Elías Pérez Sánchez
O Anteproxecto de Lei Orgánica para a
Mellora da Calidade de Ensino (LOMCE) pretende relegar á Filosofía e ás
distintas materias hoxe vinculadas á Filosofía, como a Educación para a
Cidadanía e os Dereitos Humanos -EpC- ou a Ética e Cidadanía -EyC- e que
manteñen na actual GABE un continuo curricular, a unha disciplina académica de
ámbito marxinal.
Sen entrar en detalles que confundan o
lector convén destacar a eliminación de EpC e de EyC e a súa implantación
curricular nos niveis educativos de primaria e secundaria en beneficio dunha
dubidosa transversalidade dos contidos destas diluíndo a importancia que ten na
educación o coñecemento dos fundamentos racionais da conduta cidadá e a
adquisición de habilidades sociais para o desenvolvemento dunha correcta
convivencia democrática, e renunciando ao estudo dos preceptos, deberes e
dereitos constitucionais ligados -como non podería ser doutro xeito- á
Declaración Universal dos Dereitos Humanos e outros tratados internacionais.
Por outra parte, a LOMCE pretende tamén
despoxar da materia Filosofía e Cidadanía, actualmente cursada no bacharelato,
a parte do currículo vinculado á cidadanía en beneficio da Filosofía
tradicional cando a devandita materia pretende, na actual LOE, que o alumnado
afonde na dimensión ética do concepto de cidadanía clarificando as súas bases e
proxeccións filosóficas remitíndoo, dun xeito natural, ao estudo do concepto
mesmo de Filosofía e da súa aplicabilidade. Non esqueza o lector que as
materias antes citadas teñen como obxectivo "desenvolver unha conciencia
cívica, crítica e autónoma, inspirada nos dereitos humanos e comprometida coa
construción dunha sociedade democrática, xusta e equitativa e coa defensa da
natureza, desenvolvendo actitudes de solidariedade e participación na vida
comunitaria,".
E por se fose iso pouco, o Anteproxecto
LOMCE desterra a Historia da Filosofía do actual bacharelato ao ámbito da
elección discrecional por parte do alumnado coa consecuente perda do status
académico cardinal mantido durante décadas. Semellante desprezo cara ao
coñecemento das orixes e a evolución do pensamento da humanidade no currículo
escolar denota, canto menos, a consideración da Filosofía como un saber inútil,
improdutivo e infecundo.
Todo isto me fai recordar o discurso
inaugural lido pola Catedrática de Ética, Esperanza Guisán, na solemne apertura
do curso académico 2005-2006 da Universidade de Santiago e que levaba por
título "Da útil inutilidade da Filosofía". Naquela brillante lección
maxistral, a doutora Guisán defendía a necesidade e a utilidade da Filosofía
nunha época histórica como a nosa onde tanto escasean os valores criticamente
asumidos.
Sorprende amargamente que os poderes
públicos insistan na necesidade dun ensino de calidade para despois privar o
alumnado dunha formación específica indispensable que lle axude a desenvolver
as competencias necesarias que lle faciliten o acceso ao coñecemento dos
valores constitucionais, os textos estatutarios de autonomía, os tratados
internacionais, e os que garanten e formulan os distintos Dereitos Humanos.
Resulta asombroso que a reflexión na aula sobre a lexitimidade do poder
político, os fundamentos filosóficos do Estado democrático de dereito, a
liberdade e a tolerancia poida ser considerada un mero anexo na formación
integral dos mozos e mozas de hoxe en día.
Hai que priorizar a formación de bos
cidadáns antes que "bos profesionais". A profesionalidade é,
certamente, unha virtude pública na medida que serve aos intereses comúns da
sociedade, como moi ben indicou Victoria Camps nalgún dos seus libros. Pero a
educación do futuro profesional non debera minimizar o papel liberador da
Filosofía e a relevancia dunha educación moral que reforce e mellore as súas
virtudes cívicas e públicas. E que os converta en bos cidadáns.
Publicado no Progreso o 8-12-2012
No hay comentarios:
Publicar un comentario