M. A. Martínez
Os días 7 e 8 da pasada semana celebrouse na cidade de Lugo a segunda
edición do Foro Lugh Augusti de Filosofía dedicado ao futuro do traballo. Os
poñentes de áreas como Dereito, Socioloxía, Filosofía, coincidiron en levantar
acta de varios feitos.
O primeiro é que estamos a vivir unha revolución conservadora (no político)
e capitalista (no económico) que mina as bases (xurídicas, económicas, éticas)
do estado de benestar e destrúe o pacto social (pola paz civil e a democracia
parlamentaria) establecidos despois da segunda guerra mundial.
O segundo é que esta revolución disimúlase coa manipulación da linguaxe,
trucos retóricos e un tsunami mediático-ideolóxico. Exemplos: nomear
“prácticas” ao traballo gratuíto, “liberalización” á desregulamentación (do
campo laboral) e á privatización (educativa, sanitaria), “crecemento económico”
aos beneficios das elites financeiras, “reforma” á eliminación dos dereitos das
persoas, “facer currículo, formarse” a pagar por traballar.
O terceiro feito é a aparición dunha plutocracia planetaria que impón aos
poderes políticos democráticos o seu programa de esixencias máximas. As rendas
do capital son intocables, mais as do traballo obxecto de rapiña. O Dereito
laboral, inspirado no equilibrio das partes contratantes, debe desaparecer (ou
minorarse) e os convenios eliminarse: a asimetría entre contratador e
contratado ten que ser o “natural”. O Estado debe perder o control da
legalidade laboral e Dereito laboral actual desaparecer.
O cuarto feito é o desapoderamento legal, laboral e formativo da muller.
Aparéllase á renuncia do Estado e, polo tanto, da sociedade civil, á loita
contra os estereotipos, prexuízos e violencia de xénero.
Os efectos destes catro feitos son preocupantes. En primeiro lugar a
progresiva desaparición da cidadanía. Un cidadán defínese por non depender de
ninguén: non é escravo, vasalo, súbdito, explotado. O imperio dos mercados
(plutocracia) tritura este principio. Constrúe unha nova figura: o habitante do
territorio global, vulnerable e aterrorizado, disposto a facer de todo para
sobrevivir –un novo proletariado. É un grupo social transversal formado por
millóns de persoas obrigadas a renunciar á súa esperanza de benestar a cambio
dun real malvivir: pauperización (económica), empobrecemento (cultural),
embrutecemento (moral).
O segundo efecto ven co anterior: a impotencia do poder político
(lexislativo, executivo) para domar ao poder do capital e a subseguinte
destrución do imperio da lei (átanselle as mans ao poder xudicial). O estado de
dereito non funciona nun sistema capitalista no que un grupo (ou grupos) de
poder económico está en disposición de “condicionar” as decisións dos
representantes lexítimos da cidadanía e “bloquear” as accións do poder
xudicial. Se o Estado perde o control da legalidade do circuíto de produción e
intercambios de capitais, e non dota ao poder xudicial dos medios suficientes para
defender á cidadanía das agresións dos que poden chegar a dominala, alboreará
un poder absoluto: o capitalismo global non democrático.
O terceiro efecto é a socialización das perdas que as rendas do capital
poden sufrir. O capitalismo financeiro globalizado arrasa coas soberanías
económicas dos estados nacionais. O seu poder coercitivo carece de control
democrático. Xa que logo a percepción que os cidadáns teñen do poder político é
de inutilidade. O actual desengano cidadán a respecto da política democrática
non é máis que un simple efecto da percepción diaria da súa fraxilidade e
impotencia.
O cuarto é a perda dun poder clave das persoas: o de poñer nomes ás cousas.
Na cultura global a capacidade de crear o mundo (privado, público, imaxinario)
xa non depende das poboacións senón das fábricas de signos (opinións, imaxes,
desexos) que maximizan beneficios minimizando verdades.
O Foro de Filosofía Lugh Augusti titulouse “O futuro do traballo: dilemas e
alternativas”. Que alternativas se barallaron? Varias. Entre outras a
reapropiación da historia colectiva e persoal. Os traballadores deben sentirse
orgullosos da súas loitas e revolucións, das conquistas históricas que algún
grupo social pretendeu apropiarse: o estado de dereito, o imperio da lei, a
separación de poderes, o parlamentarismo democrático –únicos instrumentos que
os pode defender diante do poder global de explotación. Se tras a Revolución
Francesa se aplicaron ao poder político: poderanse aplicar no futuro ao poder
económico? Sometelo á lei? Distribuílo? Democratizalo? Isto iría da man dun
pensamento atrevido: separar democracia e capitalismo. Se a “lóxica do
beneficio económico ilimitado” non se deixa dominar pola “lóxica do benestar
das persoas” a conclusión é clara: o capitalismo é incompatible coa democracia.
Poderán os traballadores rescatar o estado de dereito do seu rapto polas
oligarquías que amparan, xustifican e defenden ás plutocracias económicas?
Ideas como as da renda básica universal, a taxa Tobin sobre as transaccións
financeiras, a autocontención do consumo, a educación ético-cívica, sobrevoaron
as exposicións dos poñentes.
En suma, o que este Foro puxo de relevo é que unhas análises teóricas
certeiras preparan para unha acción ético-política eficaz. Lémbrese o dictum de
Marx: sen unha boa teoría (filosófica e científica) non haberá unha boa
práctica (revolucionaria e humanista). Por iso, quen teme á Filosofía? Xa o
sabemos.
Publicado no Progreso o 16-11-2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario