Mostrando entradas con la etiqueta II Congreso. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta II Congreso. Mostrar todas las entradas

sábado, 1 de marzo de 2014

Pensarmos o futuro do traballo



M. A. Martínez

Os días 7 e 8 da pasada semana celebrouse na cidade de Lugo a segunda edición do Foro Lugh Augusti de Filosofía dedicado ao futuro do traballo. Os poñentes de áreas como Dereito, Socioloxía, Filosofía, coincidiron en levantar acta de varios feitos.
O primeiro é que estamos a vivir unha revolución conservadora (no político) e capitalista (no económico) que mina as bases (xurídicas, económicas, éticas) do estado de benestar e destrúe o pacto social (pola paz civil e a democracia parlamentaria) establecidos despois da segunda guerra mundial.
O segundo é que esta revolución disimúlase coa manipulación da linguaxe, trucos retóricos e un tsunami mediático-ideolóxico. Exemplos: nomear “prácticas” ao traballo gratuíto, “liberalización” á desregulamentación (do campo laboral) e á privatización (educativa, sanitaria), “crecemento económico” aos beneficios das elites financeiras, “reforma” á eliminación dos dereitos das persoas, “facer currículo, formarse” a pagar por traballar.
O terceiro feito é a aparición dunha plutocracia planetaria que impón aos poderes políticos democráticos o seu programa de esixencias máximas. As rendas do capital son intocables, mais as do traballo obxecto de rapiña. O Dereito laboral, inspirado no equilibrio das partes contratantes, debe desaparecer (ou minorarse) e os convenios eliminarse: a asimetría entre contratador e contratado ten que ser o “natural”. O Estado debe perder o control da legalidade laboral e Dereito laboral actual desaparecer.
O cuarto feito é o desapoderamento legal, laboral e formativo da muller. Aparéllase á renuncia do Estado e, polo tanto, da sociedade civil, á loita contra os estereotipos, prexuízos e violencia de xénero.
Os efectos destes catro feitos son preocupantes. En primeiro lugar a progresiva desaparición da cidadanía. Un cidadán defínese por non depender de ninguén: non é escravo, vasalo, súbdito, explotado. O imperio dos mercados (plutocracia) tritura este principio. Constrúe unha nova figura: o habitante do territorio global, vulnerable e aterrorizado, disposto a facer de todo para sobrevivir –un novo proletariado. É un grupo social transversal formado por millóns de persoas obrigadas a renunciar á súa esperanza de benestar a cambio dun real malvivir: pauperización (económica), empobrecemento (cultural), embrutecemento (moral).
O segundo efecto ven co anterior: a impotencia do poder político (lexislativo, executivo) para domar ao poder do capital e a subseguinte destrución do imperio da lei (átanselle as mans ao poder xudicial). O estado de dereito non funciona nun sistema capitalista no que un grupo (ou grupos) de poder económico está en disposición de “condicionar” as decisións dos representantes lexítimos da cidadanía e “bloquear” as accións do poder xudicial. Se o Estado perde o control da legalidade do circuíto de produción e intercambios de capitais, e non dota ao poder xudicial dos medios suficientes para defender á cidadanía das agresións dos que poden chegar a dominala, alboreará un poder absoluto: o capitalismo global non democrático.
O terceiro efecto é a socialización das perdas que as rendas do capital poden sufrir. O capitalismo financeiro globalizado arrasa coas soberanías económicas dos estados nacionais. O seu poder coercitivo carece de control democrático. Xa que logo a percepción que os cidadáns teñen do poder político é de inutilidade. O actual desengano cidadán a respecto da política democrática non é máis que un simple efecto da percepción diaria da súa fraxilidade e impotencia.
O cuarto é a perda dun poder clave das persoas: o de poñer nomes ás cousas. Na cultura global a capacidade de crear o mundo (privado, público, imaxinario) xa non depende das poboacións senón das fábricas de signos (opinións, imaxes, desexos) que maximizan beneficios minimizando verdades.
O Foro de Filosofía Lugh Augusti titulouse “O futuro do traballo: dilemas e alternativas”. Que alternativas se barallaron? Varias. Entre outras a reapropiación da historia colectiva e persoal. Os traballadores deben sentirse orgullosos da súas loitas e revolucións, das conquistas históricas que algún grupo social pretendeu apropiarse: o estado de dereito, o imperio da lei, a separación de poderes, o parlamentarismo democrático –únicos instrumentos que os pode defender diante do poder global de explotación. Se tras a Revolución Francesa se aplicaron ao poder político: poderanse aplicar no futuro ao poder económico? Sometelo á lei? Distribuílo? Democratizalo? Isto iría da man dun pensamento atrevido: separar democracia e capitalismo. Se a “lóxica do beneficio económico ilimitado” non se deixa dominar pola “lóxica do benestar das persoas” a conclusión é clara: o capitalismo é incompatible coa democracia. Poderán os traballadores rescatar o estado de dereito do seu rapto polas oligarquías que amparan, xustifican e defenden ás plutocracias económicas? Ideas como as da renda básica universal, a taxa Tobin sobre as transaccións financeiras, a autocontención do consumo, a educación ético-cívica, sobrevoaron as exposicións dos poñentes.
En suma, o que este Foro puxo de relevo é que unhas análises teóricas certeiras preparan para unha acción ético-política eficaz. Lémbrese o dictum de Marx: sen unha boa teoría (filosófica e científica) non haberá unha boa práctica (revolucionaria e humanista). Por iso, quen teme á Filosofía? Xa o sabemos.

Publicado no Progreso o 16-11-2013

O futuro do traballo: dilemas e alternativas



Mª Isabel Sánchez Corral

            Este é o título co que arrincan as xornadas de Filosofía que o grupo Doxa realiza este novembro de 2013, por segundo ano consecutivo. Guiounos o mesmo espírito e a mesma intención que nas primeiras: sacar á luz, levar á  rúa a Filosofía. Desvelar o seu carácter crítico e radical para que nos axude a analizar e entender a realidade, na que os cidadáns e cidadás do común nos atopamos.
            “O futuro do traballo” no contexto actual de crise sistémica na que nos vemos inmersos, parecíanos un tema non só adecuado senón de urxente debate.
             Debate que nos fai cuestionar  quen somos e onde nos  situamos. Durante xeracións o traballo definiunos,  xa sexa como  explotados, explotadores ou como seres activos que se realizan na taréa diaria. En cambio, hoxe en día, froito dá a correlación de forzas que se inclina cara ao lado dos máis poderosos, o cidadán, o home, a muller, os seres humanos  atopámonos indefensos ante unha agresión tan brutal que a maioria quedamos desamparados, sen saber como definirnos: traballador  precario, traballadora temporal, temporal precario, parado, excluído social. Pero como todo isto vai máis aló dun  mero exercicio retórico e a realidade golpea as nosas portas mostrándonos  familias con todos os seus membros en paro; persoas que pasan do status de triunfadores a facer cola diante dun albergue, para poder conseguir produtos de primeira necesidade; nenos, nenas, adolescentes que só fan unha comida ao día en pleno desenvolvemento físico e psíquico;ante isto o grupo Doxa non só cre necesario falar, debater, expoñer ideas senón facelo coa mesma intención primeira que animou a este grupo, non só quedarnos no debate senón que froito  deste xurdan as alternativas que nos sitúen ante a realidade, cando menos, dun xeito consciente.
            Para debater sobre esta problemática o primeiro día, xoves 7 de novembro ás seis e media da tarde, contaremos coa presenza de Antón Baamonde, escritor e filósofo, que co título de “ Galicia no contexto da crise” situaranos nesa crise que abordela tamén a nosa terra.  Análise que nos levará por esas crises que se van sucedendo:  a do mundo financeiro, a institucional,a do euro, a de valores,... E cunha pregunta aberta pegada á nosa conciencia: sairemos destas crises?, a que prezo?, en que condicións?.
            A continuación o Catedrático Emérito de Socioloxía  na USC, Juan Luís Pintos analizará a realidade a través dos imaxinarios sociais. Estes imaxinarios sociais que noutras épocas eran construídos polas Igrexas, Estados, Mercados, etc e foron   os que nos fixeron entender, vivir e crer “o que era o traballo”. Do mesma xeito hoxe en día se  dá a mesma construción que se trasmite a través dos medios masivos. Na actualidade esa construción é menos monolítica e os seus imaxinarios máis plurais e complexos. A través da súa análise poderemos desentrañar as distintas lecturas sobre o traballo  e así nolo expoñerá Juan Luís Pintos na súa charla “ Imaxinarios sociais do traballo”.
            O venres día oito as charlas centraranse, aprimeira hora, en “O futuro do dereito do traballo como instrumento para a igualdade”, a cargo da presidenta do Consello Consultivo de galicia e Magistrda do TSXG, Teresa Conde-Pumpido. Desde unha perspectiva feminista introdúcese a voz dunha muller para situarnos no terreo da igualdade formal ou a igualdade real. Nunha desregulación total do mercado laboral a gran pregunta que nos queda por facer é a pervivencia dos dereitos da muller pola igualdade a nivel económico e laboral. Foi un soño a igualdade real neste campo?.
            Xa entrada a tarde-noite o profesor de Filosofía na Universidade Complutense, Carlos Fernández Liria,  analizará dunha forma radical baixo o título:” A era do post-traballo?”, a situación de miles de traballadores que xa non se diferencian dos parados,  que se lles obriga a chamarse a si mesmos “emprendedores” nun exercicio perverso do propio sistema , que os culpabiliza por non traballar  ao mesmo tempo que lles expulsa do mercado laboral. Ante todo isto o noso ponente defenderá a vella idea de Lafarge: o comunismo é o dereito á preguiza da humanidade.
            Por último, o grupo Doxa invita a Lugo e á súa cidadanía a que acudan ao Ágora: a dialogar, polemizar e compartir ideas. Este espazo de debate na nosa cidade materialízase no Salón de actos da Deputación de Lugo, os días sete e oito de novembro.

Publicado no Progreso o 2-11-2013

martes, 12 de noviembre de 2013

Discurso de benvida ao II Foro Galego de Filosofía Lugh Augusti



GRUPO DOXA

Delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, compañeiros do grupo DOXA, poñentes deste II Foro Galego de Filosofía Lugh Augusti, distinguido público, boa tarde a todas e todos, grazas pola vosa presenza, grazas Concelleiro de Cultura por colaborar co grupo DOXA para poder organizar estas Xornadas e por cedernos esta sala, e grazas tamén aos que colaboraron con nós, especialmente aos compañeiros Luis Suárez polo deseño do cartel e Anxo Rigueira polo deseño do tríptico.
Quero destacar en primeiro lugar a continuidade deste Foro despois de ter feito o ano pasado a nosa primeira edición sobre a democracia. As hemerotecas están aí para comprobar o que foron aquelas xornadas, froito do traballo dun grupo escaso pero aguerrido, sostido con máis ánimos que recursos.
Despois desa primeira edición nos puxemos a deliberar sobre o tema para este ano, e pronto centramos o noso proxecto na problemática do traballo, coa idea de que é un tema acuciante no presente e todo fai aventurar que o será aínda máis no futuro; de aí o título que lle puxemos finalmente, “O futuro do traballo”.
Para abordar a cuestión do traballo e do seu futuro quixemos combinar diferentes perspectivas: a propiamente filosófica, que nos dese o marco teórico desde o que abordar o tema e nos dese as claves históricas para darlle sentido; e a perspectiva directamente social que incluíse: as conexións políticas e económicas da cuestión do traballo, o enfoque institucional, os condicionantes de xénero (que creemos esenciais), e a concreción galega da temática.
Para desenvolver estas diferentes perspectivas pensamos nas persoas adecuadas, e finalmente acudimos aos poñentes que pasarán por esta sala entre hoxe e mañá:
O escritor e ensaísta Antón Baamonde hoxe e a maxistrada Presidenta do Consello Consultivo de Galicia Teresa Conde-Pumpido mañá nos poñerá diante das coordenadas máis sociais e concretas do tema: as coordenadas incertas do noso país galego, e as que se refiren á condición preterida da muller. E para albiscar os aspectos máis teóricos do traballo, (contaremos hoxe co sociólogo Juan Luis Pintos –lembrado profesor de moitos de nós na antiga Facultade de Filosofía de Santiago-), (substituído por María Antonia Trillo Blanco), e mañá o ensaísta e profesor da Universidade Complutense Carlos Fernández Liria. Pensamos que as intervencións filosóficas non fuxirán de cuestións polémicas, serán amenas e estarán animadas de tensión política –ou de incorrección política-.
Porque o asunto da para posicionamentos incómodos e debates, e para longas excursións pola historia. Cando Platón pretende que o modelo de orde da Physis sirva tamén para asegurar a orde social –para o que é preciso instituír un goberno, e un dereito a mandar correlativo ao deber de obedecer–, esa división entre gobernantes e gobernados vai servir para separar a tarefa directiva do coñecemento respecto do servilismo da acción, encargada só de executar ordes.
É corrente contrapoñer o desprezo aristocrático dos antigos polo servilismo do traballo, fronte á súa glorificación moderna. Sabemos que ese desprezo antigo tiña que ver coa condición dependente e servil dos escravos, que es estendeu a todas as tarefas ditadas pola necesidade ou polo interese. Os homes do negocio non tiñan tempo para o ocio, que era a actividade creativa que realmente humanizaba ás persoas e lles daba a oportunidade de ter unha vida contemplativa e superior. Os comerciantes non eran plenos cidadáns –eran, como as mulleres, un servizo esencialmente doméstico.
Os antigos non tiñan unha idea unitaria do traballo, senón que separaban as distintas actividades segundo a súa xerarquía (entre o servil e o creador e “poiético”), e así atopaban xustificación para a escravitude.
Pero é a época moderna a época do traballo, cando o traballo se unifica como concepto abstracto, “traballo abstracto”, que se pode medir en unidades de tempo; o home moderno é un “homo faber”, un animal que fabrica instrumentos, e que só a partir desa habilidade manual se pode desenvolver despois o carácter racional do “sapiens”.
A época moderna inverte así a xerarquía antiga entre contemplación e acción, e considera o pensamento ao servizo da actividade práctica, da fabricación, do traballo. Sera Marx quen culmina a unificación moderna do traballo e o eleve a constante antropolóxica sometida a diversas determinacións históricas; será Marx quen considere ao ser humano como “animal laborans”; e será Marx quen acabe de elaborar a teoría do “valor-traballo” que iniciaran os economistas británicos. Co capitalismo, o home adquire conciencia da súa capacidade para producir riqueza, e o traballo se vai convertir no factor principal desa produción de riqueza. Onde antes se escoitaban as campás das igrexas e as trompetas dos campamentos e os cuarteis, agora será o tempo das sereas das fábricas; e os pobres pasan de pedir pan a pedir traballo.
O capitalismo é un modelo de produción pero tamén de adquisición de riqueza: tal é a máxica función que ostenta o Capital. Cando toda a esfera económica se monetariza, e tanto as riquezas que da a terra como as que produce o traballo se convirten en equivalentes do capital, o traballo vai ser a principal forma de relación social e o terreo onde se xogan as posibilidades de realización humana, e tamén onde nacen as novas formas de alienación. De tal xeito que se a centralidade moderna do traballo pende da hexemonía do capital, a conclusión parece obvia: repensar a fondo a cuestión do traballo leva a cuestionar a posición hexemónica do capital.
¿Qué alternativas se nos ofrecen? Eu non quixera entremeterme nos temas que seguramente plantexarán os nosos poñentes. Pero algunhas ideas, e sobre todo vías de futuro, sí estamos desexando escoitar. Se nos agardan formas de traballo liberadoras ou alienantes; se é compatible a eficacia do traballo coa súa xestión democrática e cooperativa; como se vai a distribuír o traballo no fragmentado corpo social.
Fálase de competitividade, de flexibilidade e de moderación salarial, pero vivimos na realidade do traballo escaso e precario. O drama do paro impide calibrar o seu carácter estrutural, así como a sú eficacia para baixar os custes laborais, acelerar as transferencias do público ao privado e acrecentar a acumulación do capital. Os dramas do paro non deixan calibrar ben a profundidade da crise e dos cambios que estamos a vivir.
Fálase da fin do traballo, que nas sociedades posindustriais deixaría de ser o elemento central na conformación das identidades colectivas e perdería relevancia como actividade xeradora de valor. Pero está pendente, entre todos, decidir se nos resignamos a unha crecente dualización social entre os que disfrutan do traballo e os excluídos do mercado laboral (uns e outros sometidos aos imperativos dunha mesma mitoloxía do traballo); ou se pola contra afrontamos dunha vez a necesidade dun reparto do traballo, a redución do dominio da produción mercantil, e o impulso de formas de actividade que escapen á lóxica empresarial; en fin, se optamos ou non por unha sociedade máis libre, creativa e cooperativa.
Non quixera rematar sen referirme á difícil situación pola que atravesa a filosofía e as negras expectativas que temos se prospera a LOMCE. O público debe coñecer que nos próximos anos, coa LOMCE, a filosofía verá reducido o seu currículo en dous terzos, ao perderse materias enteiras na ESO e no BAC, e ao perderse tamén o carácter común da Hª da Filosofía. Como xa temos expresado noutras ocasións, é o recorte máis duro e inxustificado que sofren os estudos de Filosofía en toda a historia da democracia española; e o grupo DOXA estivemos dando esta batalla desde o primeiro momento: emitimos un comunicado denunciando a situación o 6/XII/2012; subscribimos en febreiro de 2013 un comunicado conxunto coa Facultade de Filosofía, a SOGAFI e a Aula Castelao no mesmo sentido; participamos en marzo na campaña de envío de libros de filosofía ao ministro J. I. Wert; emitimos outro comunicado o pasado 13 de xuño abundando na problemática; e seguimos todo este último ano as campañas reivindicativas orquestradas pola REF (¿Quen teme á filosofía?).
Agora a LOMCE foi aprobada no Congreso e está a punto de selo no Senado, co que se están cumprindo os prazos para a súa entrada en vigor o curso que ven. Repito: negras expectativas para os estudos de filosofía en secundaria e despois na Universidade; para a profesión filosófica; e estamos convencidos de que aí reside un dos flancos máis débiles das nosas perspectivas sociais.
Así empezamos este Foro, con ánimo reivindicativo, agardando que o que imos escoitar hoxe e mañá sexa unha mostra de pensamento vivo, e dea para un traballo gozoso e creativo.
Que continúe este Foro. Boas noites e benvidos a todos/as.
Moitas grazas. 
Juan Carlos Férnandez Naveiro


Tríptico do II Foro