viernes, 24 de enero de 2014

Plutocracia e cidadanía



 Elías Pérez Sánchez

Fai anos, Abraham Lincoln definiu a democracia como o goberno do pobo, polo pobo e para o pobo. Entón, se compartimos esa visión inicial da democracia, como se pode denominar o goberno dos ricos, polos ricos e para os ricos? Parece que o concepto axustado a devandita realidade é o de plutocracia, ou goberno (anómalo) no que existen influencias desequilibradas na toma de decisións a favor dos que ostentan as fontes de riqueza, e que procura a máxima concentración de poder e riqueza propiciando alarmantes desigualdades económicas e sociais entre os cidadáns.
Xa dende Platón e Aristóteles a plutocracia, ou oligarquía económica, era considerada a expresión dunha forma dexenerada de goberno. Na actualidade, pódese falar dunha plutocracia transnacional (supranacional ou global) que, a través dese ente chamado mercado ten secuestrada á humanidade. Sobre tal escenario, o sociólogo Heinz Dieterich ten dito o seguinte: “Que esa plutocracia prospere na profunda crise capitalista actual, mentres centos de millóns de persoas ven arruinadas as súas existencias, non sorprende. É a nomenclatura que manexa o sistema e faino, por suposto, en beneficio propio. Ten un dobre veo de teflón para protexerse das masas e das responsabilidades. Estatalmente teledirixen o sistema a través dos seus lobbyistas e peleles políticos en gobernos e parlamentos; economicamente ocúltanse no anonimato do mercado mundial ou mercado a secas cuxas decisións determinan o benestar e a miseria das xentes”.
O capital supranacional e impersoal impón o que certos economistas cualifican con rotundidade un “estado de excepción económica permanente” e, ao sucumbir ante a chantaxe  e a presión plutocrática e aos intereses das minorías especuladoras, os Estados e os seus gobernantes móstranse incapaces de garantir o ben común e o interese xeral dos seus cidadáns. Esta forma de “capitalismo de amiguetes, de gansters ou mafiosos” (como di o sociólogo Álvaro Espiña), este “latrocinio organizado”, apoiándose na desregulación legal e administrativa da economía, está a xerar un aumento da pobreza estrutural e a perda dos consabidos dereitos sociais que tanto esforzo custou acadar.
É un feito real que a consecuencia máis visible de esta situación é a perda da esencia do Estado de Benestar, esencia que, por simplificar, consiste na redistribución equitativa dos bens básicos que satisfagan as necesidades da cidadanía. E é unha evidencia que os dereitos humanos aínda que na súa orixe pretendían “atrincheirar” (Carlos S. Nino dixit) e protexer as liberdades básicas, fóronse ampliando e estendendo mediante a reivindicación dos chamados dereitos económico-sociais co fin de ofrecer unha solución ás necesidades humanas máis básicas.
Porén, resulta hoxe indiscutible que eses dereitos económico-sociais (en realidade, conquistas cidadás), por exemplo o dereito a un traballo e un salario digno, a unha pensión decorosa, á protección da saúde, a un ensino público de calidade, desenvolvidos co fin de atenuar o esquecemento manifesto dos sectores sociais máis desprotexidos, están sendo literalmente mancillados por gobernos liberais, ultraliberales e ata socialdemócratas, cando estes últimos foron os que precisamente colaboraron dun xeito razoablemente eficiente na súa implantación e consolidación.
Ante as leis do mercado e a súa influencia actual nos recortes sociais cimentados -como non!- na crise global, compre esixir non só a preeminencia dos Estados democráticos fronte ao mercado senón tamén o control deste por parte daqueles. Mentres, a maioría da  cidadanía denigrada e timorata vive nunha posición de submisión, de indolencia e apatía ante os poderes financeiros e a perda dos dereitos antes sinalados e hoxe desprotexidos polo Estado; elixe converterse en súbdita no canto de optar pola insurxencia; sitúase na unidimensionalidade e no conformismo descartando a crítica, a disidencia e o seu potencial transformador. Tamén está en crise. Ata cando?

Publicado no Progreso 27-4-2013

Corrupción e intelixencia ética



             Mª del Mar Carballo Cela

Non é o poder o que corrompe ós homes, son os homes os que corrompen o poder. Non é casualidade que nunha sociedade de tradición “pícara” se democratice a corrupción, é dicir, que as persoas educadas nesa tradición obren segundo teñen por costume no momento en que acceden a postos políticos. Seguimos, e a este paso seguiremos, recollendo os froitos da pouca importancia que historicamente neste país se lle deu á educación. E aínda que nos últimos anos nos puxemos á cabeza de Europa en títulos universitarios  non nos puxemos así en cidadáns responsables, canteira imprescindible para o exercicio honesto da política.
A construción dunha sociedade digna e dun futuro digno pasa, inevitablemente, por formar a cidadáns que asuman as súas responsabilidades para actuar na vida en común desde unha solidez ética. Sen ética que aplicar á economía, á política ou á xustiza deixan de ter sentido todas estas disciplinas, deixa de ter sentido a sociedade mesma. Pero se isto non o entende un ministro de educación, creo que debemos esperar que os pais sigan instruíndo ós fillos na arte de “ir trampeando” nun mundo de caciques.
Que neste país a educación non é unha prioridade non só se nota nas escolas: a permisividade coa publicidade dirixida a menores é moito maior que noutros países europeos, por poñer un exemplo. Deberían preguntarse os políticos que grao de responsabilidade teñen no feito recoñecido por tódolos pais e profesores da ardua tarefa que hoxe supón educar, porque consiste basicamente en contradicir gran parte dos modelos sociais imperantes (estase deixando a educación en mans do mercado), e se a isto lle sumamos o nefasto exemplo que os mesmos políticos están dando na súa actividade pública, e a impunidade coa que actúan, a cousa agrávase considerablemente.
Ética é o nome culto que usamos para a bondade, esa calidade resultante de actuar cos demais de maneira intelixente, porque só os intelixentes entenden que respectar os lugares comúns é respectarse a un mesmo. O binomio socrático de igualar intelixencia e bondade non é unha simpleza, aínda que a primeira vista poida parecelo, senón o resultado dunha análise profunda das relacións humanas. En efecto, obrar mal non demostra senón un descoñecemento das posibles consecuencias negativas dos nosos actos, e unha das características fundamentais da intelixencia é a capacidade de previsión, de anticipación. Nunha sociedade corrupta os lugares comúns son os lugares de ninguén e ó final acabamos por tirar o lixo na vía pública e levar os bancos para a nosa casa,  pensando que así nos estamos beneficiando. Non entender a relación entre o ben público e o ben privado é un erro da intelixencia que fixo caer imperios enteiros.
A intelixencia ética é a que nos leva a organizarnos da maneira máis beneficiosa, pero hai que cultivala ó igual que se cultiva calquera outro tipo de intelixencia, e o Estado ten unha enorme responsabilidade sobre isto. Progresar é educar na idea de xustiza e sobre esta idea se constrúen as democracias sólidas, non simuladas. España quizais se preocupou máis por simular ante Europa que era un país democrático e moderno que por intentar selo realmente, e os simulacros duran pouco, aínda agora parece que preocupe máis a imaxe que se dá de cara ó exterior (“a marca España”) que a descomposición mesma da nosa sociedade. Aquí, a crise da democracia neoliberal que afecta a toda Europa  píllanos sen ter asentadas unhas bases democráticas sólidas, funcionando sobre  ramificacións caciques que se herdaron da etapa anterior e se seguiron propagando e amplificando.
O fracaso das sociedades é sempre o fracaso da educación e, insisto, a responsabilidade do Estado sobre este tema non acaba nas escolas, continúa na preocupación polo que aprenden os menores a través dos medios de comunicación ou na preocupación porque o funcionamento das institucións sirva de exemplo e referencia para os homes e mulleres do futuro. Só indo todos na mesma dirección se pode educar de maneira seria e intelixente, de non ser así seguiremos no simulacro.

Publicado no Progreso 20-4-2013


Liberdade de prensa




 Xosé Ramón Cando Vázquez

Con ocasión do pasamento do Presidente de Venezuela tivemos oportunidade de comprobar como ningún medio de comunicación do Estado Español nos viña informando obxectivamente da acción de goberno do presidente falecido. Algo semellante ten ocorrido co apagón informativo verbo dos sucesos políticos e económicos acontecidos en Islandia. Esta triste constatación enfróntanos a unha das eivas mais importantes que sofre o sistema político español que pretende homologarse como democrático. Se consideramos o abano ideolóxico habitual, veremos que da metade cara a esquerda non hai nada. Conclusión semellante se pode extraer dos medios difundidos en Galicia en relación co compromiso co propio país; non existe ningún xornal escrito en lingua galega. Neste contexto, pode darse verdadeira democracia cunha información tan nesgada?
A gradual conquista de dereitos e liberdades precisa da información que conduce ao coñecemento (sen pluralidade informativa so hai adoutrinamento) como vemos deseguido. No século XVI tivo lugar a Reforma chamada protestante e unha consecuencia da mesma foi a alfabetización dos seus seguidores dado que propoñía a libre interpretación das Escrituras, este feito unido á previa aparición da imprenta deu lugar a que o Norte de Europa iniciase unha andaina cara a xeneralización da información escrita que tardarían en abordar os seus veciños do Sur (onde se inicia a loita contra do absolutismo?). No século XVIII, a Ilustración defende a emancipación pola vía do coñecemento e a este efecto redáctase a Enciclopedia que debería facilitar o acceso a ese saber que, en palabras de Kant, conduciría á saída da minoría de idade na que se atopaba, (atopa?) boa parte da poboación. Tamén afirmaba Kant que as causas desta situación tiñan que ver, xaora, cos atrancos existentes pero, por enriba de todo, coa pereza e/ou co medo (inducido?) desa mesma poboación. É o tempo en que os “philosophes” sentan os principios básicos do que mais tarde coñeceremos como democracia e de xeito parello esténdese un soporte informativo recente, a prensa escrita.
Nun contexto de analfabetismo xeneralizado como o que se daba na Europa Católica, a información, a formación e a construción de criterios e opinións estaban, maioritariamente, en mans do clero que actuaba en nome da Igrexa pero tamén do poder político…e do económico. Os (lentos) procesos de alfabetización e de apertura informativa abriron algunhas portas ao coñecemento que foron fundamentais para a difusión, entre outras, de ideas relacionadas coa existencia de dereitos nunca recoñecidos, co carácter continxente dos diversos poderes e coa capacidade de acción das maiorías oprimidas. Hoxe, corresponde aos medios audiovisuais (nomeadamente á televisión) a maior cota de responsabilidade no eido informativo. A televisión, “esa instancia maternal” en termos de Baudrillard, ofrece a información que lle peta (de acordo cos seus intereses) en paquetes de palabras, imaxes e música, acaídos para ser engulidos polo respectable sen ter sequera que mastigalos. Velaí o principal retroceso fronte á prensa escrita que esixe mais tempo e mais concentración, podendo dar lugar a reflexión, análise e crítica.
Se editar un xornal supón un investimento considerable, a creación e mantemento dunha canle televisiva esixe unha capacidade financeira ao alcance de poucas persoas ou institucións. Consecuencia disto é a interferencia da oligarquía económica na construción da información que chega á cidadanía. Este feito explica o mencionado recorte do abano informativo que antes se mencionou.
Conclusión (outro día falaremos de internet): Non existe pluralidade informativa, logo non se dan as condicións para a supervivencia da democracia.

Publicado no Progreso 13-4-2013

Filosofía galega

Miguel Ángel M. Quintanar 


Unha corrente subterránea atravesa a nosa cultura como un regueiro de auga limpa: a filosofía galega. Diante da ameaza de minorar a súa presenza nos currículos educativos, de lei é lembrar a algúns dos que, nalgún momento, ou ao longo da súa traxectoria, inseriron nela a súa inscrición: Eloy Luís André, Vicente Viqueira, Ramón Piñeiro, Celestino Fernández de la Vega, García Sabell, Dieste.
En 1973 bota a andar a Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago. As actividades da Aula Castelao (Pontevedra), Sogagi (Sociedade Galega de Filosofía), grupos Aletheia (Vigo) e Doxa (Lugo), e os Encontros de Filosofía na Costa da Morte, manteñen viva a súa utilidade cívica. Contribúen a esta labor filósofos e filósofas singulares que coa súa escrita fornecen á cultura galega de ideas, análises e perspectivas innovadoras. Exemplo disto é Luís G. Soto que vén de recibir o premio Carvalho Calero na modalidade de investigación polo seu libro ‘O labirinto da saudade’, editado por Laiovento.
O protagonismo da saudade non é novo na nosa cultura. Asenta en fondas raíces: Pondal, Rosalía, Curros. Nas dúas primeiras décadas do século XX é estudado por Porteiro Garea, Xaime Quintanilla, Cabanillas, Risco, Dieste e Viqueira. Logo da polémica provocada en 1927 polo médico Nóvoa Santos, resulta exemplar a reacción de Plácido Castro en defensa do triplo elo de galeguismo, saudade e vida. Blanco Amor e Castelao, nos anos corenta, e a comezos dos cincuenta Ánxel Fole e Otero Pedrayo, meditan sobre ela. A partir de 1953 cinguen o tema Piñeiro, Sabell, Rof Carballo, Salvador Lorenzana, entre outros. Próximos a nós están os traballos do filósofo e teólogo Andrés Torres Queiruga.
No país veciño, en Portugal, a saudade tamén é protagonista da cultura. O saudosismo, inaugurado por Teixeira de Pascoaes na primeira década do século XX, configúrase como unha potente corrente de renovación artística, social e política, materializada nun notable florecemento da cultura portuguesa, que abarca filosofía, literatura e arte. E nos nosos tempos a saudade ten suscitado as reflexións dun filósofo tan laureado como Eduardo Lourenço ou, entre os máis novos e xa no século XXI, Paulo Borges.
Nos nosos eidos a saudade tense investigado desde tres puntos de vista: estético, psicolóxico, metafísico. A novidade de ‘O labirinto da saudade’ radica en tratala outramente, nas súas dimensións menos evidentes, malia ser as máis produtivas e fértiles: ética e política.
Cunha escrita áxil e persoal, cómplice coas experiencias do lector atrevido e curioso, Luís G. Soto proponnos un percorrido biográfico sobre os fitos da saudade súa: libros, paisaxes, esculturas, pinturas, poemas, encontros, fotos, lugares. As reflexións sobre as saudades galegas, o saudosismo portugués, e, sobre todo, Pondal, entre outros, sorpréndennos co descubrimento (ou construción) dun novo concepto de saudade e agasállannos cunha conclusión (ou hipótese) inédita. O autor atopa na saudade un percorrido pola «experiencia do recoñecemento»: da propia situación de soidade, do contexto social no que acontece esa soidade, das outras persoas como posibilidade de superación desa situación, da mensaxe da saudade como rotura do illamento e reactivación da socialidade (durmida, silenciada, alienada). Esta experiencia de recoñecemento encárnase nun chamamento público, político, e, tamén, nunha interpelación persoal, ética.
A saudade non é parva morriña dun lugar, ou señardade sinxela dunha época pasada, dunha persoa ausente. Non é tristura no tempo nin presenza rabenada. É consciencia da propia soidade, mais acompañada dunha «vontade de sociedade» que se materializa nunha mensaxe comunicativa lanzada aos outros. Mercé á saudade as persoas expresan a súa soidade tentando establecer (ou restablecer) a común sociedade a través da lingua, artes, pensamento, actividade política a prol dun ben común. É a dimensión ética da saudade: camiño de encontro do outro. E a súa faciana política: procura dun contexto solidario que busca un novo contrato (pacto) social.
A saudade non é un tema pasado de moda. A lectura de ‘O labirinto da saudade’ mostra o seu proteico dinamismo. Se a sociedade devece por construír saídas á gravísima crise actual, quizais cadaquén deba encontrar o tempo de reflexión no que poida volverse sobre si, descubrirse de novo nas súas perdas e ausencias, e, desde aí, comezar a refacer (e revalorizar) as relacións de convivencia desde o que eu chamaría Principio da Saudade: é inelutable a necesidade que temos do outro, e o outro de nós, para facérmonos xuntos (na xustiza, na ledicia) o camiño do labirinto no todos que estamos arroxados.


Publicado no Progreso 6-4-20123