Gonzalo Pérez López
Observar ás persoas que alternan momentos de perda e recuperación da
memoria permite valorar a enorme incidencia desta no seu comportamento. Se con
memoria predominan lucidez e accións coherentes, a ausencia provoca
desorganización cognitiva e condutual e unha destrución da identidade que as
achega ao abismo existencial.
O descrito é transferible do plano individual ao colectivo. A falta de
memoria de sociedades e pobos conduce irremediablemente ao quebranto da
conciencia de clase, á disolución da súa identidade e á conseguinte acción ou
inacción social e política errática ao deixar en mans alleas o presente e o
futuro. Por iso, para dotar ao presente de intelixibilidade e que non estea ao
arbitrio dun azar que se superpón aos nosos intereses, temos que conectalo co
pasado.
Igual que a análise do ADN é o máis preciso para a identificación
individual, as sociedades teñen que atopar na súa memoria colectiva o que faga
entendible o seu devir histórico ata o presente. Ademais da información
xenética individual, hai un "ADN social" que porta información
absolutamente relevante para manter a coherencia colectiva e operar como
antídoto para alienación que provoca a desmemoria.
Somos memoria ou non somos nin seremos nada porque, incapaces de
metabolizar o noso pasado, o presente e o futuro expresarán indefectiblemente a
cronificación dunha realidade socialmente patolóxica.
Entón, ante a grave amnesia histórica que padecemos, a terapia pasa por
reconstruír os feitos que propiciaron a desconexión co pasado e atopar as
razóns ocultas que nos levaron ao nivel de esquecemento actual.
Iniciar esa reconstrución supón situarse na contraditoria transición á
democracia orquestrada polas elites dominantes para perpetuarse no
posfranquismo. Así, resulta comprensible que nunca se concretaran as condicións
de verdade, xustiza e reparación, irrenunciables para transitar á democracia,
que converteran o que foi unha loita de clases nunha guerra fraticida e que
equipararan en responsabilidade a vítimas e verdugos.
Esta malograda transición impediunos detectar como a mentira, a corrupción,
o medo, a humillación, os prexuízos e a imposición da condición de súbditos en
detrimento da de cidadáns, aínda latentes e asumidas hoxe, asentan as bases
psicolóxicas e culturais nos anos da ditadura cuxos perniciosos efectos
transcenderon ao final formal da mesma.
A partir de aquí producíronse unha concatenación de esquecementos como a
fame padecida neste país, que fomos emigrantes e refuxiados ou o sacrificio de
xeracións enteiras para conquistar dereitos inherentes á persoa.
Con estes fundamentos, acadar o obxectivo da perda da conciencia de clase
planificado polo capitalismo resultou moito máis doado. Durante un tempo
empregou o que intencionadamente chamaron estado de benestar para anestesiar o
sentido mesmo do social, insuflándonos un individualismo exacerbado, activando
á vez o desbaratamento do público en favor dos intereses privados e
incentivando o "sálvese quen poda" e "parvo o último" no
reparto individual e desigual do limitado benestar ofertado. Así, deixamos de
valorar que as conquistas irrenunciables, que non irreversibles, afunden as
raíces na solidariedade diacrónica.
Este modelo individualista contaminou todos os ámbitos: laboral, cultural,
mesmo o das relacións interpersoais, viciadas por intereses espurios, alleos á
comunicación e á realización como persoas, que provocaron que grupos cada vez
máis numerosos empezaran a sentirse externos á sociedade.
Asentadas estas premisas, o proceso de desclasamento da maioría
desfavorecida foi imparable. Asociaron a antigalla e a anacronismo o uso de
clase social como base interpretativa dunha realidade inocultable, como se o
desuso do concepto garantise a desaparición da realidade que describe. Esta
falacia foi maioritariamente asumida, incluídos os autoproclamados intelectuais
e boa parte da suposta esquerda política que, afectados polo síndrome da
posmodernidade e obnubilados pola banalidade máis estúpida elevada ó nivel de
culto, renunciaron á comprensión obxectiva da realidade social lexitimando o
status quo capitalista.
Así, priváronnos da ferramenta conceptual insubstituíble para explicar como
a globalización económica, o paro endémico, o traballador pobre, a
precarización laboral, o traballo sen remunerar, o crowdworking, a carga impositiva
sobre as rendas do traballo, o aumento da desigualdade social e dos excluídos,
o triunfo do pensamento único, os dereitos esfumados e a inhibición
reivindicativa, non son máis que a manifestación actual do triunfo do capital
na loita de clases.
Entenderase, entón, como a desmemoria nos conduce ó abismo ó impedirnos
recoñecer que os que nos explotan, humillan, alienan e deshumanizan, sempre con
puño de ferro, as veces con guante de seda, son os mesmos que o fixeron
secularmente. Vítimas dun presente absurdo pola incapacidade para identificar
con lucidez crítica o noso devir histórico, xacemos imposibilitados para
construír o futuro como colectivo porque, esquecendo o pasado e con esta
vivencia distorsionada do presente, o futuro estará definitivamente hipotecado
e nunca será noso.
Publicado no Progreso o 1-10-2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario