José Domingo de Prada
Para vertebrar o relato do mundo no que vivimos, do noso mundo, acudimos ás
certezas. Vostedes que están lendo estas liñas, eu que as escribo, todos en
xeral, construímos unha determinada imaxe do mundo en función das nosas
certezas, as cales se configuran a si mesmas e configuran o mundo no que se
desenvolve a vida do suxeito. Guíanse neste desenvolvemento polas necesidades
-reais ou inducidas-, coñecementos e experiencias, expectativas, medos, desexos
ou limitacións, ás que se enfronta cada quen. Isto se atendemos á perspectiva
persoal, pero tamén as hai no plano social: tradicións, ideas integradas como
evidentes, costumes, ameazas, prexuízos, dogmas, saberes non demostrados...
erros, en suma.
As certezas son instintivas, describen mal o mundo, e precisamente por ese
motivo non se someten á revisión racional, nin á crítica, nin á memoria.
Sobreviven en nós -e na sociedade- a base de non render contas, non explicarse,
non lembrar os seus fallos na interpretación da realidade, non recoñecer as
deformacións que provocan e presentarse sempre como verdades inamovibles.
É máis fácil desmontar unha verdade que unha certeza, pois a verdade si se
somete a revisión, asume a crítica, xorde da dúbida, da inquisición sobre o
mundo, da ansia de saber. En cambio, a certeza é segura, obstinada, firme,
tanto se acerta coma se erra.
Nós, os que vivimos nestes comezos do século XXI, somos suxeitos cargados
de certezas e desposuídos de verdades. Abondosos de nós mesmos damos conta da
realidade desde a superioridade de quen está nela, de quen cre que entende o
mundo porque pensa con compracencia que o domina.
Consideramos que as novidades que constitúen a nosa vida son novidades
absolutas, innovacións orixinais dun novo humano superior en coñecemento,
técnica e desfrute da realidade.
A tendencia é mirar con certa soberbia ao pasado: ignorante, bárbaro e
cruel. Vivimos convencidos das nosas bondades e iso nos fai cegos aos nosos
defectos. Presos desta soberbia -hybris, dirían os gregos- repudiamos a procura
da verdade pensando que é nosa e que está nas nosas certezas.
Aínda que moitos o neguen, a confusión do pensamento coa realidade está
cada día máis presente no noso mundo, a separación entre a realidade e a
ficción (ou realidade virtual como se lle denomina actualmente) cada día é máis
difícil, e desa confusión se aproveitan os que estruturan a sociedade.
Fronte á certeza, a verdade é o relato que supera o que vemos, que
descompón as opinións, que fura no mundo para profundar alén das apariencias e
aínda que con dificultade, tratar de dar conta do que hai. A verdade require
memoria, atención, comprensión, revisar permanentemente opinións e saberes,
avanzar con calma, cartografar o mundo para poder entendelo.
En cambio, a certeza vai lixeira, deslízase sobre a realidade coma un
patinador, foxe das paradas e dos compromisos e abóndalle con ver a superficie
das cousas.
Como non nos van manipular? Desmemoriados, arrogantes, autosuficientes,
carentes de curiosidade e fartos de seguridades, faltos de verdades críticas,
pero cheos de certezas inducidas, sustentadores dunha técnica que admiramos e
que nos domina, inconscientes, impulsivos, irracionais, volitivos...
Poñémosllelo tan fácil coas nosas certezas aos que queren converternos nos seus
xoguetes!
Publicado no Progreso o 22-10-2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario