José Domingo de Prada
Quen manda
aquí?»
preguntei
Dixéronme:
«O pobo
naturalmente».
Dixen eu:/
«Naturalmente o
pobo
pero, quén/
manda
realmente?»
Bertolt Brecht.
Pode que poidamos, aínda que vai ser difícil. Quen
detenta o poder xoga coas cartas marcadas, ten dobres barallas e cambia as
regras do xogo, segundo este se desenvolve, se non lle gusta o ritmo que toma.
Polo mesmo, a banca sempre (en)gana.
Vendéronnos que a democracia consiste no xogo limpo,
na procura do ben común, incluso cun matiz utilitarista no beneficio da
maioría, que é -teoricamente- quen decide. Volvéronnos a (en)ganar, pois se
quedaron con todo o que puxemos, pero sen que mercaramos nada. Estivemos
perseguindo unha cenoria que nos levou a dar voltas na noria que abasteceu de
cubos de diñeiro a banqueiros e empresarios que manexaban (manexan) como
monicreques aos políticos que xogan na «porta xiratoria».
Quen nos (en)ganou? Quen detenta o poder? A día de
hoxe só hai unha resposta: quen ten cartos. Non mandan os políticos, senón que
mandan os ricos. Vivimos nunha evidente plutocracia. Os que están ao fronte das
corporacións produtivas, financeiras e especulativas controlan medios de
comunicación ou toman decisións que son asumidas tanto polos políticos que
gobernan como polos que están na oposición, e deciden sobre a nosa vida de
xeito directo (impoñéndonos a realidade que eles constrúen) e indirecto
(convencéndonos que esa é a realidade na que nos apetece vivir).
Todo é (en)gano -gañan eles-. Pero o peor de todo é
que non temos nada que reclamarlles, todo o que nos pasa é porque así o
queremos ou alomenos o aceptamos. Se nos (en)ganan é porque nos deixamos
(en)ganar. Sempre se oíron cantos de sirena fraudulentos, e seguiunos o que
quixo. Nestes tempos, sirenas e ‘sirenos’ políticos cantaruxan as bondades
liberais como se foxen principios revolucionarios de liberación proletaria e
planetaria. O novo ‘estribillo’ proclama que estamos ante a consumación dos
tempos (todo tempo consumado é a realización dunha profecía), e o resultado
final parece que foxe que o triunfador último é o liberalismo.
Pero aos liberais só lles interesa o seu beneficio,
canten o que canten os seus voceiros, tipo Fukuyama quen coa súa teoría da «fin
da historia» pretende convencernos da inevitabilidade da hexemonía do
liberalismo, ou Ackerman quen pregoa a liberdade individual, aínda a costa da liberdade
colectiva -como se se puidese ser libre nunha sociedade escravizada-.
Desde 1989, ano da caída do muro de Berlín e da
derrota oficial dos réximes comunistas, todos os sirenos/as dan o mesmo ton: os
tempos son cumpridos, vivimos no mellor dos mundos posibles e todo grazas ao
liberalismo liderado e exportado polo modo de vida americano (occidental queren
dicir, pero din americano).
Nestas estabamos cando nos sorprenderon mobilizacións
populares que pedían democracia substantiva, directa e non adxectivada. Como
toda mobilización popular pronto se desgastou e quedou reducida a cinzas. Ata
que nos sorprendeu un novo partido político saído da nada, de catro espazos
televisivos e uns contactos das redes sociais, con xente sen compromisos
previos, sen aparato de partido, sen historia previa de poder, e disposta a
mergullarse en areas movedizas con inxenuidade e sen estruturas ríxidas detrás.
Aí está o reto: que consigan saír adiante e manter esa frescura de palabra e de
acción que era un clamor na rúa. Pero polo que se ten visto nos últimos días,
os problemas internos van ser moi fortes, se conseguen superalos, gañariamos
todos ao abrirse unha nova posibilidade.
Non nos enganemos os de sempre non nos representan,
porque son a voz do seu amo (o que paga manda, B. Brecht). Podemos é unha
quixotada hispana, pero esta vez non se loita con muíños, senón con xigantes de
verdade, provistos de sete vidas, cando menos. Se temos que perder, perdamos, e
aínda que nos gañen, que non nos enganen
Publicado no Progreso o 14-6-2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario