galiza, e tamén en Lugo.

Queremos invitar a tod@s @s cidadáns, de calquera raza ou condición, a todas as persoas que queran pensar por sí mesmas e traballar en prol dunha mellora cualitativa da convivenza social, a que acudan a este evento e participen deste debate social que a tod@s nos atinxe.

“Lugh Augusti: Foro de Filosofía, Educación e Política”. Primeira edición: “Volver a pensar a democracia”



Carlo R. Sabariz

Aproveitamos este voo sabático da curuxa para anunciar que a próxima semana, os días 8, 9 e 10 de novembro, terá lugar no salón de actos da Deputación de Lugo o encontro “Lugh Augusti: Foro de Filosofía, Educación e Política”, organizado polo Grupo Doxa. Estas xornadas terán como finalidade desenvolver unha reflexión crítica e compartida que nesta, a súa primeira edición, versará sobre a democracia.

O evento proponse como foro, como lugar de encontro circular e horizontal no que se intercambian prácticas e coñecementos. Para elo, contaremos con certas personalidades para que nos acheguen o seu discurso, mais non co obxecto de convencernos ou sumarnos a algunha cruzada, non, o que procuramos é que arroxen luz sobre as problemáticas plantexadas, inviten a que cada un faga o seu propio exercicio crítico, e que se poida entón xerar un diálogo construtivo entre os asistentes.

As xornadas vehicúlanse a través de tres eixos: filosofía, educación e política. Tomando como núcleo o pensamento crítico, trátase de abordar unha reflexión co-participativa sobre o modelo de xestión da “polis”, a política, e sobre aquilo que nutre e sostén a cultura, o terreo educativo. Nun tempo no que se impoñen os discursos técnicos e especializados, estimamos fundamental unha visión máis integradora que se plantexe os problemas do cidadán de a pé dende o diálogo e a serenidade. Os expertos economistas falan de economía, pero a economía é un terreo epistémico que perde o seu senso sen unha regulación ou direccionalidade política. Pola súa banda, os expertos políticos teorizan sobre a organización política e social, falan de medidas, reformas e propostas, pero todas estas iniciativas perden chan se non se acompañan dunha reflexión sobre os valores que queremos poñer en xogo, ou o que é o mesmo, un pensamento político debe ir sempre acompañado dun pensamento ético. É por todo isto que estimamos esencial a formación dunha cultura democrática, e é a esta cultura á que quere contribuir a celebración deste foro.

O primeiro día contaremos con Ramón Cotarelo, catedrático de ciencias políticas da UNED, cuxa conferencia abrirá o debate e afondará nos ideais, contradicións e realidades da democracia. Na segunda xornada, o catedrático de filosofía Moisés Lozano fará unha valoración da educación así como unha reivindicación desta dende unha perspectiva galega. A continuación, Carme Adán, doutora en filosofía e deputada no parlamento de Galicia, reflexionará sobre a situación política na nosa comunidade. O sábado pola mañá, na terceira xornada, teremos unha mesa redonda con tres prestixiosos xornalistas: Caetano Díaz (Galicia Hoxe), Xosé Luis Gómez (Xeira Comunicación) e Lois Caeiro (El Progreso), que debatirán acerca da relación entre os medios de comunicación e o poder.

Para darlle unha dimensión máis horizontal ao encontro, haberá a continuación das conferencias un amplo tempo para a quenda de preguntas e respostas. Ademáis, os eventos serán retransmitidos en directo a través do sitio web, e na propia xanela do streaming poderase chatear ou participar a través de Twitter.

Coa organización deste foro, o Grupo Doxa quere sumar esforzos que axuden a pensar a situación de crise actual, aportar un grao de area a esa necesidade cada vez máis perentoria de ter que voltar a pensar a democracia.

Queremos invitar a todos os cidadáns, de calquera raza ou condición, a todas as persoas que queran pensar por sí mesmas, a que acudan a este evento e participen deste debate social que a tod@s nos atinxe.

Por último, agradecer o apoio da Deputación de Lugo (Vicepresidencia Primeira), do Concello de Lugo, así como do grupo El Progreso.

Publicado no Progreso o 3-11-2012