Elías Pérez Sánchez
Martín Lutero foi o principal artífice da Reforma Protestante, un fenómeno
histórico complexo no que destaca o día en que proclamou as súas 95 teses nas
portas da catedral de Wittemberg en 1517. O seu movemento reformador foi tamén
posible grazas a diversos feitos acaecidos na tardía Idade Media como o
nominalismo de Ockham que comezou a gretar a estrutura teolóxica e filosófica
de Tomás de Aquino, o auxe dos novos estados nacionais que axudou a que o poder
secular fose gañando terreo á Igrexa, o esborralle do Imperio xermánico no
século XIII ao que lle seguiu o ocaso do poder temporal do papado cuxo
nepotismo e perda de valores espirituais foron severamente criticados polo
propio Ockham, Marsilio de Padua ou Wiclef. A Reforma de Lutero en Alemaña foi
consecuencia dun movemento cultural amplo iniciado dous séculos antes ao que se
lle sumou o Renacemento e o Humanismo de inspiración clásica dando lugar a unha
época centrada no descubrimento do home e do mundo e cuestionadora da tutela
clerical.
Difundidas polo recente invento da imprenta, as súas teses foron aceptadas
pola incipiente burguesía, por sectores influentes da nobreza alemá e polo
pobo, traspasando as fronteiras, estendéndose pola Europa continental e
provocando a Contrarreforma católica, futuras tensións confesionais, sociais e
políticas que desencadearán máis tarde nas chamadas guerras de Relixión. Para a
Igrexa romano-católica, a Reforma e Lutero en particular provocaron a maior
catástrofe da historia ao consumar a ruptura da unidade medieval de Occidente e
instigar unha progresiva secularización do mundo occidental que se
materializaría, máis tarde, na Ilustración.
A noción bíblica de Deus proposta por Lutero fronte á noción metafísica da
Escolástica; a comprensión do evanxeo de Cristo como un poder re-creador dun
Deus cheo de amor cara á humanidade; a súa noción de "palabra" en
toda a súa plenitude (como Palabra de Deus e como protesta ante os excesos do
poder temporal); o valor que lle concedía á educación como instrumento transformador
da sociedade civil e como ferramenta para alcanzar a liberdade e a felicidade;
as súas achegas teolóxicas a favor da convivencia pacífica e a súa aposta polo
progreso social, fano precursor de autores como, Schiller, Goethe, Heine, Kant,
Stuart Mill ou Herder.
Non houbo no pensamento de Lutero unha motivación exclusivamente relixiosa.
As súas ideas axudaron a marcar o inicio da modernidade, da liberdade de
conciencia, dos nacionalismos modernos, da revolución educativa europea, da
exaltación dos valores culturais propios, da tolerancia e da xustiza.
Publicado no Progreso o 24-9-2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario