martes, 4 de marzo de 2014

A tenue liña divisoria



Gonzalo Pérez López

Dende que  iniciou a súa andaina cara a facerse co control global da humanidade, o capitalismo foi expresándose historicamente  de variadas formas e aliándose sucesivamente con diferentes compañeiros de viaxe, segundo as súas necesidades puntuais. Dende o século XIX, ven demostrando unha capacidade de adaptación moi superior ó que prevían algúns dos seus críticos, aplicando en cada momento histórico a estratexia máis axeitada para lograr simultaneamente o freo de calquera intento de organizar a sociedade en beneficio de todos e o desenvolvemento das ben calculadas accións de explotación cara a multiplicación sen límites da plusvalía que o sostén. Así, alternou momentos de máxima exclusión con formulacións  momentaneamente compensatorias e tan propicias para as súas pretensións como o “estado de benestar”, por exemplo, provocou e xestionou crises cíclicas para saír reforzado das mesmas, manifestouse como neocolonialismo ou imperialismo para expresar sen pudor ata onde está disposto a chegar para abortar calquera intento de poñer en cuestión o seu dominio, botou man do fascismo, entendido en sentido amplo, combinou a “guerra fría” coa “guerra quente”, creou o FMI despois da Segunda Guerra Mundial como unha institución teoricamente neutra, pero o transformou en administrador dos seus intereses, actuando como azote dos países pobres, converténdoos en dependentes, espoliando as súas  riquezas naturais e deixándoos atrapados nun bucle do que non poden escapar; potenciou, noutro momento, o neoliberalismo e a globalización económica, co seu corolario social, cultural e político, impoñendo o libre fluxo de capitais, a privatización de empresas públicas, minimizando o papel dos estados e potenciando a creación de paraísos fiscais como blindaxe protector ante calquera veleidade confiscatoria e redistributiva da riqueza, orientando todo isto a facilitar, en cada momento, a imposición do capitalismo como sistema hexemónico a nivel planetario.
Ante tamaña ameaza, discutir sobre os matices diferenciais  entre fascismo, imperialismo ou neoliberalismo parece puro diletantismo, e poñer a énfase nas diferenzas entre os primeiros e o  neoliberalismo, presentando a este como cualitativamente distinto para salvalo da crueza ao que nos remiten aqueles, un  despropósito.
Así, calquera intento de dilucidar se o que padecemos hoxe a nivel mundial responde ou non ao que canonicamente se pode denominar fascismo, se non o situamos no marco amplo da explotación do home polo home, corre o perigo de desembocar nun mero  xogo terminolóxico que nos afaste da realidade que pretendemos describir.
Só alguén interesado, amnésico, ou afectado ideoloxicamente polo síndrome do “fin das ideoloxías”, pode cualificar  como trasnoitada e obsoleta  a apelación á explotación citada para explicar o momento presente, resultado do devir histórico da humanidade. Que poidan existir hoxe persoas que pensen isto de boa fe, demostra ata que punto a anestesia mental aplicada produce efectos sobre a poboación que permiten realizar con precisión a extirpación calculada da capacidade analítico- crítica no ámbito do pensamento que coadxuve ao plan estratéxico despregado no ámbito económico.
Con tal bagaxe, o neoliberalismo non necesita, polo momento, botar man en Europa de proclamas estentóreas, xa que non precisa cruzar aínda a liña divisoria que o separa do fascismo dado que, como sistema, bastase  para ter o control social, dispoñendo dunha combinación de exclusión e autoritarismo, ameazando con atravesar a liña, se fora necesario.
Se observamos o mapa electoral europeo, podemos detectar o considerable avance do voto a partidos que nos programas, e nas actitudes que derivan deles, ofrecen unha opción parafascista que raras veces tratan de ocultar. En diversos países teñen representación parlamentaria e mesmo participan en varios gobernos.
A peculiaridade do estado español consiste en que, aínda que estes partidos non teñen representación formal nas cámaras estatais nin nos parlamentos autonómicos, o seu poder de decisión é, neste momento, moi superior ao dos seus homólogos europeos.
Tempo atrás, os valedores de Fraga Iribarne (aquel ministro da ditadura, da que nunca renegou, que tiña “el estado en la cabeza” e que afirmaba sen rubor  que “la calle es mía”), que buscaban “méritos” para lexitimalo democraticamente, argüíron ó seu favor o feito de ter controlado á dereita fascista española  introducíndoa en AP, xermolo do actual PP. Progresivamente os introducidos, coa a aquiescencia dos introdutores, foron ganando espazo de poder ata que hoxe, dende o goberno, asumen fielmente as políticas que ditan os mercados  e  deciden, sen control nin contrapeso, sobre a traxectoria  e as expectativas vitais da maioría dos cidadáns.
A asunción da ditadura dos mercados conduce a este neoliberalismo sucursalista a aplicar neste país un darwinismo social, potenciando as  elites económicas e practicando a exclusión social a base de  privatizar servizos e recortar dereitos sociais irrenunciables. Mantén un férreo control da maioría dos medios de comunicación que, seguindo estratexias de corte goebbeliano, substitúen  a información pola propaganda. Actúan constantemente con autoritarismo e dogmatismo, manifestado no desprezo do Parlamento,  representante da soberanía popular, da sociedade civil, propiciando a desconfianza dos cidadáns nas institucións e no Estado de Dereito como tal, xa que en vez de división real de poderes, estes operan a modo de masa informe e opaca, intelectual e moralmente insostible.
A utilización arbitraria do estado, ao que adelgazan cando se trata de prestar servizos aos cidadáns e engordan para beneficiar as elites dominantes, a proxectividade e a violencia psicolóxica gratuíta  que supón a inculpación das vítimas dos males que padecen, a falta de empatía e de sensibilidade ante o sufrimento alleo, que non exclúe a xactancia  humillante (a do “que se jodan”, o do “cuanto peor, mejor” e o que aldraxou publicamente ás vítimas do franquismo son, respectivamente, deputada, ministro e portavoz parlamentario do grupo de goberno), a  prepotencia, a dureza, o cinismo, a mentira como parte da acción política, a obstinación, o talante displicente, a falta de diálogo, o rexeitamento do diferente e a degradación política que supón o nepotismo, a prevaricación e as máis variadas expresións da corrupción, compoñen un panorama desolador.
Por iso, aínda que o cheiro que emana desta sintética enumeración parece remitirnos ás análises dos totalitarismos de Arendt ou Adorno, ante a grave situación que nos circunda, non paga a pena centrarse en como denominar ó modelo. Parece máis urxente preocuparse de se traspasarán, como ostentación obscena do seu poder omnímodo, a tenue liña divisoria.

Publicado no Progreso o 21-12-2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario