Mar Carballo Cela
Fáganse unha pregunta: cantas persoas cren que se decantan por unha opción
electoral desde unha auténtica comprensión do funcionamento da súa sociedade e
das ideoloxías que ditas opcións representan? Ou, o que é o mesmo, canto hai de
fe e canto de coñecemento cando a cidadanía decide o seu futuro? (Quédense coa
palabra “futuro” porque volveremos sobre ela).
Proudhom afirmaba con rotundidade que os gobernos se sustentan sobre a fe
das masas. Pero contra a fe só hai un antídoto, a ausencia de medo. Como dicía
Baltasar Gracián “de nada serve que a razón se adiante se o corazón se
queda”. Non é ningún segredo que a
manipulación precisa do medo, pero gustaríame facer unha reflexión sobre a súa
relación co futuro, porque o medo é sempre do futuro.
Distanciémonos por un momento das nosas categorizacións culturais e
acheguémonos ás de outros pobos radicalmente diferentes ó noso. Isto axudaranos
a comprendernos mellor xa que ante as diferenzas xorde a inevitable pregunta de
por que somos como somos, e a busca de respostas fainos un pouco máis libres.
Nos anos 1980 o lingüista Daniel Everett viaxou a Brasil como misioneiro
coa fin de evanxelizar á tribo Pirahá. Despois de vivir moitos anos con eles
non só non conseguiu convertelos ó cristianismo senón que el mesmo se volveu
ateo, o cal nos indica que estamos ante un pobo difícil de manexar. No seu
imaxinario non tiña sentido un creador: “todo é o mesmo”, respostaban; pero o
que máis chama a atención do seu estilo de vida é que viven aferrados ó presente,
non prestan a máis mínima atención ó futuro, por iso se torna imposible
manipulalos.
Calquera tipo de manipulación ideolóxica, ben sexa relixiosa ou política,
necesita de individuos cunha forte proxección no futuro: se non hai ningún
paraíso prometido, que razón temos para aceptar as imposicións e os sacrificios
do presente? Por iso se fai necesario desapegarnos do agora e instalarnos nesa
outra vida imaxinada por chegar, sen a cal non pode haber fe. Porque aínda que
nos pareza o contrario, dado que vivimos na era do inmediato, sucédenos o
contrario que ós Pirahá: non lle prestamos ningunha atención ó presente (sempre
incompleto), vivimos na permanente fuxida cara adiante propia dunha sociedade
que alenta a insatisfacción; e así pois, máis que elixir aquelas opcións
políticas polo que están facendo hoxe coas nosas vidas, aferrámonos ás promesas
dun mañá ilusorio, dunha terra prometida, sen ter en conta que o que non é
capaz de construír un presente digno, que aquel ó que non lle importa deixarnos
na rúa hoxe, tampouco lle vai importar o
que suceda con nós mañá.
En definitiva, que sen auténtico coñecemento non pode haber unha praxe
liberadora, e isto ha de empezar por coñecernos a nós mesmos, como sabiamente
afirmaba Sócrates. Se un non se coñece a si mesmo, a orixe dos seus medos e as
relacións que en base a eles establece cos demais e co poder, dificilmente será
capaz de decidir a súa vida. No fondo, seguimos sendo como o pobo de Israel
guiado polo deserto cara unha terra prometida, aceptando os sacrificios do
camiño a cambio dun lonxano espellismo. Pero a pregunta esencial, a que me
interesa que respondan é a seguinte: que estás disposto a facer neste momento
por min? Non me importa o que estés disposto a facer no futuro, porque no
futuro volvereiche facer a mesma pregunta. O futuro vaise construíndo
solventando xusta e intelixentemente as dificultades presentes para enfrontarse
ó mundo. Non é certo que non existan solucións para mellorar a nosa vida
actual, os amos sempre tiveron na súa man aliviar o sufrimento diario dos
escravos, sempre hai maneiras de influír de inmediato para unha maior xustiza
social, cousa diferente é que non sexa útil para determinados intereses.
Non só nos marcan o ritmo ó que debemos vivir (pensen por que levan un
reloxo no pulso e que relación garda isto co sistema de produción capitalista),
a miúdo tamén nos rouban a experiencia de vivir
a cambio de soñar.
Publicado no Progreso o 19-7-2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario