sábado, 7 de diciembre de 2013

Discursos dominantes



Mª del Mar Carballo Cela.

Dicía Faulkner que “os escritores interesan cando non son razoables; cando o son todos din o mesmo”. Pero ás veces, dicir o mesmo non é precisamente indicativo de ter razón. Isto é o que pode suceder cos chamados discursos dominantes ou “discursos de moda”. Impóñense desde a publicidade que os medios lles dan ás ideas de tertulianos, políticos e “expertos”, e duran mentres non cobra forza calquera outra idea de igual maneira. Todos nos ocupamos de repetir e difundir este tipo de ideas “razoables”, integrándoas nas nosas tertulias e conversas, é máis, todos as contamos unha e outra vez co mesmo entusiasmo de quen acaba nese preciso instante de descubrir a pólvora. E esperamos, ademais , que calquera que estea na actualidade terá que estar de acordo con tamañas ocorrencias. Ata que, un bo día, empezamos a sospeitar que algo de malo deben ter cando ninguén nos leva a contra.
Hai un gran “discurso de moda” ultimamente: a economía, os mercados, impuxéronse sobre a política. O capital é o gran inimigo do cidadán, o gran inimigo do que eles (os políticos) intentan, sen éxito, defendernos. (Todos sabemos o útiles que poden ser os inimigos...)
O que non debemos esquecer é que o liberalismo económico empezou sendo, e segue a ser, unha maneira de facer política (agora, neoliberalismo). Foron os políticos os que crearon este modelo de protección ó libre comercio, salvagardando os dereitos dunha clase emerxente para que negociase libremente e obtivese os beneficios que lle correspondía, cunha intervención mínima do Estado. Que logo esta liberdade non tivese a regulación oportuna para impedir o seu descontrol e corrixir os desequilibrios e inxustizas que, en democracia, dela se deriven, digo eu que será tamén responsabilidade dos políticos, ¿ou non? ¿Por que todas as liberdades están reguladas e limitadas, como debe ser, e non o está a liberdade do mercado?  Non creo que sexa tan difícil idear unhas normas para tal efecto: ideas hai...! Mais ben creo que os políticos se alimentaron dos beneficios desta liberdade de múltiples e variadas formas: financiación de partidos, lucro persoal ou calquera vía de nutrición desde o capital privado que servise ós intereses electorais. É máis, os propios partidos adoptaron tamén a forma de actuar dos mercados: cada partido compite no mercado electoral con atractivos paquetes de ilusións, e a súa finalidade última parece ser a de triunfar e perpetuarse, como a de calquera empresa (“democracia de mercado”,  chamoulle Félix Ovejero Lucas). Os políticos fixeron da democracia un mercado partidista, e para iso necesitaban do capital.
O capital gañoulle a batalla á democracia, non á política, e gañoulle porque os políticos “demócratas” se venderon ó capital; de feito unha das formas que adoptou a venda (a corrupción), está quedando continuamente ó descuberto.
Xa Aristóteles afirmaba que a política era a ciencia máis importante de todas, porque sen ela ningunha outra podía prosperar. ¿Dubida alguén de que a economía puidese prosperar sen o consentimento da política? ¿Dubida alguén de que a liberdade de mercado non servise ó seu amo e creador, a política, ó longo de todos estes anos?
En definitiva, o gran labor para conservar a democracia consiste na arte prudente de ir establecendo moderada e convenientemente os límites; porque se non se deciden en función dos intereses da preservación da democracia, outros os decidirán para impoñer a súa propia conveniencia. A democracia non nos garantiza unha vida marabillosa onde instalarnos e descansar, pero si nos ofrece a posibilidade de escapar dunha vida peor ou, como dicía Saramago con palabras moito máis fermosas e suxerentes, “a democracia non é un punto de chegada, senón unha porta de saída”. Esixamos sempre que se faga o necesario para que esa porta se manteña aberta. E espero que vaiamos tendo a suficiente lucidez para identificar acertadamente a todos os inimigos da democracia.

Pulicado no Progreso o 1 - 12 - 2012

A esperanza, o medo e a inacción



Xosé Ramón Cando
 
Adoitamos dicir que a esperanza é o último que nos queda, se cadra facendo referencia, mais ou menos conscientemente, á caixa de Pandora da que saíron todos os males pero na que, agachada no fondo, quedou precisamente a esperanza que nos debe axudar a soportalos. Non coincide nas bondades da esperanza o filósofo francés Comte-Sponville que afirma que “quen espera a vitoria xa está vencido (como mínimo polo medo a ser derrotado). Tan so quen nada espera vive sen temor. E esta falla de temor vólveo difícil de vencer e imposible de someter. É posible privalo da vitoria, pero de ningunha maneira se lle pode privar do combate”(1).
Esta introdución permítenos conectar con outro artigo anterior no que facíamos referencia a que acotío renunciamos a actuar, movidos pola esperanza nunha intervención allea que ten que ver coa falsa percepción da nosa propia incapacidade. Á reflexión sosegada sobre esta presunta incapacidade permítenos achegarnos á verdadeira natureza da realidade na que existimos, decatándonos de que a convivencia e as súas normas son produto da actividade humana (da nosa actividade), de que a estrutura política na que desenvolvemos a nosa vida é igualmente produto do noso actuar e de que a organización da actividade económica é así mesmo resultado do que a sociedade desexa (o que nos queremos que sexa), chegando á conclusión de que se non estamos satisfeitos con estes produtos nosos, sempre nos queda a opción de cambialos.
Non é posible realizar estes cambios coa forza dun so ser humano, precísase o concurso de sociedades constituídas por tecidos asociativos que articulen a participación dos membros das mesmas. Cunha sociedade destas características sería mais difícil destruír o estado de benestar que estaba a construírse dende hai mais de cen anos. Cunha sociedade destas características sería mais difícil que se tivesen que transferir recursos pertencentes a pensionistas e parados aos usureiros que chantaxean ao conxunto da sociedade. Finalmente, cunha sociedade participada polos cidadáns, non teríamos que aceptar que centos de miles de persoas, temporal e involuntariamente sen recursos, se vexan obrigadas a abandonar as súas vivendas, desafiuzadas por entidades bancarias que, por outra banda, reciben cantidades inmensas de recursos da propia sociedade…
Se a presión exercida por unha sociedade articulada asociativamente non é suficiente para producir os cambios que vimos mencionando, esta sociedade dispón dun recurso que historicamente se ten mostrado extraordinariamente efectivo, especialmente en contextos (mais ou menos) democráticos, a desobediencia civil. Esta ferramenta empregárona Gandhi e Luther King, concienciando e liderando as súas respectivas sociedades coas que se enfrontaron, pacificamente, a inimigos dotados dun poder considerable e  determinados a utilizalo.
Parece, logo, que se queremos construír estruturas políticas e económicas que estean  ao noso servizo (do conxunto da sociedade) non resulta moi efectivo esperar que tal cousa se produza en virtude do seu propio dinamismo ou da intervención do santo patrón do ramo correspondente, mais ben teremos que tomar conciencia do poder do que dispón unha sociedade participada polos cidadáns e facelo valer de maneira pacífica e democrática pero coa firmeza e a causa esixe.
___________________________

           (1)COMTE-SPONVILLE, André: El alma del ateísmo. Paidós. Barcelona 2007. pax.18.




  
Publicado no Progreso o 24-11-2012

Volver pensarnos



M. A. Martínez

O pazo da Deputación de Lugo acolleu, con éxito de público, a primeira edición de “Lugh Augusti. Foro galego de Filosofía, Educación e Política” co título “Volver a pensar a democracia”, organizado pola Asociación Doxa de Filosofía. Non é fácil que un foro ideas calle nunha cidadanía que busca solucións inmediatas a situacións dolorosas, con frecuencia inhumanas. Tampouco que o faga nun país no que o exercicio público do pensamento xera suspicacias. Malia estes obstáculos, as análises dos poñentes, e os animados coloquios, evidenciaron a preocupación por elaborar un marco de ideas coas que afrontar a novidade da actual crise.
Filósofos, politólogos e xornalistas coincidiron na urxencia de que os cidadáns collan a rendas dos seus destinos. Non é suficiente con votar e consentir, aplaudir ou criticar, as decisións dos representantes políticos. Hai que entrar no espazo público, arriscarse a vivir unha vida no común en calquera das súas formas. Mais, como? Con que finalidade? A que prezo? Con que garantías? Os poñentes concordaron en que salvagardar a “cives” democrática, maridaxe de soberanía popular e imperio da lei, nin é gratis nin é para hoxe. Ten un prezo (en tempo, sacrificios persoais) e unha proxección de futuro nun espazo público en transo de nacer: o ciberespazo.
No foro analizouse a tripla crise: económica, política, moral. Non ten unha solución rápida porque non é doada de pensar. Superpóñense os planos, hai cortes transversais.
A crise económica, froito da circulación planetaria desregulamentada de capitais, da globalización dos procesos de produción, e do modelo de consumo, pode afrontarse esixindo a visibilización do capital. Quen intervén no espazo público dos intercambios económicos, condicionando a vida de millóns de persoas, debe identificarse. “Os mercados” non poden ser suxeitos “líquidos” e “enmascarados”, “irresponsables” e “anónimos”. Se as persoas físicas e xurídicas son suxeitos con dereitos e obrigas, “os mercados” deben asumir tamén estas regras de xogo.
A crise política ten varios aspectos: despolitización da cidadanía, quebra das institucións, desaparición do pluralismo. Xorden novos suxeitos: multitudes cidadás, redes de axuda comunitaria, movementos sociais, activismo político na Internet. Como axudarán a erguer a nova democracia? Talvez, a “democracia dixital” é unha vía: non só participar na construción colectiva da comunicación e dos saberes, tamén na toma de decisións a través da rede. Tecnoloxicamente é posible.
A crise moral finca nunha cidadanía sen ferramentas intelectuais para analizar e comprender a súa propia realidade. Por exemplo, a penetración da linguaxe económica no ámbito da moral é evidente: competencia, eficiencia, produtividade. As persoas son “recursos humanos”. Abandónase a linguaxe da xustiza pola linguaxe da eficacia. A reinvención da moral colectiva, cívica e democrática, debe basearse no “apoderamento” da xente. “Apoderarse” é autocapacitarse, ou capacitar a outros, para facer algo. Aquí o papel da educación cívica, da ética, é insubstituíble.
           En fin, “Volver a pensar a democracia” foi unha experiencia filosófica colectiva, grata e feliz, na que os participantes visibilizáronse como cidadáns críticos, construíronse como suxeito cívico, apoderáronse da súas propias capacidades para analizar, disentir, argumentar, chegar a acordos. Xa que logo, a filosofía é útil para comprender o noso tempo, e volver pensarnos.

Publicado no Progreso o 17-11-2012

martes, 12 de noviembre de 2013

Discurso de benvida ao II Foro Galego de Filosofía Lugh Augusti



GRUPO DOXA

Delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, compañeiros do grupo DOXA, poñentes deste II Foro Galego de Filosofía Lugh Augusti, distinguido público, boa tarde a todas e todos, grazas pola vosa presenza, grazas Concelleiro de Cultura por colaborar co grupo DOXA para poder organizar estas Xornadas e por cedernos esta sala, e grazas tamén aos que colaboraron con nós, especialmente aos compañeiros Luis Suárez polo deseño do cartel e Anxo Rigueira polo deseño do tríptico.
Quero destacar en primeiro lugar a continuidade deste Foro despois de ter feito o ano pasado a nosa primeira edición sobre a democracia. As hemerotecas están aí para comprobar o que foron aquelas xornadas, froito do traballo dun grupo escaso pero aguerrido, sostido con máis ánimos que recursos.
Despois desa primeira edición nos puxemos a deliberar sobre o tema para este ano, e pronto centramos o noso proxecto na problemática do traballo, coa idea de que é un tema acuciante no presente e todo fai aventurar que o será aínda máis no futuro; de aí o título que lle puxemos finalmente, “O futuro do traballo”.
Para abordar a cuestión do traballo e do seu futuro quixemos combinar diferentes perspectivas: a propiamente filosófica, que nos dese o marco teórico desde o que abordar o tema e nos dese as claves históricas para darlle sentido; e a perspectiva directamente social que incluíse: as conexións políticas e económicas da cuestión do traballo, o enfoque institucional, os condicionantes de xénero (que creemos esenciais), e a concreción galega da temática.
Para desenvolver estas diferentes perspectivas pensamos nas persoas adecuadas, e finalmente acudimos aos poñentes que pasarán por esta sala entre hoxe e mañá:
O escritor e ensaísta Antón Baamonde hoxe e a maxistrada Presidenta do Consello Consultivo de Galicia Teresa Conde-Pumpido mañá nos poñerá diante das coordenadas máis sociais e concretas do tema: as coordenadas incertas do noso país galego, e as que se refiren á condición preterida da muller. E para albiscar os aspectos máis teóricos do traballo, (contaremos hoxe co sociólogo Juan Luis Pintos –lembrado profesor de moitos de nós na antiga Facultade de Filosofía de Santiago-), (substituído por María Antonia Trillo Blanco), e mañá o ensaísta e profesor da Universidade Complutense Carlos Fernández Liria. Pensamos que as intervencións filosóficas non fuxirán de cuestións polémicas, serán amenas e estarán animadas de tensión política –ou de incorrección política-.
Porque o asunto da para posicionamentos incómodos e debates, e para longas excursións pola historia. Cando Platón pretende que o modelo de orde da Physis sirva tamén para asegurar a orde social –para o que é preciso instituír un goberno, e un dereito a mandar correlativo ao deber de obedecer–, esa división entre gobernantes e gobernados vai servir para separar a tarefa directiva do coñecemento respecto do servilismo da acción, encargada só de executar ordes.
É corrente contrapoñer o desprezo aristocrático dos antigos polo servilismo do traballo, fronte á súa glorificación moderna. Sabemos que ese desprezo antigo tiña que ver coa condición dependente e servil dos escravos, que es estendeu a todas as tarefas ditadas pola necesidade ou polo interese. Os homes do negocio non tiñan tempo para o ocio, que era a actividade creativa que realmente humanizaba ás persoas e lles daba a oportunidade de ter unha vida contemplativa e superior. Os comerciantes non eran plenos cidadáns –eran, como as mulleres, un servizo esencialmente doméstico.
Os antigos non tiñan unha idea unitaria do traballo, senón que separaban as distintas actividades segundo a súa xerarquía (entre o servil e o creador e “poiético”), e así atopaban xustificación para a escravitude.
Pero é a época moderna a época do traballo, cando o traballo se unifica como concepto abstracto, “traballo abstracto”, que se pode medir en unidades de tempo; o home moderno é un “homo faber”, un animal que fabrica instrumentos, e que só a partir desa habilidade manual se pode desenvolver despois o carácter racional do “sapiens”.
A época moderna inverte así a xerarquía antiga entre contemplación e acción, e considera o pensamento ao servizo da actividade práctica, da fabricación, do traballo. Sera Marx quen culmina a unificación moderna do traballo e o eleve a constante antropolóxica sometida a diversas determinacións históricas; será Marx quen considere ao ser humano como “animal laborans”; e será Marx quen acabe de elaborar a teoría do “valor-traballo” que iniciaran os economistas británicos. Co capitalismo, o home adquire conciencia da súa capacidade para producir riqueza, e o traballo se vai convertir no factor principal desa produción de riqueza. Onde antes se escoitaban as campás das igrexas e as trompetas dos campamentos e os cuarteis, agora será o tempo das sereas das fábricas; e os pobres pasan de pedir pan a pedir traballo.
O capitalismo é un modelo de produción pero tamén de adquisición de riqueza: tal é a máxica función que ostenta o Capital. Cando toda a esfera económica se monetariza, e tanto as riquezas que da a terra como as que produce o traballo se convirten en equivalentes do capital, o traballo vai ser a principal forma de relación social e o terreo onde se xogan as posibilidades de realización humana, e tamén onde nacen as novas formas de alienación. De tal xeito que se a centralidade moderna do traballo pende da hexemonía do capital, a conclusión parece obvia: repensar a fondo a cuestión do traballo leva a cuestionar a posición hexemónica do capital.
¿Qué alternativas se nos ofrecen? Eu non quixera entremeterme nos temas que seguramente plantexarán os nosos poñentes. Pero algunhas ideas, e sobre todo vías de futuro, sí estamos desexando escoitar. Se nos agardan formas de traballo liberadoras ou alienantes; se é compatible a eficacia do traballo coa súa xestión democrática e cooperativa; como se vai a distribuír o traballo no fragmentado corpo social.
Fálase de competitividade, de flexibilidade e de moderación salarial, pero vivimos na realidade do traballo escaso e precario. O drama do paro impide calibrar o seu carácter estrutural, así como a sú eficacia para baixar os custes laborais, acelerar as transferencias do público ao privado e acrecentar a acumulación do capital. Os dramas do paro non deixan calibrar ben a profundidade da crise e dos cambios que estamos a vivir.
Fálase da fin do traballo, que nas sociedades posindustriais deixaría de ser o elemento central na conformación das identidades colectivas e perdería relevancia como actividade xeradora de valor. Pero está pendente, entre todos, decidir se nos resignamos a unha crecente dualización social entre os que disfrutan do traballo e os excluídos do mercado laboral (uns e outros sometidos aos imperativos dunha mesma mitoloxía do traballo); ou se pola contra afrontamos dunha vez a necesidade dun reparto do traballo, a redución do dominio da produción mercantil, e o impulso de formas de actividade que escapen á lóxica empresarial; en fin, se optamos ou non por unha sociedade máis libre, creativa e cooperativa.
Non quixera rematar sen referirme á difícil situación pola que atravesa a filosofía e as negras expectativas que temos se prospera a LOMCE. O público debe coñecer que nos próximos anos, coa LOMCE, a filosofía verá reducido o seu currículo en dous terzos, ao perderse materias enteiras na ESO e no BAC, e ao perderse tamén o carácter común da Hª da Filosofía. Como xa temos expresado noutras ocasións, é o recorte máis duro e inxustificado que sofren os estudos de Filosofía en toda a historia da democracia española; e o grupo DOXA estivemos dando esta batalla desde o primeiro momento: emitimos un comunicado denunciando a situación o 6/XII/2012; subscribimos en febreiro de 2013 un comunicado conxunto coa Facultade de Filosofía, a SOGAFI e a Aula Castelao no mesmo sentido; participamos en marzo na campaña de envío de libros de filosofía ao ministro J. I. Wert; emitimos outro comunicado o pasado 13 de xuño abundando na problemática; e seguimos todo este último ano as campañas reivindicativas orquestradas pola REF (¿Quen teme á filosofía?).
Agora a LOMCE foi aprobada no Congreso e está a punto de selo no Senado, co que se están cumprindo os prazos para a súa entrada en vigor o curso que ven. Repito: negras expectativas para os estudos de filosofía en secundaria e despois na Universidade; para a profesión filosófica; e estamos convencidos de que aí reside un dos flancos máis débiles das nosas perspectivas sociais.
Así empezamos este Foro, con ánimo reivindicativo, agardando que o que imos escoitar hoxe e mañá sexa unha mostra de pensamento vivo, e dea para un traballo gozoso e creativo.
Que continúe este Foro. Boas noites e benvidos a todos/as.
Moitas grazas. 
Juan Carlos Férnandez Naveiro